‘Catastrazo’ na contribución rústica

As instalacións agrarias inclúense no Imposto de Bens Inmobles. Unións Agrarias pide bonificacións fiscais para as explotacións e aconsella atención dos propietarios ó proceso

Publicidade
‘Catastrazo’ na contribución rústica

A organización agraria recomenda atención dos propietarios ó proceso de revisión.

A revisión catastral que se está a desenvolver en Galicia, tanto no Catastro de Urbana como no de Rústica, terá un impacto importante sobre os bens inmobles do rural. Todas as instalacións agrarias, tales como granxas, naves e invernadoiros, pasan a pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI), coñecido popularmente como contribución. A maiores, a revisión porá ó día posibles ampliacións en vivendas e incluirá novas construccións.

Unións Agrarias, que califica o proceso de “catastrazo”, calcula que o Ministerio de Facenda pretende multiplicar por dez os ingresos do IBI de Rústica. O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, acompañado por José Antonio Diéguez Otero, de Ventonoso, ofreceu unha rolda de prensa onte en Pontevedra para valorar o problema. A organización agraria demanda bonificacións fiscais para as explotacións agrarias.

Onde e cando se vai facer a revisión catastral?
A revisión catastral estase a desenvolver en Galicia desde o ano 2013, en aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro do 10 de setembro do 2013, pola que se determinan municipios e periodos de aplicación do procedemento de regulación catastral. En parte dos concellos galegos xa se realizou e noutros está en marcha, estando a prevista a incorporación de todos os restantes que o soliciten ata finais do 2016 ou 2017, de ser prorrogado o prazo. En Pontevedra, por exemplo, dos 62 concellos da provincia, a revisión xa afectou a 12 e hai outros 18 en proceso.

Que consecuencias ten a revisión para o propietario do rural?

A actualización do Catastro obrigará ó pago da contribución por instalacións que ata agora estaban exentas, como cortes, naves, pendellos ou invernadoiros. A maiores, a revisión porá ó día ampliacións en vivendas e novas construccións, xa que o actual Catastro, que data de mediados dos anos noventa, quedouse desfasado.

Canto se vai pagar de contribución polas instalacións agrarias?

Depende da boa vontade do Concello de turno. A lei permite unha taxa de entre o 0,3 e o 0,9 % do valor da propiedade. Unións Agrarias demanda que os Concellos teñan en conta a situación de crise xeralizada pola que atravesan a maioría das produccións gandeiras de cara a aplicar a taxa mínima. A organización agraria pide ademais que os Concellos establezan bonificacións para as explotacións agrarias en base a diversos criterios (persoas xubiladas, familia numerosa, etc.). Ambas medidas son posibles só en Concellos que non estean sometidos a un ‘rescate municipal’ das súas contas a través dun plan de axuste (RD 4/2012) ou dun plan de estabilización financieira apoiado por Facenda.

Traducido a números, como queda a cousa?
Un establo valorado en 100.000 euros, e que ata o momento da revisión non viña pagando o IBI, pasaría a pagar 900 euros ó ano se se lle aplicase a taxa máxima que permite a lei, un 0,9%. Unións demanda que os Concellos apliquen a taxa mínima, do 0,3%, coa que se pagaría 300 euros ó ano. De aplicarse bonificacións a maiores sobre o IBI, tal e como reclama a organización agraria, a cota podería baixar ata outro 90%, quedando en 30 euros ó ano.

Que recibo lle chegará ó propietario pola actualización do Catastro en vivendas do rural?
Depende das ampliacións ou novas construccións que fixera o propietario. Se se produciron cambios, o Catastro enviaralle unha primeira carta ó propietario informándoo de que lle concede unha amnistía -por non ter comunicado as ampliacións-, previo pago de 60 euros. “Ollo, porque hai propietarios que pensan que os 60 euros é o pago do recibo, cando non é así” -advirte Jacobo Feijoo, de Unións-. “Para consultar o recibo actualizado, que nos pasarán no seguinte ano, hai que introducir vía internet a clave que se nos facilita na carta na que nos comunican a amnistía”.

Unións incide en que tamén se debe ter en conta que Catastro pode reclamar os últimos catro anos de atrasos. “Xa se deron casos de recibos por riba dos 1.000 euros. Por exemplo, en Chantada tivemos o caso dun propietario que estaba pagando 50 euros e pasou a pagar 300. A diferencia son 250 euros, pero como se lle reclamaron os 4 anos anteriores, o primeiro recibo tras a revisión pasou dos 1.000 euros”, explica Jacobo Feijoo.

Que pode facer o propietario?
Unións Agrarias considera que é fundamental que o propietario preste atención ó proceso de revisión para que a actualización se axuste á realidade, xa que di, estanse a dar moitos erros na catalogación das instalacións, como por exemplo a clasificación de naves de uso agrario como almacéns de uso urbano, coas conseguintes consecuencias de valoración e de quedar fóra de posibles bonificacións. É conveniente prestar tamén atención á taxa, entre o 0,3 e o 0,9, que vai aplicar o Concello no que se vive.

image_print

Una idea sobre “‘Catastrazo’ na contribución rústica

  1. lina

    Os q temos naves de polos tannos arruinando. Todos savedes o q costan estas instaacións , como cobren por coste de construcion vai a 4000 € ano e todos sabemos q non exajero. Tomemos medidas q
    Nos funden..miremos por este problemazo q se nos ven encima e quedan tan agusto. Cada vez menos polos por camada e mais dias de vacio entre camadas antes 10 dias agora ata 30 antes seis camadas ano, agora catro.. Xa ides vendo…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información