Expolugo reúne esta fin de semana alimentación, maquinaria e unha mostra de razas autóctonas nunha das principais feiras agrogandeiras de Galicia

Máis de 300 animais, entre vacas, cabalos, ovellas, cabras, porcos ou galiñas, e 40 expositores danse cita o sábado e domingo no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo dentro do San Froilán, con entrada de balde

Expolugo reúne esta fin de semana alimentación, maquinaria e unha mostra de razas autóctonas nunha das principais feiras agrogandeiras de Galicia

Edición anterior de Expolugo. / Archivo.

Expolugo convértese de novo esta fin de semana na máis completa exposición gandeira de Galicia, na que participarán máis de 300 animais de distintas razas autóctonas galegas, ademais de 40 expositores de agroalimentación ou maquinaria que encherán máis de 6.000 metros cadrados de zona expositiva.

Coincidindo co San Froilán, o Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo acolle un ano máis esta mostra o sábado 6 e o domingo 7 durante todo o día (de 12 da mañá a 9 da noite) e con entrada de balde. Agárdase que asistan unhas 10.000 persoas a esta feira especializada no eido gandeiro e agroalimentario, complementada con empresas relacionadas co sector primario e onde cobra un protagonismo especial a maquinaria agrícola.

Como xa é tradicional, en Expolugo estarán representadas as principais razas autóctonas galegas, coa presenza das súas asociacións xestoras y de mostra de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola mostrarán unha selección dos seus mellores exemplares, chegados de distintos puntos da provincia de Lugo.

Trátase dunha mostra xa consolidada no sector e un referente tanto na provincia de Lugo como no resto da comunidade, que mostra á perfección a importancia e o potencial do sector primario na provincia de Lugo e que chega este ano xa á súa XXI edición. Haberá ademais outras actividades complementarias como premios, mostras de artesanía, presentación de produtos e degustacións.

Presentación de novidades en agroalimentación ou maquinaria e mostra de artesanía
En Expolugo defínense as seguintes áreas perfectamente diferenciadas:

– Mostra gandeira: celebra a súa décimo terceira edición e ano a ano supón un éxito de afluencia de público e de vendas. As principais asociacións gandeiras de razas autóctonas de Galicia están presentes con animais vivos en Expolugo: ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta), OVICA e ASOVEGA (Ovella e Cabra galegas), AVIMÓS (Galiña de Mos), BOAGA (Vacas das razas Cachena,Vianesa, Limiá, Caldelá e Frieiresa ) e ACRUGA (Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega).

– Mostra Agroalimentaria de Razas Autóctonas: Exposición de produtores de razas autóctonas con venda de produtos directamente do produtor ao consumidor.

– Mostra de artesanía: os principais artesáns da provincia participarán nesta mostra onde se poderán ver demostracións e adquirir produtos elaborados artesanalmente (tear, madeira, coiro, etc.).

– Zona comercial e institucional, contará con empresas relacionadas co sector rural e institucional.

Ademáis da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, a feira verase completada con outras actividades habituais en Expolugo, sempre relacionadas co sector primario:

– Presentación de produtos e novidades no sector en servizos, ferramentas, aplicacións, maquinaria, etc.

– Charlas técnicas a cargo das asociacións participantes no evento, como poden ser as organizadas por ACRUGA, ASOPORCEL, OVICA, etc. Charlas sempre abertas a todos os públicos e nas que sobre todo asiste público especializado nas diferentes temáticas que se aborda.

– Celebración de asembleas e xuntanzas de socios: cada ano algunhas das asociacións que participan na mostra agrogandeira, deciden facer coincidir en datas a celebración das suas asembleas anuais. É o caso de AVIMÓS ou ACIVO.

Protagonismo para as razas autóctonas galegas
Unha parte moi importante de Expolugo xira arredor da visibilización e posta en valor das razas autóctonas galegas, cunha serie de accións encamiñadas ao intercambio de experiencias entre os criadores e ao seu coñecimento tanto entre o público en xeral como entre os consumidores:

– Degustación de produtos de raza autóctona: Como maneira para achegar este tipo de produtos ao cidadán, realizarase unha degustación, onde se explicarán as características dos produtos das razas autóctonas. Entregarase documentación a todos os visitantes de onde poden adquirir os produtos das nosas razas autóctonas.

– Mercado Alimentario de Razas Autóctonas, con venda de productos directamente do produtor ao consumidor.

– Exposición das razas autóctonas bovinas en perigo de extinción (Cachena, Caldelá, Limiá, Frieiresa e Vianesa).

– Exposición das razas Ovella Galega e Cabra Galega.

– VI Concurso-Exposición Provincial da Galiña de Mos

– Exposición de raza Porco Celta

– Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega (IV memorial Luciano Sánchez) e concurso-exposición de gando de raza Rubia Galega

Desfile de gando do San Froilán.

Desfile de gando do San Froilán.

Desfile de gando polo centro da cidade
Expolugo é un complemento esencial do San Froilán, que naceu como feira de carácter anual. Para lembrar esta orixe, o venres terá lugar un ano máis un desfile de gando polas rúas do centro da cidade na que participarán exemplares das distintas razas autóctonas que ao día seguinte se poderán ver no Pazo de Feiras e Exposicións.

A gandería e os produtos do campo eran o eixo sobre o que se conformaba historicamente a festa do San Froilán, á que acoden todos os anos persoas de toda a provincia e de distintos puntos de Galicia. Expolugo contribúe así a manter a tradición das feiras polo San Froilán, á vez que se revaloriza a importancia do sector primario na provincia de Lugo, esencial na economía de moitos concellos e para manter un rural vivo.

A prensenza dos animais polas rúas do centro da cidade, moi perto do lugar onde outrora se celebraba a Feira de Gando, congrega cada ano a numeroso público e serve para lembrar o carácter rural dunha cidade coma Lugo, cunha perfecta simbiose entre o rural e o urbano dentro dun termo municipal que conta con 54 parroquias rurais.

No desfile participan cos seus mellores exemplares ganderías como a de Saúl Rouco, que cría porcos celtas en Vilalba, ou a de Manuel López Quiroga, un dos gandeiros de Rubia Galega máis galardonados do país.

PROGRAMA EXPOLUGO 2018

SÁBADO 6 DE OUTUBRO
11:30 h Desfile de Gando pola cidade de Lugo. Participarán no desfile con exemplares de animais as asociacións ASOPORCEL, OVICA, ACRUGA, BOAGA, GALIÑA DE MOS, ASOVEGA , AVIMOS, CAN DE PALLEIRO e AGAMAC.
O percorrido transcorre pola Avenida Alcalde Anxo López (tramo peonil da Ronda da muralla), Praza da Constitución, entrada pola Porta do Campo Castelo, Praza maior (recepción diante da casa do Concello), Rúa Bispo Aguirre, volvendo ao punto de partida.
10:00 h -14:00 h Concurso- exposicións de Gando de Raza Rubia Galega. IV Memorial Luciano Sánchez
13:15 h. Inauguración Oficial Expolugo, A Rural 2018
13:30 h Entrega de diplomas e clausura do Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega -Memorial Luciano Sánchez
Outras actividades:
-VI Concurso Exposición Monográfico Provincial da Galiña de Mos (200 EXEMPLARES)
– II Concurso Monográfico Provincial da Raza de Porco Celta

DOMINGO 7 DE OUTUBRO
13:30 h-15:30 h. Degustación de produtos de razas autóctonas de Galicia
19:30 Entrega de premio do II Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta
20:00 h. Entrega de premios do VI Concurso-Exposición Monográfico Provincial da Raza Galiña de Mos
21:00 h. Clausura da XXI edición de Expolugo, A Rural 2018
Outras actividades:
– VI Concurso Exposición Monográfico Provincial da Galiña de Mos (200 EXEMPLARES).
– II Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información