¿Como axudar no campo sen ser sancionado pola Inspección de Traballo?

Esta semana, coincidindo coa vendima e a colleita de patacas, saltaban a luz as sancións do Ministerio de Facenda a produtores profesionais pola axuda que lle estaban prestando familiares e amigos. Explicamos os casos nos que si se pode contar con colaboración nas actividades agrícolas e gandeiras.

Publicidade
¿Como axudar no campo sen ser sancionado pola Inspección de Traballo?

Na vendima é frecuente a colaboración entre veciños ou familiares.

Esta semana o sindicato Unións Agrarias denunciaba as sancións de funcionarios de Inspección de Traballo a varios produtores galegos de uva e de pataca por contar con colaboración familiar e de amigos nas colleitas, ao non estar dados de alta na Seguridade Social.

Este celo recadatorio, que para a organización agraria, resulta “inxustificable”, ten a súa base xurídica, que se establece no Estatuto dos Traballadores, e en concreto no Real Decreto Lexislativo 2/2015. Afecta soamente as producións de agricultores e gandeiros profesionais destinadas a venda, pois os cultivos para autoconsumo están evidentemente exentos.

En concreto, no artigo 1 apartado 3 establécese que non estarán rexidos pola normativa laboral, e por tanto poderán realizarse sen estar datos de alta na Seguridade Social e sen expoñerse a sancións de Facenda:

-Os traballos realizados a título de amizade, benevolencia ou boa veciñanza.

-Os traballos familiares, salvo que se demostre a condición de asalariados de quen os leva a cabo. Consideraranse familiares, a estes efectos, sempre que convivan co empresario, o cónxuxe, os descendentes, ascendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive e, no seu caso, por adopción.

Por tanto, e segundo precisan desde o gabinete xurídico de Unións Agrarias, non habería problema para un agricultor ou gandeiro ante unha inspección de traballo en dous supostos:

1- Traballos a título de amizade ou boa veciñanza: neste suposto podería ampararse un autónomo (RETA) agrario que está a traballar na explotación doutro RETA puntualmente. É algo moi común na época de ensilado do millo, na que gandeiros veciños axúdanse mutuamente.

2. En caso de traballos familiares, por exemplo cando un produtor de pataca ou un viticultor profesional bota man da familia no momento da colleita. Pero neste caso a lei esixe cumprir dúas condicións:

-Convivencia no mesmo fogar.

-Que exista relación familiar de ata segundo grao (ao titular da explotación agrícola ou gandeira poderían ir axudarlle os seus pais/sogros, os seus avós e os seus netos, o seu cónxuxe, os seus irmáns/cuñado, e os seus fillos/xenros/noras) sempre que non estean a percibir prestación ou subsidio de desemprego, e que residan no mesmo fogar. Pola contra, o agricultor ou gandeiro podería ser sancionado pola Inspección de Traballo e o familiar ou amigo podería perder as prestacións.

E por suposto, en ningún caso poderá haber retribución económica formal nin unha relación laboral encuberta.

“Nos demais casos, que haxa sanción ou ou dependerá das circunstancias e do criterio do inspector”, recoñecen desde o gabinete xurídico de Unións Agrarias.

A conselleira do Medio Rural toma partido

As sancións a varios agricultores profesionais da comarca da Limia por contar con colaboración familiar e veciñal chegou este mércores ao pleno do Parlamento de Galicia.

A deputada do PsdeG-PSOE, Noela Branco, criticou o “afán recadador do Partido Popular contra pequenos agricultores e viticultores, que contan con axuda familiar na vendima, mentres que grandes adegas de simpatizantes do Partido Popular e que empregan a traballadores sen contrato non reciben estas inspeccións”.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, retou á deputada socialista a que “non difame e presente denuncia, porque a lei é a mesma para todos”.

Ángeles Vázquez lembrou que nesta cuestión “hai que diferenciar claramente a tradición, na que veciños ou familiares van axudar a recoller patacas ou á vendima, do traballo realizado por auténticos temporeiros, que deben estar asegurados tanto por ben do traballador como do titular da explotación”. “Hai que diferenciar claramente entre tradición e cando se trata dunha actividade empresarial, na que se pretende abaratar custos de man de obra”, concluíu.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información