Estamos na época de remate da sementeira dos cultivos forraxeiros de inverno, en Galicia claramente dominados polo Raigrass, unha especie que malia a súa elevada produción, ten o hándicap de baixa porcentaxe de proteína e a veces difícil ensilabilidade.
Neste sentido, Javier Blanco Anta, director comercial de Coluga (Comercial Lucense Ganadera), falou a pasada semana sobre “Cultivos alternativos ao raygrass: custos de produción e estratexias nutricionais”, dentro da xornada sobre pradeiras organizada polo Centro de Promoción Rural da EFA-Fonteboa.
Coluga acumula unha ampla experiencia en asesoramento técnico a explotacións gandeiras e conta con campos de ensaios propios tanto de leguminosas como de cereais. Proba da importancia destes cultivos é que en Galicia seméntanse máis de 200.000 hectáreas de pratenses, a gran maioría para forraxes para ganderías de vacún de leite e de carne.
Como punto de partida, Javier Blanco recordou que “é preciso definir o sistema de explotación que temos e marcarnos uns obxectivos para poder tomar decisións” e optimizar a produción de forraxes.
Vantaxes dos cultivos alternativos ao raigrass:
Como principais vantaxes dos cultivos alternativos ao raigrass, o responsable de Coluga destacou que:
-O seu custo de produción é case a metade que o millo forraxeiro: 74 euros por tonelada de materia seca no caso do triticale fronte aos 138 de media no caso do millo forraxeiro.
-Teñen unha alta produción e calidade.
-Permiten deseñar diferentes fórmulas de mestura de variedades segundo as necesidades nutricionais de cada explotación e as características do terreo do que dispón.
-Son de fácil manexo.
-Son cultivos pouco esquilmantes do terreo en canto a necesidades nutricionais, e no caso das leguminosas mesmo son mellorantes ao fixar nitróxeno no solo a través dos seus rizomas.
-Presentan unha moi boa ensilabilidade e en xeral hai poucas perdas por fermentacións anómalas no silo. Canto máis leguminosas menor materia seca e máis dificultade para ensilar, polo que é preciso realizar unha boa mestura de leguminosa cun cereal ou cun raigrass.
-Estes cultivos forraxeiros alternativos permiten dispor de racións moi homoxéneas en presentación e con estabilidade no tempo.
-Permiten sementeiras tardías e colleitas temperás. Deste xeito, é posible realizar unha rotación con millo forraxeiro e reducen a proliferación de malas herbas, mellorando a estrutura do solo e mesmo produtividade da colleita posterior de millo forraxeiro.
En canto ás variedades, dentro do seu catálogo de cultivos de inverno 2016 Coluga ofrece cereais como triticales, aveas (branca e negra), centeo ou cebada; así como leguminosas, como a veza (tanto sativa como villosa), titarro, trevos, alfalfa, esparceta, guisante e diferentes mesturas de cereais máis leguminosas.
Claves do éxito dos cereais e leguminosas de inverno para ensilar:
“Son cultivos que hai que saber manexar, destacando o momento óptimo de corta, pero polo demais o seu cultivo non é máis complicado que o dun raigráss”, destaca Javier Blanco.
Así, os principais aspectos nos que hai que incidir para lograr unha boa colleita son:
Elección da variedade:
-Correcta elección do cultivo e da variedade. Hai que elixir variedades específicamente para forraxe, que son de ciclo máis longo, para que espigue máis tarde, e que, a diferencia das de grado, priorizan a produción de folla.
-Factores nutricionais: realizar un correcto abonado, tal e como se recomenda nas diferentes fichas de cultivo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
-Ter en conta a precocidade e o momento da floración.
-Que teñan resistencia ás condicións meteorolóxicas de Galicia, sobre todo á humidade e ao encamado. Neste sentido, son interesantes as variedades de triticale.
-Elixir variedades que sexan resistentes a enfermidades.
-Ter en conta a relación calidade/prezo: adoitan ser variedades algo máis caras que as de gran pero o seu rendemento é maior, polo que compensa pagar un pouco máis pola semente.
Dose de sementeira:
A dose de sementeira recomendable debe ser específica para ensilado en verde, non para grao. Así, por exemplo, mentres que a dose recomendada en triticale para grao é de 170 kilogramos por hectárea, no caso de ser para ensilado en verde sube a 250 kilos por hectárea. Un maior custo en semente que se ve compensado cun rendemento maior da colleita.
Momento óptimo de corte:
“O cereal sempre nos vai avisar do momento óptimo de corte: no caso da avea espiga no terceiro nó e o triticale no quinto. Tamén podemos abrir a planta cun cutter e xa vemos o punto e o grao de formación da espiga, e en función diso podemos programar a fase de ensilado óptima”, explica Javier Blanco.
Ensilado:
-Os cereais son cultivos que teñen moita materia seca no momento do corte, polo que cun día de presecado en ringleira sole ser suficiente. O presecado é necesario sobre todo se están asociados con leguminosas, como guisantes.
-É mellor deixalos estendidos unha vez cortados, sen estendelos, para evitar contaminacións.
-Débese realizar un picado do cultivo antes de ensilalo.
-O obxectivo é lograr entre un 25 e un 30% de materia seca, porque se nos pasamos poderíamos ter problemas de fungos no silo. En xeral, as forraxes de cereais teñen mellor ensilabilidade que o raigrass e redúcense as perdas.
¿Que variedades elixir?
Para Javier Blanco o cultivo que produce maior cantidade de materia seca é o triticale, seguido da avea, cebada e centeo, estes tres con cantidades similares. En canto a leguminosas, destaca que “a que mellor se comporta é a veza, sobre todo a variedade Villosa, que presenta menor encamado, sobre todo asociada co titarro, e mellor ensilabilidade que a Veza Sativa, a que máis se planta en Galicia”.
Resultados de produción e de calidades dos cultivos alternativos ao raigrass:
1) Producións en materia verde e en materia seca en campos de ensaio de Coluga durante o ano 2015:
2) Aumentos produción con respeto a testigos ( R.H. + R.I. colleita propia )
3) Análise nutricional do Laboratorio de Mouriscade dos campos de ensaio de Coluga en 2015:
Cálculo de custo de produción dunha hectárea de triticale para ensilado: