Administración convocante: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171228/AnuncioO90-181217-0001_gl.html
Prazo: Ata 31/03/2018
Resumo:
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ente dependente da Consellería do Medio Rural, vén de convocar as axudas Leader, que contan cun presuposto de 17,5 millóns de euros para os anos 2018 e 2019. A partida total distribúese entre os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) que funcionan en Galicia, que serán os encargados de valorar e resolver as solicitudes de subvención. Cada GDR comarcal dispón para as axudas entre 640.000 euros -os que contan coa menor cantidade- e 991.000 euros, no mellor dos casos.
As axudas Leader, segundo se establece nas súas bases reguladoras, poden financiar tanto iniciativas produtivas como non produtivas (restauración de patrimonio, centros de día, etc.). O programa oriéntase a apoiar proxectos que creen emprego no rural ou que doten de servizos á poboación.
Poden ser beneficiarios das subvencións persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, entidades públicas de ámbito local e comunidades de montes veciñais en man común.
As solicitudes de axuda deberán dirixirse ó Grupo de Desenvolvemento Rural que corresponda. Establécese unha primeira convocatoria ata o 31 de marzo do 2018. Só no caso de quedar crédito pendente de gasto, farase unha segunda convocatoria, que permanecería aberta ata o 31 de maio.
A data límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será a que estableza cada unha das resolucións de concesión de axuda, no marco do calendario xeral previsto nas bases reguladoras.