Quince macroexplotacións de 20.000 vacas poderían producir tanto como as máis de 8.000 granxas que quedan en Galicia. Sobre esa base, o Sindicato Labrego Galego considera unha moi mala noticia o proxecto dunha macrogranxa de 20.000 cabezas que se anunciou en Noviercas (Soria). A organización agraria ofreceu hoxe unha rolda de prensa en Lugo para presentar unha campaña contra esa iniciativa.
“Aínda que a macroexplotación estará a máis de 500 quilómetros de Galicia, de ir para adiante poñerá en xaque ó sector lácteo galego” -valora o Sindicato Labrego.- “Autorizar a implantación deste modelo de macro-granxas favorecería a súa construción preto dos grandes núcleos de poboación do Estado (área mediterránea e centro peninsular), de cara a fornecelos, eliminando os gastos de recollida e minimizando os de transporte. Isto aceleraría un proceso de deslocalización da produción láctea que xa está en marcha”
A organización agraria lembra que na actualidade o sector lácteo galego suministra preto do 40% da produción leiteira do Estado, cun alto custo de transporte para as industrias. As críticas do Sindicato Labrego á macrogranxa céntrase nos seguintes puntos:
– Emprego: unha soa granxa con 20.000 vacas podería producir preto de 180.000 toneladas de leite ó ano. Con 15 granxas industriais como esa cubriríase unha produción como a galega.
– Medioambiente: A explotación de Soria consumiría máis de 4 millóns de litros de auga ó día e xeraría unhas 368.000 toneladas de xurros ó ano, o que implicaría unha seria ameaza para o medio e os acuíferos. A empresa promotora, ademais, pide 6 millóns de euros públicos para enfrontar o tratamento dos residuos.
– Benestar animal: excesiva intensificación da produción.
– Riscos sanitarios: un só caso positivo de tuberculose bovina obrigaría ó sacrificio de toda a cabana. Esa medida implicaría un gasto en indemnizacións públicas de 14,6 millóns de euros, segundo as estimacións do Sindicato Labrego.
– Calidade: España convertiríase nun produtor de “leite-lixo”, orientado en boa medida ó mercado de leite en po, pagado a baixos prezos nas granxas.
Accións
En base a estes argumentos, o Sindicato Labrego, conxuntamente coa COAG, está a desenvolver unha campaña a nivel europeo. Pide a implicación de todos os partidos políticos e organizacións do campo para lograr a paralización do proxecto.
Estase a desenvolver ademais unha recollida de sinaturas físicas e a través de internet contra o proxecto. Esta semana tamén se lle entregou un dossier sobre o tema ó comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, que estivo de visita en España.