As exportacións españolas de maquinaria agropecuaria e de compoñentes aumentaron un un 8,9% nos primeiros nove meses do ano. Trátase duns datos considerados “moi bos” pola Asociación Española de Fabricantes de Maquinaria Agrícola e os seus Componentes (Agragex), que aglutina a firmas que traballan en sectores como o equipamento gandeiro, a maquinaria forestal, os invernadoiros ou os sistemas de rega. Entre as 108 empresas asociadas a Agragex, figuran as compañías galegas Internaco e Elmega.
A estabilidade dos mercados europeos, sobre todo o alemán e o francés, e o crecemento consistente do africano, principalmente Marruecos, e do sudamericano son as claves que impulsaron o crecemento das vendas ao exterior. En sentido contrario, comportáronse as exportacións a Asia.
Desde Agragex, sinalan que esperan que o 2019 conclúa cun valor de exportacións de maquinaria agrícola próximo ós 2.500 millóns de euros, dos que 1.300 corresponderán a Europa, 550 a África, 400 a América Latina, 120 a Asia e 25 a Oceanía.
Incertidumes
Con todo, pese ás positivas cifras, o escenario actual de mercado presenta numerosas incertidumes, segundo o director de Agragex, Jaime Hernani: “As empresas coinciden en que en setembro o mercado non arrancou trala parada do verán. O mercado está errático, o que podemos corroborrar despois da feira Agritechnica (Hannover, Alemania), onde as visitas foron menores, aínda que de calidade”.
Hernani alude a factores como a debilidade da economía alemá, o Brexit ou a guerra comercial China – Estados Unidos, “que xeran incertidume”.
Próxima campaña
Agragex prepara xa a folla de ruta para o 2020, que incluirá como gran evento as xornadas de compradores internacionais que se organizarán en Fima Zaragoza, en febreiro, ás que está prevista a asistencia de 70 importadores e distribuidores internacionais.
A asociación tamén confirma a súa presenza en feiras internacionais como as de París, Bolonia, Hannover, Amsterdam, México, Berlín, California, Cidade do Cabo ou Cidade Ho Chi Minh.