A gandería Liste SC, no concello coruñés de Trazo, e rexentada polos irmáns Carlos e Javier Liste Pose, conta cun dos mellores silos de millo de Galicia.
Este martes teñen previsto rematar de ensilar as 70 hectáreas que sementaron con ciclos 500 e 350, sementadas a comezos e mediados de maio, respectivamente. A colleita este ano foi boa, superando as previsións: “Estamos acadando unha media de entre 45 e 50 toneladas de materia húmida por hectárea, cortado o millo a 90 centímetros de altura”, explica Carlos.
Precisamente é a gran altura de corte -normalmente a picadora sole cortalo a uns 30 centímetros- un dos factores que explica a alta calidade dos silos de millo desta granxa: Unha media dun 40% de almidón e un 34% de materia seca. “Perdemos algúns kilos pero da parte menos interesante do millo: o talo, onde hai máis terra e máis problemas de contaminación do silo e onde a fibra é menos dixestible”, defenden.
Ademais da altura, a outra clave segundo estes gandeiros é picar o millo moi fino, neste caso a 8 milímetros, para que os grans se desfagan en varios anacos. E o terceiro factor que explica a alta dixestibilidade das súas forraxes de millo é que empezan os silos non antes dos 7 meses. “Este ano imos empezalo aos 10 meses de pechalo, porque os silos maduros son os máis dixestibles e cos que a vaca produce máis leite”, subliña Carlos.
Desta forma logran tamén abaratar a ración, ao requerir menos concentrado. Así, as 237 vacas en muxido coas que conta gandería Liste SC neste momento logran unhas producións medidas de 38 litros de leite, ao 3,7% de graxa e ao 3,45% de proteína, inxerindo unha media de 30 kilos as de alta produción e 24 as de baixa.
Unha vez cortado o millo todas as parcelas serán sementadas cun cultivo de inverno, nuns casos pradeira e noutras nabos, unha leguminosa da que Carlos destaca que “usada como abono verde, mellora moito a estructura da terra, reduce a cantidade de malas herbas e mellora o rendemento do millo”.
Máis información:
Como inflúe a altura de corte nas calidades do silo de millo?
Así pican o millo en Gandería Liste SC: