Advirten de que a corta dos eucaliptos vellos pon en perigo a apicultura en Galicia

Os apicultores galegos advirten de que a corta dos eucaliptos vellos, que está a ser favorecida por Ence e mesmo por empresas chinas, e a substitución do globulus polo nitens pon en perigo o futuro das abellas en amplas zonas de Galicia

Publicidade
Advirten de que a corta dos eucaliptos vellos pon en perigo a apicultura en Galicia

Abella recollendo pole nun eucalipto

Nos últimos meses dúas multinacionais, a española ENCE e a china Junwei lanzaron senllas campañas en Galicia para primar a corta de eucaliptos con diámetros maiores de 60 centímetros; é dicir, árbores de máis de 30 anos, principalmente da variedade Globulus.

Sen embargo, os apicultores galegos lanzan a voz de alarma xa que son precisamente estas árbores as que permiten manter a produción de mel en boa parte de Galicia, sobre todo nas comarcas costeiras.

Agrupación Apícola de Galicia: “A corta de eucaliptos de máis de 30 anos é unha moi mala noticia para a produción de mel”

Así, dende a Agrupación Apícola de Galicia advirten de que “a tala de eucaliptos de máis de 30 anos e a súa substitución por cultivos de eucalipto novo, e o que é peor aínda, da variedade Nitens, é unha moi mala noticia para a produción de mel, pois fará que a apicultura non sexa rendible en moitas zonas, coa repercusión que terá para todos a nivel medioambiental e de polinización”.

E é que o eucalipto Globulus adulto é unha árbore que presenta unha floración importantísima nas zonas costeiras, e  que moitos abelleiros aproveitan. “Ao ser una árbore que ten a súa floración cedo, é moi aproveitable tanto para o desenvolvemento das colmeas como para a produción de mel de calidade. Ademais, as súas flores son pecoreadas polas abellas cando aínda non hai ataques de Vespa Velutina”, explican dende a Agrupación Apícola.

Agrupación Apícola: “O eucalipto Nitens non ten case interese apícola”

Sen embargo, o eucaliptus globulus empeza a ser rendible para a apicultura é a partir dos 20-30 anos, cando a árbore remata o ciclo de crecemento rápido e inicia o de estancamento e a fase de reprodución. “Por iso non son aconsellables para a apicultura as plantacións de eucaliptos de cortas temperás a 10 ou 15 anos como se está a facer agora, ao non dispor nin da floración propia da árbore nin do sotobosque”, subliñan dende a Agrupación Apícola.

Pero ademais da idade, a especie tamén é determinante para que os bosques de eucaliptos axuden a manter a apicultura, e a función vital que desempeñan as abellas para o medioambiente e os cultivos. Neste sentido, lembran que “diferentes estudios australianos mostran que mentres o Eucalipto Globulus é un gran produtor de néctar e pole, o Eucalipto Nitens non ten case interese apícola, ademais de obterse un mel de inferior valor organoléptico”.

De feito, estas diferencias móstranse ademais no mercado, onde existen meles monoflorais de eucalipto de distintas áreas de España, sendo as máis valoradas con diferencia as producidas tanto en Galicia, Asturias e Cantabria, fronte ás do sur de, onde predominan outras variedades diferentes o globulus.

AGA: “As cortas de eucalipto de ciclo corto son totalmente perniciosas para a apicultura”

Na mesma liña se pronuncia Xesús Asorey, secretario da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que coincide en que “os eucaliptus globulus de máis de 30 anos son os que teñen importancia para a apicultura, pois o nitens non ten interese apícola ningún”.

“O eucalipto daba boas colleitas de mel cada dous anos, pero co cambio climático xa se notou moito, pois antes florecía na primavera e agora xa o fai máis cedo, incluso no inverno”, engade.

 Xesús Asorey: “A produción de mel está a baixar nas zonas nas que se cortan os eucaliptos vellos”

Neste sentido, Xesús Asorey advirte de que a corta dos eucaliptos vellos xa o están a notar as abellas. “Este efecto xa se está notando e as producións están diminuíndo en zonas onde se están a cortar os eucaliptos vellos”, asegura.

Unha situación que se agravará, segundo o secretario de AGA, coa súa substitución por novas plantacións de ciclo curto de corta e da variedade nitens: “Coas cortas rápidas o eucalipto deixa de ter valor apícola, e ademais provoca que non haxa outras flores alternativas para as abellas, co que os montes de eucaliptos serían os peores de Galicia para ter abellas”.

David Lorenzo (Apilarouco): “Temos os ingredientes para un desastre apícola na costa de Galicia”

Como mostra da importancia que teñen os eucaliptos globulus de máis de 30 anos na produción de mel nas zonas costeiras de Galicia, David Lorenzo, técnico de Apilarouco, destaca que “nos anos en que falla o eucalipto practicamente non hai mel e nos que, coma este, hai boa floración do globulus a estas alturas xa están cheas  3/4 medias alzas por colmea”.

“Co monocultivo do eucalipto, ao non haber diversidade como ocorre no interior de Galicia, pois dependes dunha soa carta, e para alimentación das abellas é prexudicial xa que non hai variedade de polenes cos que nutrirse adecuadamente. No interior temos castiñeiro, silva, queiruga, carballo..etc, polo que moi mal se ten que dar o ano para que todo falle e non teñamos colleita de mel, algo que non acontece na costa”, explica.

Por iso, David Lorenzo advirte de que “se se cortan os eucaliptos globulus vellos e a isto lle sumamos os gastos que supón a loita contra a Vespa velutina estamos a falar dos ingredientes para un desastre apícola na costa de Galicia”.

Por último, o técnico de Apilarouco chama a atención sobre tamén outro efecto negativo que están a ter a novas plantacións de eucalipto na apicultura, como é a especulación na compra de terreos. “A promoción da plantación de eucaliptos está levando á especulación en compra de terreos para este fin, e como consecuencia arrásase con todas as especies existentes no sotobosque e bótanse abaixo muros nos que temos silvas, hedras e outras especies que producen o mel característico de Galicia”, advirte David Lorenzo.

Pero a campaña de ENCE ou das empresas chinas por mercar eucalipto vello non só está a prexudicar á apicultura: Aserradoiros ou bateeiros están a ver como se encarece de xeito notable a madeira nos últimos meses.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información