Ence lanza unha campaña para primar a madeira de máis de 30 anos

A compañía pasteira abonará 7 euros máis por tonelada na madeira de parcelas onde alomenos unha de cada dez árbores supere os 70 centímetros de diámetro

Ence lanza unha campaña para primar a madeira de máis de 30 anos

Factoría de Ence en Navia (Asturias).

Ence quere aumentar a súa produción de celulosa un 36% ata o ano 2023, o que lle obrigará para entón a consumir máis de catro millóns de toneladas de eucalipto cada ano, fronte ós tres millóns de toneladas actuais. A compañía pasteira considera que haberá suficiente eucalipto no mercado en turno de corta, entre os 12-15 anos, pero proxecta botar tamén man dunha materia prima menos habitual na produción de celulosa, o eucalipto globulus de máis de 30 anos.

A compañía pasteira, con factorías en Pontevedra e Navia, vén de lanzar unha campaña para primar en 7 euros por tonelada as compras de eucalipto en parcelas onde alomenos un de cada dez pés supere os 70 centímetros de diámetro. Cómpre lembrar que na actualidade, o prezo estándar do eucalipto viña situándose nos 33-34 euros por tonelada, falando de eucalipto globulus certificado e vendido en pé no monte, sen Ive. A ese prezo, habería que sumarlle a prima ofertada por Ence.

Esta campaña, que se manterá alomenos ata o mes de xuño, ten un obxectivo dobre. Por un lado, aumentar as posibilidades de abastecemento de madeira para a pasteira, e polo outro, impulsar a renovación das plantacións de eucalipto de maior idade.

Stock de madeira vella no monte
Os datos manexados pola empresa apuntan a que no noroeste peninsular existe un stock no monte duns 20 millóns de toneladas de eucalipto con diámetros superiores ós 35 centímetros. É madeira que a compañía entende como pasada de turno, pois o turno de crecemento óptimo do eucalipto globulus conclúe arredor dos 16 anos, intre no que descende o seu crecemento anual. Ence considera que a mellor opción para os propietarios pasa pola corta das parcelas sobre esa idade, de xeito que se poida favorecer un novo ciclo do cultivo.

Con esta campaña, Ence mellorará o seu aprovisionamento de eucalipto globulus e di buscar ademais a renovación das masas

O aproveitamento das parcelas con eucaliptos de máis de 30 anos é tamén un xeito para a pasteira de manter altas compras de eucalipto globulus, o que ofrece maior calidade para a produción da pasta de papel. Ence está a ampliar progresivamente as compras de eucalipto nitens, o máis habitual nas novas plantacións, que xa supón un 26% do total das súas compras e que entra de xeito diario nas súas factorías, pero segue amosando preferencia polo globulus, o maioritario nas masas de maior idade.

De cara ó futuro, a compañía pasteira incluso baralla a posibilidade de botar man da madeira de piñeiro para diversificar a súa liña de produción de celulosa, en caso de que nalgún intre non dispoña de suficiente eucalipto.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información