Adegas Carballal prevé plantar nos próximos dous anos unhas 10 hectáreas de viñedo ante a gran demanda do Godello de Valdeorras. Esta adega, situada en Petín, e unha das máis grandes da Denominación de Orixe, prevé desta forma duplicar os seus viñedos propios, na actualidade 8 hectáreas repartidas en varias parcelas en Viladequinta, Petín, Larouco, Freixido de Abaixo e de Freixido de Arriba.
Marin Mahillo Jiménez, conselleiro delegado de Adegas Carballal asegura que o principal obxectivo desta ampliación “é poder asegurarnos o subministro de uva para satisfacer a demanda dos nosos clientes”. “Hai 10 anos a situación era moi irregular para vender viño, pero desde fai 6 ou 7 son os propios distribuidores os que nos chaman. E iso é así porque está de moda o Godello de Valdeorras, de forma que agora mesmo o futuro para esta Denominación de Orixe é moi prometedor, sempre que fagamos un bo viño e apostemos pola calidade”, explica.
Neste sentido, o responsable de Adegas Carballal aclara que no seu caso elaboran os seus viños a partir das 8 hectáreas de viñedos propios, nas que predomina a variedade Godello, seguida da Mencía, como doutras 9 hectáreas que teñen alugadas, fundamentalmente plantadas con variedades Garnacha, Xerez, Godello e Mencía.
“O futuro para esta Denominación de Orixe é moi prometedor”
Pero tamén compran a viticultores da zona uns 70.000 quilos de uva cada campaña para satisfacer a crecente demanda. Precisamente, o obxectivo desta adega é depender menos das compras e autoabastecerse de uva propia. “Vemos como o prezo da uva en Valdeorras subiu o pasado ano entre un 40 e un 50% e esta suba non a podemos trasladar aos nosos clientes, co que baixa moito nosa rendibilidade. Por iso queremos a partir deste ano buscar terreos para ampliar entre 5 e 10 hectáreas os nosos viñedos propios”, apostila.
A súa meta é realizar estas plantacións nos próximos 2 anos e coa variedade Godello en exclusiva. “Sabemos que teremos que falar con moitas persoas e que se cadra tardas un ano para poder xuntar 7 hectáreas, pero psicoloxicamente xa estamos afeitos a isto”, afirma Marin Mahillo.
Viños no mercado
Actualmente Adegas Carballal conta no mercado con 5 viños, sendo os máis coñecidos o seu Erebo Godello e Erebo Mencía, dous viños que homenaxean a este deus da mitoloxía, personificador da escuridade e a sombra, que enchía todos os recunchos e buracos do mundo.
O seu Erebo Godello é o viño máis coñecido e o máis premiado de Adegas Carballal. Deste viño novo, monovarietal, elaboran unhas 200.000 botellas ao ano, que sen embargo neste 2018 baixarán a unha 75.000 debido ás xeadas e saraibadas da pasada campaña que minguaron notablemente a colleita. “Somos transparentes e vendemos calidade e transparencia”, subliña Marin Mahillo. Ademais da súa marca tamén embotellan con marcas de por para, así como uns 2.000 litros de Godello en barrica para un cliente específico.
Do Erebo Mencía, o irmán pequeno desta liña premium de viños, elaboran unhas 50.000 botellas ao ano.
A outra gama, máis xenérica e elaborada con variedades non preferentes pero admitidas dentro da Denominación de Orixe Valdeorras, leva por nome “Can do Sil”. O tinto é un monovarietal con Garnacha Tintoreira, unha variedade que se expresa moi ben no terreo pizarrosos e solleiros desta comarca. Elaboran unhas 20.000 botellas, que se engaden ás 15.000 do “Can do Sil Branco”, un monovarietal de Xerez.
Erebo Godello é o seu viño estrela, un 100% monovarietal
A oferta de Adegas Carballal complétase con “Finca A Mata”, un viño exclusivo froito das uvas de cepas de Garnacha cuns 90 anos de idade. “É un viño que elaboramos a partir das uvas desta viña, A Mata, situada en Córgomo. Son cepas que producen unhas uvas de calidade excepcional e con baixos rendementos, co que concentran máis os sabores. Con esta materia prima elaboramos un viño que permanece un ano en barrica de carballo francés e finalmente sacamos ao mercado unhas 2.000 botellas, nunha anada normal”, explica o xerente da adega.
O mercado dos viños de Adegas Carballal repártese a partes iguais entre Galicia e as principais cidades do resto de España. Hai 3 anos deron o salto á exportación, que hoxe representa o 7% das súas vendas, fundamentalmente en Reino Unido, Holanda, Canadá, Francia e Estados Unidos. “En breve tamén esperamos empezar a vender nos países escandinavos”, avanza Marin Mahillo.
Historia da adega
Marin Mahillo, comercial de viño en Madrid, pero ligado a Valdeorras pola familia da súa muller, xa participara xunto aos seus sogros na plantación dun viñedo dunhas 3 hectáreas en Sobradelo de Valdeorras, pero vían dificultades para seguir medrando nese concello. Isto levounos a crear Bodegas Carballal SL no ano 1998, froito da unión de tres socios: Marin Mahillo, José Pato e o enólogo Pablo Ibáñez.
A sociedade comprou 8 hectáreas de viñedos en propiedade en distintas ladeiras da comarca de Valdeorras. As Chas, Os Pontois, Os Chaos, O Pando, Valferreiro ou Viña Cabalín son as parcelas nas que hai 20 anos realizaron as novas plantacións, cun 75% da variedade Godello e un 25% de Mencía.
O incremento da demanda foinos levando nos seguintes anos a alugar outras tantas hectáreas e a adquirir uva a viticultores da zona.
A día de hoxe, esta adega, con capacidade para 400.000 litros, proporciona emprego a tempo completo a 7 persoas, que se incrementan con persoal temporal nas épocas de poda e, sobre todo, durante a vendima.