O Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro desprázase a Madrid xunto con nove das súas adegas para divulgar os seus viños a un público profesional e prescriptor no Congreso Internacional do Viño Enofusión 2016, integrado na feira Madrid Fusión.
A capital celebra este congreso os días 25, 26 e 27 de xaneiro no Palacio Municipal de Congresos e a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia terá nesta cita unha caseta propia que servirá como punto de encontro entre as nove adegas participantes e os profesionais do sector visitantes á feira.
Ademais da información xeral da Denominación de Orixe, estarán representadas as adegas Alanís, Alter, Casal de Armán, Pazo Casanova-Leira Viñoa, Cunqueiro, Viña Mein, Grupo Reboreda, Pé de Perdiz e Viña Costeira.
O luns 25 de xaneiro, ás 13.30 horas terá lugar o taller “O Ribeiro e a súa capacidade de garda, un mozo suxestivo e un maduro interesante”, no marco das actividades do Centro do Viño. Esta cata maxistral, impartida nun orixinal formato “man a man” por Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro e Pablo Vidal, director técnico, preséntase como unha oportunidade excepcional para catar nove viños diferentes de variedades autóctonas (treixadura, godello, loureira, albariño?) presentados por parellas de diferentes colleitas, desde o 2011 a 2015.
Un espazo para fidelizar e incrementar as vendas dos viños do Ribeiro
As adegas presentes reuniranse con distribuidores e outros profesionais do sector, que traballan en Madrid ou se desprazan ata alí con motivo deste encontro profesional. Estas reunións son froito da xestión que auspicia o Consello Regulador desde hai algunhas semanas para fidelizar un dos seus mercados estratéxicos e incrementará as vendas dos seus viños no territorio nacional.
A oferta de produto das adegas asistentes mostrará a habitual diversidade dos viños do Ribeiro, todos de alta calidade, e mostrando diferentes matices ao padal. Mentres algunhas marcas aproveitan o formato expositivo do Consello Regulador para visitar aos seus clientes e consolidarse no mercado, outras, con menos experiencia, asisten para presentar os seus viños a distribuidores, e tratar de introducirse en novos mercados.
A caseta do C.R.D.O. Ribeiro estará na Sala Londres, dentro do Palacio de Congresos de Madrid, aberto ao público en horario de 10 a 19 hora. Máis información en www.enofusion.com