O Comité de Certificación da Denominación de Orixe Monterrei reuniuse para valorar a certificación dunha nova adega da comarca. Unha vez o Comité constatou que esta superou todos os requisitos necesarios, a adega Trasdovento S.L. (situada no municipio de Oímbra) pasa a certificar a súa produción de viño branco baixo o selo de calidade da Denominación de Orixe Monterrei. Esta certificación posibilita que a adega utilice na etiquetaxe das súas botellas as tirillas distintivas da D.O.
Con esta incorporación xa son 25 as adegas inscritas e certificadas pola Denominación de Orixe Monterrei, que aglutina os municipios de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.
Os viñedos de Monterrei ocupan 532 hectáreas de territorio, nas que traballan preto de 450 viticultores. Ademais, a Denominación de Orixe Monterrei é unha das entidades acreditadas no noso país por ENAC para a certificación de viños protexidos.