A Xunta reclama a Madrid incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal

O conselleiro José González solicita ao Goberno Central que aproveite a transposición da normativa europea sobre prezos para modificar a lexislación nacional co obxectivo de evitar a venda a perdas dos produtos agrogandeiros

A Xunta reclama a Madrid incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal

A Xunta instará ao Goberno central a que elabore unha lei estatal de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal. O Goberno galego considera necesario acometer -no ámbito nacional, como xa se fixo en Galicia- unha serie de medidas que melloren a tributación dos agricultores, gandeiros e silvicultores, para deste xeito mellorar tamén as súas rendas.

Así o avanzou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na véspera da súa viaxe de mañá a Madrid para participar na reunión convocada polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación coas comunidades autónomas sobre a situación dos prezos dos produtos agroalimentarios.

González lembrou que, “no que se refire a Galicia e nos impostos de competencia autonómica, a Xunta xa ten lexislado co programa de Impostos Cero no Rural e con múltiples vantaxes fiscais para o agro, centradas en bonificacións para o fomento da compra de vivenda en zonas pouco poboadas, do alugueiro de inmobles de carácter rústico ou do asociacionismo”. “Por iso, -defendeu- agora cómpre unha lei nacional, xa queos principais impostos nos que se ten que actuar son de competencia do Estado”. “Trátase de facer unha discriminación positiva na fiscalidade dos agricultores, gandeiros e silvicultores, para mellorar tamén así a rendibilidade das súas explotacións”, subliñou.

O conselleiro engadiu que por parte da Xunta están constituídos os grupos de traballo cos axentes do sector a través dos consellos Agrario e Forestal, con expertos en tributación.. “De aí -explicou-, van saír propostas de mellora e incentivos fiscais tanto á implantación de novas actividades agrícolas, gandeiras e forestais como tamén á mellora da rendibilidade das explotacións existentes, pola vía das melloras na súa fiscalidade”.

Aproveitar a normativa comunitaria para evitar a venda a perdas de produtos agroalimentarios

En canto á mobilización dos productores en defensa dunhas rendas dignas para o sector, o conselleiro matizou que “non se pode defender a fixación de prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros, porque isto non está permitido pola normativa de competencia europea e española, ao consideralos unha restrición á libre competencia”. “Malia iso, a Xunta si apoia a necesidade de que a cadea de valor constrúa o prezo dos produtos do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando as vendas a perdas”, defendeu.

Nesta liña, González indicou que é preciso aproveitar a transposición da normativa europea para modificar a lexislación estatal, en particular as leis de Competencia Desleal, de Defensa da Competencia e de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. Advertiu que “se trata de buscar unha ampliación do catálogo de condutas desleais e prácticas prohibidas para alcanzar o obxectivo de evitar a venda a perdas no sector primario.”

Neste sentido, o conselleiro solicitou ao Goberno central a constitución de grupos de traballo con participación das comunidades autónomas para o desenvolvemento do proceso desa transposición das normas comunitarias e da necesaria revisión lexislativa no ámbito estatal. Nesta liña, anunciou que mañá mesmo vai trasladar ao ministro de Agricultura a necesidade de actuar nese sentido, na xuntanza prevista, xunto co resto de comunidades autónomas. “Nesta reunión, -dixo González- vaise demandar por parte galega que o Goberno central actúe de acordo coas súas competencias na materia para garantir eses prezos xustos para os agricultores e gandeiros do conxunto de España e, por suposto, dentro deles para os produtores galegos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información