A Xunta calcula que se poderían crear 15.000 empregos poñendo en cultivo as terras abandonadas

A Xunta calcula que se poderían crear 15.000 empregos poñendo en cultivo as terras abandonadas

A posta en valor das terras abandonadas aptas para cultivos ou prados suporía para a economía galega a creación de máis de 15.000 empregos (entre directos e inducidos) “baseados en actividade agrícola, gandeira e forestal”. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa participación na 5ª edición do Galicia Market Place, que se celebra na sede do Círculo de Empresarios de Galicia.

Neste momento estímase que en Galicia hai máis de 114.000 hectáreas de Superficie Agraria Útil que están abandonadas, das que 46.000 son terras de alto valor agrario. Galicia é un dos paises que menos terra emprega para a agricultura e a gandería, arredor do 21% do territorio, unha porcentaxe que ven diminuindo nas últimas décadas polo abandono da actividade agrogandeira e pola forestación de terras agrícolas, principalmente con eucalipto.

Tras realizar un percorrido polos distintos postos, o conselleiro falou dun sector primario galego “con moita capacidade de xeración de valor engadido e que é o mecanismo que nos vai permitir loitar contra o despoboamento e revitalizar” o rural galego. Ante os empresarios, José González explicou as posibilidades que ofrecen as ferramentas de mobilización que contempla a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, entre as que salientou os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión forestal conxunta e as permutas de especial interese agrario. “Todas elas -subliñou- teñen carácter voluntario e beneficiarán tanto aos propietarios como aos agricultores, gandeiros e silvicultores, ademais de aos novos emprendedores e investidores”.

Na súa intervención o conselleiro puxo de relevo tamén o selo Galicia Calidade, como clave para potenciar os produtos galegos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, como pode ser o leite Galega 100% ou os produtos derivados das razas autóctonas da comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información