Volverá ser o monte un recurso fundamental ante a crise?

Se os prezos e o mercado axudan, no sector forestal agárdase un incremento das cortas nos vindeiros meses pola necesidade de moitas familias de botar man da madeira, ante a difícil situación económica que se aveciña

aserradeiro Hijos de Ramon Rubal (Alfoz) prodesadora eucalipto2O monte galego, con preto de 500.000 propietarios forestais e figuras xenuinas como as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, é un dos máis socializados de Europa. Por iso, cada vez que a situación económica se pon difícil, actúa como caixa de aforro das familias.

Iso foi o que pasou durante a crise económica da última década e prevese que as cortas de madeira volvan ser unha táboa de salvación para a nova crise que vai deixar tras de si a pandemia do coronavirus.

Aínda que a situación desta volta é diferente. Coa actividade parada en moitos sectores, a demanda de madeira de piñeiro atópase baixo mínimos e no eucalipto danse como posibles baixadas de prezos a curto prazo, o que non animaría a vender. Pero, en moitos casos, a necesidade é máis forte que a oferta e a demanda.

Os plans de pensións dos galegos non están nos bancos senón no monte, que é a verdadeira caixa de aforros das familias e un salvavidas nos momentos difíciles

“Sempre que hai unha crise a xente recurre ao monte como banco para subsistir, sobre todo no rural, así que nos vindeiros meses haberá seguramente un aumento na intención de venda, outra cousa é que se venda ou non en función de que o mercado e o prezo ofertado cumpra as expectativas do propietario do monte, pero ás veces a necesidade tira máis”, afirma Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia.

“No 2008 a xente tirara do monte para aguantar a crise e notárase moito o incremento de cortas, pero facía falta que o prezo axudara un pouco para animar á xente, aínda que ao que lle faga falta vai vender igual”, opina tamén Luis Díaz, propietario de Forestal Díaz Casariego SL, unha empresa que dá traballo a 32 persoas na comarca da Mariña.

Aínda que os prezos non axuden, a necesidade moitas veces tira máis que a oferta e a demanda

Nuria Rodríguez, secretaria da Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, que reúne a case 300 empresas que traballan en montes da provincia de Lugo, tamén concorda en que “en Galicia historicamente o monte sempre foi unha caixa de aforros e sempre se botou man del para suplir a falta de ingresos ou un gasto extraordinario como a compra dun coche ou a reforma da vivenda”, pero engade un elemento a maiores, ademais do prezo: “vai depender do consumo, porque eu podo poñer o monte á venda, pero para poder vendelo ten que haber demanda de madeira”, evidencia.

“Hai moitísima incertidume do que poida pasar. Coa economía parada, as fronteiras pechadas e todo o volume de exportación en stand by, non temos certezas a curto ou medio prazo nin sabemos como vai respirar a economía a nivel mundial”, di Nuria.

Caída brusca da demanda de piñeiro

A pandemia do coronavirus supuxo un freo en seco no mercado da madeira de piñeiro. “O mercado da madeira de piñeiro trancou porque non hai saída, está moi frouxo tanto o puntal como a rolla de aserradeiro”, indica Luis.

“Estabamos traballando moi ben este ano, viñamos dunha época non tan boa pero recuperárase a cousa no 2020. O coronavirus supuxo agora un parón total e instantáneo”, recoñece Jorge Souto Franco, que xunto ao seu irmán Alberto tomaron no ano 2007 o relevo na empresa Hijos de Ramón Rubal SL, que dá traballo a 24 persoas e move un volume importante de madeira de piñeiro na comarca da Mariña.

A nivel nacional o mercado está moi baixo, pero estamos mandando máis para China, que é o que nos está salvando (Jorge Souto, Hijos de Ramón Rubal SL)

Con máis de tres cuartos de século de historia ás súas costas, esta empresa familiar, que conta cun aserradeiro no concello de Alfoz, está a salvar a situación grazas ás exportacións cara ao exterior. “A nivel nacional o mercado está moi baixo, pero estamos mandando máis para China, que é o que nos está salvando”, admite. Máis do 50% do piñeiro que procesan está saíndo na actualidade cara ao mercado asiático, cando o ano pasado era só un 5%. Envían desde o porto de Vigo, solventados os problemas iniciais de falta de contedores, cando o xigante asiático pechou os seus portos no momento álxido da pandemia en China.

No aserradeiro de Hijos de Ramón Rubal SL en Alfoz están enviando a metade da súa produción a China

No aserradeiro de Hijos de Ramón Rubal SL en Alfoz están enviando a metade da súa produción a China

Malia que o sector forestal está considerado actividade esencial, o parón na industria e a construción a raíz do estado de alarma en España acabou arrastrando a toda a cadea. “Os pedidos de madeira de piñeiro están moi baixos, o que ía para facer palés está parado, agás o que se destinaba a alimentación; as empresas de taboleiro non están collendo material ou cólleno a contagotas e os aserradeiros están tamén bastante a tope de madeira”, explica Nuria.

Hijos de Ramón Rubal subministraba tamén estelas a Finsa para taboleiro e casca a Greenalia para aproveitamento como biomasa para a produción de enerxía, “pero as dúas están traballando moi pouco”, confirma Jorge. Ante o descenso da demanda, nesta empresa de Alfoz decidiron tamén ralentizar o volume de corta pola vía de traballar aquelas parcelas con menor rendemento diario de volume de madeira. “Estamos facendo os montes máis pequenos, que levan máis tempo e que tamén os hai que facer, son montes que dan máis traballo”, explican.

O eucalipto está aguantando mellor

Pola contra, as cortas de madeira de eucalipto mantivéronse durante a pandemia sanitaria coas empresas adoptando medidas preventivas para evitar contaxios. “Seguimos traballando con normalidade, os operarios xa traballaban separados cada un no seu posto para previr accidentes, un na procesadora e os dous motoserristas un pouco máis distanciados, e levando a comida ao monte, cada un a súa”, explica Luis.

“O eucalipto segue comercializándose. Produciuse un cambio de consumo duns produtos por outros e a demanda de materia prima de celulosa para máscaras, papel para limpeza de mans, material médico ou paquetería, que son produtos onde xa está habendo máis demanda, está compensando o parón da industria, do comercio minorista e do papel que se usaba nas oficinas, que agora están pechadas”, argumenta Xosé.

Ence comezou a poñer limitacións ao acopio de madeira en Navia, obrigando ás empresas compradoras a desprazar madeira a outros parques como os de Ribadeo ou Begonte

Pero o parón no mercado do piñeiro está derivando as cortas nos montes cara ao eucalipto e aínda que segue habendo demanda, Ence xa comezou a poñer algunha limitación, admitindo unicamente certas cantidades na súa planta de Navia e obrigando ás empresas compradoras a desprazar o resto da madeira a outros parques, como o ubicado en Ribadeo, a piques de completar tamén xa a súa capacidade, ou o de Begonte, o que leva tamén aparellado un menor prezo pagado por tonelada.

Moi poucas compras de madeira durante o estado de alarma

Aínda que se habilitaron mecanismos para que os propietarios puideran saír durante o confinamento a amosar os seus montes a compradores interesados, o certo é que nos case dous meses que levamos de estado de alarma practicamente non se realizou ningunha transacción comercial de madeira en pé. “Os particulares non están ofertando madeira, os donos dos montes son todos xente maior e teñen medo a saír da casa”, indica Luis.

Unha cortadora de Forestal Díaz Casariego SL traballando en montes da Mariña

Unha cortadora de Forestal Díaz Casariego SL, que está tirando do stock de madeira que tiña mercada

Como as demais, a súa empresa está a tirar de compras efectuadas con anterioridade para seguir traballando. “Normalmente contamos cun stock de madeira comprada para catro ou cinco meses e estamos tirando diso, pero fai falta empezar a mercar algo xa porque fainos falta comprar con 2 meses de antelación para tramitar as solicitudes e permisos e planificar as cortas. Esperemos que o mes que vén poida empezar a saír un pouco máis a xente da casa e poder ensinar os montes. A ver se mentres recupera un pouco o prezo da pasta tamén para animar á xente, que de momento está a mostrar pouco interese. De feito, outros anos por estas datas os propietarios que tiñan vendida madeira chamabannos aos compradores para meternos présa para que lles cortaramos os montes para poder plantalos antes da chegada do verán, pero este ano nin iso”, engade o responsable de Díaz Casariego.

Os particulares non están ofertando madeira, os donos dos montes son todos xente maior e teñen medo a saír da casa (Luis Díaz, Forestal Díaz Casariego SL)

No caso do piñeiro, desde a AFG afirman que “hai comunidades de montes e propietarios particulares que teñen necesidade de vender porque a madeira está xa pasada do turno de corta” e constatan tamén que aínda que se poden facer saídas con autorización previa, “hai certo medo a saír da casa e ralentizáronse os contactos de compra-venda de madeira”. “A industria segue demandando eucalipto e estase tirando de compras previas, pero en canto se produza a desescalada, os propietarios van querer vender porque seguramente entremos nunha fase social na que quereremos contar con aforros e botaremos man da madeira que teñamos”, razoa.

Nuria concorda nesa apreciación: “hai medo e tampouco fixo falta vender polo de agora, porque a xente non tivo esa necesidade porque ao estar na casa confinados non gastas nin consumes igual, non cambias de coche nin fas unha reforma na casa, pero a medida que pasen os meses, as persoas que quedaron sen traballo pode que precisen tirar do monte”, opina.

Prezos á baixa

Na madeira de piñeiro augúranse prezos entre 3 e 5 céntimos por baixo pola ausencia de demanda

Na madeira de piñeiro augúranse prezos entre 3 e 5 euros por baixo pola ausencia de demanda

É difícil facer prognósticos sobre prezos, pero todo o mundo no sector augura baixadas nos vindeiros meses. “Ao ter sido bastante repentino todo, non hai información moi consolidada, pero o mercado do piñeiro xa viña dunha situación de certa ralentización e agora hai unha parálise, con pouca actividade das empresas de trituración e cos aserradeiros á espera, porque son sectores máis dependentes do nivel de actividade económica xeral. Eu penso que a parálise vai seguir nos vindeiros meses, con prezos medios de final de lote de adquisición entre 3 e 5 euros máis baixos do que debería ser”, augura Xosé Covelo.

Nas últimas subastas celebradas antes do estado de alarma no sur de Galicia, o piñeiro pagouse a 26 euros, cando antes do nadal eran habituais prezos de entre 28 e 32 euros (Xosé Covelo, AFG)

Os lotes de madeira de piñeiro estábanse vendendo ultimamente entre 22 e 24 euros/tonelada na zona norte de Galicia e entre 24 e 26 euros no sur, onde sempre se paga un pouco máis, cando antes de nadal os prezos habituais estaban entre os 28 e os 32 euros, lembra. Pero nas últimas subastas antes do estado de alarma o piñeiro pagouse xa a só 26 euros, “que era un prezo xa baixo”, considera Xosé Covelo, que o achaca a unha “lixeira ralentización da economía que se estaba a notar xa na construción, que é un sector que tira tanto de táboa como de taboleiro, polo que a súa caída acaba afectando en toda a cadea do piñeiro, de aí a necesidade de buscar alternativas de produtos de alto valor”, insiste.

A mesma idea defende Nuria: “Creo que de cara aos vindeiros meses hai que reforzar o consumo local de madeira e engadir valor a esa madeira que temos, esas son as perspectivas coas que temos que traballar para este ano. Porque o mercado do piñeiro está agora mesmo moi frío, non hai movemento, máis que baixar os prezos o que non hai é saída. Eu agardo que a medida que a industria se reactive, poidamos traballar con algo de normalidade, aínda que as perspectivas son pouco alentadoras”, di.

Para o piñeiro agora mesmo non hai saída. Eu agardo que a medida que a industria se reactive poidamos traballar con algo de normalidade (Nuria Rodríguez)

Tamén prognostica unha mellora limitada para os vindeiros meses Jorge. “Así que levanten o estado de alarma a cousa mellorará un pouco, aínda que non creo que volva ao nivel de antes. Isto é unha cadea, se traballamos nós traballan tamén outros”, evidencian neste aserradeiro, que compra directamente e tamén a través doutras empresas do sector.

As plantacións de eucalipto habituais nesta época do ano tamén se están a retrasar esta primavera

As plantacións de eucalipto habituais nesta época do ano tamén se están a retrasar esta primavera

Hai incerteza ademais sobre a evolución do mercado do eucalipto nos vindeiros meses, aínda que a día de hoxe está resistindo mellor. A pasta de papel leva todo este 2020 estable e non se veu afectada polo coronavirus. Segue cotizándose ao mesmo prezo que hai uns meses, con poucos cambios logo da forte caída no 2019, cando tocou fondo. “A pasta aguantouse cun prezo estándar arredor dos 600 euros a tonelada, tan só baixou algo a semana pasada, uns 4 euros”, explica Luis.

A pasta de celulosa de fibra curta (eucalipto) está nuns 630 euros a tonelada, un 25% menos que hai un ano, pero non se prevén novas caídas importantes

A madeira de eucalipto certificada estase a pagar neste momento en Galicia a 30 euros tonelada en pé con casca máis IVE, con variacións entre os 28 euros en lotes pequenos ou con dificultades de saca e os 31 nos lotes máis grandes e accesibles. Desde a Asociación Forestal de Galicia non prevén que poida haber “baixas tan acentuadas coma no caso do piñeiro”, aínda que na Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo advirten de que “aínda que se está a traballar o eucalipto con normalidade, os prezos fluctúan e as compañías tamén teñen a súa tensión financieira, polo que non pensamos que mellore a cotización, senón incluso que empeore algo”.

Máis información:
 O Concello do Valadouro propón axudas extraordinarias para relanzar as cortas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información