Últimos pasos para exportar a raza Rubia Galega a Indonesia

Segunda visita de autoridades de Indonesia a Lugo para continuar co proceso de importación de seme de Rubia Galega. Ademais de certificar o laboratorio, esta nova visita serviu para coñecer os resultados do cruzamento industrial de rubia con outras razas do país do sueste asiático

Últimos pasos para exportar a raza Rubia Galega a Indonesia

Reunión da delegación de Indonesia cos representantes de Acruga

Varias autoridades de Indonesia estiveron en Lugo na que foi a súa segunda visita á cidade para seguir adiante co proceso de importación de seme de raza Rubia Galega. Esta segunda visita serviu para certificar o laboratorio, como paso previo á importación deste produto que comercializa a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga).

O interese do país do sueste asiático polo seme de Rubia Galega céntrase na súa utilización para o cruzamento industrial coas razas existentes en Indonesia, a Nelore, a Mongol e a Braham.

A comitiva de Indonesia estivo formada polo director xeral de Sanidade Animal do Ministerio de Agricultura de Indonesia, Ketut Diarmita; o responsable de Análise de Riscos da citada Dirección Xeral, Makmum; e polo profesor Wayan, decano da Universidade de Bogor e experto asesor da citada Dirección Xeral. Os tres reuníronse co presidente de Acruga, César Dorado; a técnica veterinaria desta asociación, María Traba, ademais de co director xeral de Indogal, Manuel Alborés, e con Rubén Losada e Claudio Nicolás, ambos da firma Ecnatín. Estas dúas empresas, especializadas en comercialización con Indonesia, serán as encargadas de realizar a importación das doses seminais.

Indonesia está interesada nas resultados da Rubia Galega para realizar cruces industriais

As boas calidades da Rubia Galega suscitaron o interese deste país asiático por esta raza. Segundo explican desde Acruga, a principal diferenza da raza Rubia Galega con respecto ás tres que existen en Indonesia, son un incremento importante do peso, maior precocidade para o sacrificio e canles de mellor calidade, de aí o interese por importar seme que se poida empregar no cruzamento industrial que mellore as calidades das súas canles.

As autoridades de Indonesia mostráronse moi interesados en saber que resultados ofrece a Rubia Galega para realizar cruces industriais. Por este motivo, os veterinarios de Acruga, explicáronlles os resultados obtidos en Brasil, país onde se realizan desde hai anos vendas de seme para cruzamento industrial coa raza Nelore. O balance obtido do cruzamento industrial no país de Sudamérica é máis que positivo. A facilidade de parto é moi alta, mesmo con seme pertencente aos touros máis grandes.

A Rubia Galega obtivo os mellores resultados no cruzamento coa raza Nelore

Desde Acruga confirmaron ademais que en Brasil estes parámetros probáronos con cruces entre diferentes razas: Nelore con Limousine; Nelore con Azul belga e Nelore con Rubia Galega. Esta última foi a que obtivo mellores resultados.

Polo momento, o proceso de exportación de seme de Rubia Galega a Indonesia continúa adiante, o que fai pensar que este país asiático unirase a outros como México, Brasil, Uruguai e Paraguai, onde hai anos que se exporta seme. Nos últimos meses, en Acruga recibiron chamadas mostrando o seu interese pola importación de seme desde outros países como Turquía e Marrocos. A isto súmanse as chamadas recibidas á asociación desde países africanos como Libia, Mali e Marrocos interesados na compra de animais vivos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información