Tipos de camas para vacas de leite: análise comparativa

Distintos profesionais expoñen os pros e contras dos diferentes materiais empregados nos cubículos das explotacións leiteiras e os resultados acadados en aspectos como a produción, a saúde do ubre, a podoloxía ou a calidade do purín

Q_BED_CAMA_AREA_02_STANDARÁ hora de poñer en marcha unha explotación de leite preséntanse varias disxuntivas nas que o gandeiro debe tomar unha decisión. Unha delas é escoller entre robot ou sala de muxido; outra, o tipo de cama para o gando. Analizamos desde distintos puntos de vista as vantaxes e inconvintes dos distintos materiais empregados máis frecuentemente.

Este foi un dos aspectos da produción de leite abordados nas últimas xornadas técnicas organizadas por Seragro, onde distintos profesionais mostraron a súa visión sobre a incidencia do tipo de cama no benestar do gando e nos resultados produtivos acadados.

Gonzalo Gómez Grobas, do servizo de xestión técnico-económica de Seragro, fixo unha análise da situación actual das camas na nosa comunidade en función do tipo de gandaría e do material empregado. Os dous sistemas máis frecuentes en Galicia nas camas das vacas en produción son a area e a mestura de serrín con carbonato cálcico, aínda que nos últimos tempos e empurrado polas maiores esixencias sobre o purín estase introducindo tamén o compost e perviven aínda ganderías con camas de goma.

As explotacións máis grandes empregan area, as intermedias materiais como serrín, viruta e cascarilla e nas pequenas perviven aínda as mantas de goma

A antigüidade das instalacións e o tamaño da explotación determinan tamén o tipo de material empregado. Deste xeito, afirmou, “canto máis grande é a granxa máis tende á area”, que usan só o 7% das gandarías de menos de 50 vacas, o 20% das que teñen entre 50 e 100 animais, o 35% das que están entre 100 e 150, o 46% das que se sitúan entre 150 e 200 e o 62% da que contan con máis de 200 vacas. Ao contrario que as mantas de goma, que perviven sobre todo en explotacións de pequeno tamaño (o 28% das explotacións de menos de 50 vacas teñen este sistema fronte a unicamente o 3% no caso das de máis de 200 cabezas). Tamén inflúe a localización xeográfica, dado que “na provincia da Coruña é onde máis camas de serrín hai porque tamén é onde máis aserradeiros hai”, argumentou. Materiais como o serrín, a viruta ou a cascarrilla son utilizados sobre todo por explotacións de tamaño intermedio, de entre 50 e 150 vacas.

Gonzalo explicou que, independentemente do material empregado ou do tamaño da explotación, hai unha diferenza de 6 litros diarios en produción por vaca en función do estado das camas se o mantemento é óptimo con respecto a se é deficiente. “Unha cama boa ou mala determina 6 litros de diferenza en produción por vaca e día. Non é só pola cama, senón que como está a cama é tamén un indicativo de como se fai o manexo noutros aspectos”, considera.

Unha cama boa ou mala determina 6 litros de diferenza en produción por vaca e día

“Unha cama ten que estar seca, limpa e ben traballada, iso é un bo manexo da cama”, afirmou, e explicou que “cando o material é barato a xente encama máis a miúdo e os cubículos acostuman estar máis cheos”. Tamén indicou que a época do ano tamén inflúe no estado das camas. “Inflúen factores como a humidade, moi importante cando se usa compost, pero tamén aspectos do comportamento do gando. No verán as vacas déitanse e levántanse máis veces porque están máis estresadas e tiran máis material”, dixo.

Diferenzas de custo considerables

Gonzalo Gómez Grobas Seragro

Gonzalo Gómez Grobas

O técnico de Seragro, que asesora ás explotacións desde o punto de vista da súa xestión económica, comparou o custo actual das distintas alternativas utilizadas para o descanso das vacas en Galicia. Estudando unicamente o custo de adquisición do material empregado nos cubículos, o máis económico sería o compost, dado que é xenerado na propia explotación e non é preciso mercalo, seguido, por esta orde, da area, a palla, o carbonato e o serrín.

O gasto anual usando serrín con carbonato case duplica ao da area

A diferenza de custo anual para un rabaño de 100 cabezas en produción é considerable. O gasto sería de 5.000 euros en area, 7.000 euros en palla (aínda que o custo por tonelada é o maior de todos, emprégase menor cantidade -kg/día- que no resto de sistemas), 8.000 euros en manta de goma con recheo, 10.000 euros empregando mestura de serrín con carbonato e 12.000 euros usando só serrín. Así pois, o custo do serrín con carbonato, unha das alternativas máis empregadas xunto coa area, practicamente duplicaría á area.

CUSTO DO MATERIAL EMPREGADO NO ENCAMADO

                            Area   Serrín   Serrín+carbonato    Palla   Goma+recheo
Kg/vaca/día              12          5                   6                               2                4
€/tonelada                11,54   66,66          44,50                        95              54,40
€/vaca/día                 0,14      0,33             0,27                         0,19           0,22
€/ano/100 vacas     5.054   12.165        9.745                       6.935         7.957

Cando se emprega compost elaborado a partir da fracción sólida do purín como material o caro é a compra do separador, que ascende a uns 100.000 euros, e supón tamén un incremento mensual na factura eléctrica da granxa, que varía en función das horas de funcionamento necesarias, debido ao consumo do sistema de hixienización, que deriva nun custo enerxético importante. Tendo en conta estes dous factores (custo de adquisición do separador e consumo eléctrico necesario para a hixienización) a utilización das camas de compost resulta o sistema máis caro malia que o material en sí é o máis barato.

Os danos que provoca a area nas instalacións supón 300 euros máis ao ano en mantemento polo desaste e 870 da retirada dos residuos da fosa do purín

No caso das camas de goma ou de goma con recheo habería tamén un custo inicial, o de adquisición das mantas de goma, que sería duns 200 euros por unidade. En canto ao desgaste das instalacións, estímase que no caso da area supón unha media de 300 euros máis ao ano con respecto ao resto de sistemas en mantemento, así como outros 870 euros a maiores cada ano na retirada dos residuos da fosa do xurro.

Nos casos de cama de compost hai un custo enerxético importante polo consumo do sistema de hixienización, que ten ademais un custo de adquisición elevado

En canto á man de obra necesaria, cando se utiliza mestura de carbonato e serrín o custo é superior tanto polo tempo necesario empregado en facer a mestura de materiais como para traballar a cama, que endurece máis, do mesmo xeito que o compost tamén compacta máis e require máis tempo para a súa elaboración. O custo de adquisición dunha encamadora para area, serrín, carbonato ou compost rondaría os 5.000 euros, mentres que para palla subiría até os 12.000 euros, destacou finalmente Gonzalo.

Incidencia sobre a saúde podal

Jose Maria Garcia Nieto

Jose Maria Garcia Nieto

O seu compañeiro José María García Nieto, do servizo de podoloxía de Seragro, fixo, pola súa banda, un repaso aos distintos problemas que máis frecuentemente presentan as vacas de leite estabuladas nos cascos poñéndoos en relación co tipo de material de cama existente na gandaría.

Desde Seragro analizaron durante dous anos o comportamento de 23.434 vacas en 131 explotacións leiteiras estabuladas, das que 42 usaban area, 36 cama de goma e as 53 restantes serrín, palla ou mestura de carbonato con serrín.

O 27% das intervencións foron urxencias e as restantes, revisións podolóxicas periódicas. O 35% do total de vacas estaban coxas e en canto ás incidencias e patoloxías máis frecuentes que presentaban, o 36% dos animais tiñan úlcera na planta, un de cada catro enfermidade de debilitamento e separación da liña branca, un 5% hemorraxia localizada (predecesora da enfermidade da liña branca), noutro tanto dos casos suela fina e un 2% dos animais flemón interdixital.

O material de recheo da cama determina o tipo de enfermidade podolóxica máis habitual na gandaría

O material de recheo da cama determina o tipo de enfermidade podolóxica máis habitual na gandaría así como o seu grao de incidencia. “Globalmente as que mellor se comportan para as enfermidades de podoloxía son as camas de area, seguido do serrín-carbonato, e a que peor, a colchoneta, aínda que hai diferenzas en función da enfermidade podal da que se trate”, afirmou José María.

O 12% das vacas que dormen en cubículos con area presenta a enfermidade de suela fina por desgaste, que non se dá con outro tipo de materiais de recheo

Así, o 42% das vacas que dormen en mantas de goma presentan úlceras. “As granxas con mantas de goma teñen máis úlceras porque non son camas tan confortables como o resto de materiais e as vacas descansan menos e pasan máis tempo de pé”, asegurou.

Por outra banda, as enfermidades de suela fina por desgaste só se dá nos cubículos con area, indicou, cunha porcentaxe de incidencia do 12%. “O desgaste nas camas de area depende do traxecto que camiñen as vacas para ir a beber, a comer ou a muxirse e tamén de se os patios son novos ou non”, explicou.

A menor incidencia de coxeiras dase en cubículos con area, mentres que as mantas de goma provocan maior número de patoloxías, sobre todo úlceras

Segundo os datos aportados por José María, a menor incidencia de coxeiras, así como das demais patoloxías, dase en cubículos con area, seguido dos recheos de serrín ou carbonato, mentres que 4 de cada 10 vacas coxas descansaban en manta de goma. Este material tamén provoca maiores porcentaxes de repetición de coxeiras (24%) nos animais tratados unha vez curados, aínda que o técnico de Seragro indicou que “as vacas desde que están coxas unha vez as probabilidades de volver estar coxas outra vez na súa vida son maiores”.

As vacas desde que están coxas unha vez as probabilidades de volver estar coxas outra vez na súa vida son maiores

Para reducir o número de animais aqueixados de problemas nos pés, o técnico de Seragro recomendou encamar “polo menos” unha vez á semana “con suficiente cantidade de material” e arar as camas “unha vez ao día cando menos, sobre todo nas camas de serrín-carbonato, que endurecen máis”, dixo.

Efecto da area nas terras

Adolfo Lopez Fabal

Adolfo Lopez Fabal

Un dos contratempos que provoca o uso de area nos cubículos do gando é a súa acumulación na fosa do xurro. Moitas gandarías non retiran esa area de maneira separada, senón que é esparexida nas terras de labor e pradeiras mesturada co purín. Adolfo López Fabal, doutor enxeñeiro agrónomo e investigador da USC explicou o efecto que ten o depósito desa area sobre a fertilidade física dos solos.

“O solo é un capital que a explotación ten e que é irremprazable, polo que hai que coidalo”, asegurou. A fertilidade (a capacidade do solo de proporcionar ás plantas boas condicións para o seu correcto crecemento e desenvolvemento), explicou, ten que ver coas súas propiedades físicas (ancoraxe, extensión radicular, aireación, dispoñibilidade de auga), químicas (nutrintes, fitotóxicos) e biolóxicas (microbioloxía, micro e mesofauna).

A adición de area procedente das camas, vía purín, pode alterar a fertilidade do chan

Por iso, dixo Adolfo, “a adición de area procedente das camas, vía purín, pode alterar a fertilidade do chan”. “O solo non é algo estático e podemos influir na súa evolución ou en como vai cambiando, pero a súa evolución vai depender do material de partida (pizarras e cuarcitas no leste de Galicia e granitos no oeste) e iso danos solos diferentes”, explicou.

Cando os solos se degradan moitas veces degrádanse para sempre porque despois esas propiedades físicas son moi difíciles de reverter

“O solo vai gañando en profundidade e en materia orgánica co paso dos anos, pero é un proceso longo que pode levar moitos séculos e mesmo miles de anos. Ademais, as propiedades físicas cando son malas son moi difíciles de corrixir, polo que os solos cando se degradan moitas veces degrádanse para sempre porque despois son moi difíciles de reverter”, asegurou.

Por ese motivo tamén recomendou “non deixar nunca zonas en pendente sen cultivo en inverno, unha vez recollido o millo, por exemplo, porque a terra que se perde non se recupera en miles de anos”. Propuxo botar un cultivo de inverno para evitar a erosión ou mesmo poñer pacas de herba seca ou facer uns regos profundos ao traveso no fondal das parcelas para poder recoller esa terra cando hai escorrentía.

É máis problemático botala nuns solos ca noutros

piramide tipos de solosUn solo equilibrado en canto ás súas características funcionais denominaríase solo franco, composto por un 40% de area, outro 40% de limo e un 20% de arxila. A arxila aporta mellor fertilidade a longo prazo, xa que permite ter máis reserva de nutrintes e retén tamén mellor a auga que os chans areosos, que sen embargo drenan mellor e son máis doados de traballar, pero pola contra tamén sofren máis problemas de seca no verán e reteñen menos nutrintes.

Se o chan é areoso estamos incidindo nun problema que xa ten o solo, pero se o chan é limoso ou arxiloso co aporte de area estamos mesmo mellorando o solo

Como non todos os solos teñen as mesmas características, tampouco a area afecta de igual xeito en todas as parcelas. “Se partimos dun solo franco estariamos pasando enseguida a un solo areoso e se o chan é areoso estamos incidindo nun problema que xa ten o solo, pero se o chan é limoso ou arxiloso co aporte de area estamos mesmo mellorando o solo”, contou.

Pero os chans en Galicia acostuman ser franco-areosos. “Os solos de granito son moi areosos e tamén os de esquistos, que son os segundos máis frecuentes na nosa comunidade”, explicou este enxeñeiro agrónomo do Campus Terra.

mapa dos solos de Galicia“A area procedente dos cubículos fai máis areoso o chan, porque é un material inerte que non se descompón, polo que ten un efecto aditivo, é dicir, non desaparece e vaise sumando a area que engadimos un ano coa do ano seguinte. Imos acumulando doses”, afirmou Adolfo.

Hai que repartir a arena na base territorial, evitando acumular doses elevadas sempre nas mesmas parcelas

Nunha terra de labor na que durante 25 anos se bote toda a area procedente das camas das vacas da gandería estaríaselle engadindo unhas 3.000 toneladas por hectárea, calculou, cando 500 toneladas por hectárea sería o límite máximo de aporte de area aceptable por parte do chan. “Serían moitos anos botando area se repartimos a area proporcionalmente en todas as fincas, pero se por comodidade botamos sempre nas mesmas parcelas por estar máis perto o problema increméntase”, dixo.

Medidas correctoras

Outra estratexia sería sacrificar algunha das parcelas que teñamos e que sexa xa de por si pouco produtiva, botando a area sempre nela para non prexudicar ao resto. “Cando as fincas que temos xa son de por sí areosas, pódese concentrar a aplicación en pouca superficie, que se sacrifica, iso si, de xeito irreversible”, indicou.

tipos de solosAs consecuencias do deterioro dun chan debido aos continuos aportes de area son irreversibles, pero pódense corrixir botando máis materia orgánica. “Un solo ao que aportamos materia orgánica mellora na retención de auga e nutrintes, polo que se pode corrixir a falta de arxila no solo aportando materia orgánica”, explicou. Sen embargo, como a materia orgánica se degrada e a area non, ese sobreabonado desa parcela hai que facelo a partir de entón todos os anos.

As técnicas paliativas dos efectos de doses elevadas de area en solos xa de por si areosos serían dúas: aumentar o nivel de humus (materia orgánica) se é baixo e a labra ocasional máis profunda (desfonde), aínda que isto non sempre é viable

Outra maneira de mitigar as consecuencias da area no chan sería labrar máis profundo nesas parcelas, para mesturar a area con máis cantidade de solo, reducindo deste xeito a súa incidencia sobre o chan. Pero non sempre se pode aplicar esta técnica paliativa de desfonde a 50 centímetros porque en ocasións a profundidade do chan non o permite porque debaixo hai limo ou pedras, argumentou Adolfo. Ademais, a fertilidade global diminúe, porque estamos traendo á superficie e mesturando a materia orgánica con terra que non foi abonada.

O problema da incorporación da area das camas ao chan é posible sobrelevalo se facemos un uso axeitado desa area, estudando en que terras se bota e que uso posterior se vai dar a esas terras

Así pois, concluíu este experto, “o problema da incorporación da area das camas ao chan é posible sobrelevalo se facemos un uso axeitado desa area, estudando en que terras se bota e que uso posterior se vai dar a esas terras”, afirmou.

“O compost é un bo material para a saúde do ubre e pode usarse sen problema en Galicia”

O Liñar aumentou a zona para as vacas en produción con máis cubículos e máis amplios

Cama de compost en SAT O Liñar de Sarria

Oriol Franquesa Oller é veterinario especialista en calidade do leite en Q-Llet e traballa en granxas en Cataluña, onde levan máis tempo que en Galicia empregando camas de compost. “En calidade de leite a area segue gañando, pero o o compost é unha alternativa que permite unha redución de custos na explotación. Ademais, o compost ten menos problemas de manexo que a area e estamos reciclando un residuo da granxa, polo que non hai que mercar outro material e cando vai para o campo é mellor material aínda. En definitiva, o compost é un bo material para a saúde do ubre e pódese usar en Galicia”, asegura.

Existen distintas modalidades en canto ao uso de compost na cama. Unha delas é a cama fría, utilizada tanto en vacas en produción como en vacas secas ou recría (o máis común en Galicia). Para o seu uso requírese unha maior superficie a cuberto nas instalacións pero afórranse os cubículos e o cemento, xa que se usa directamente sobre a terra, á que se engade unha capa inicial de material (normalmente serrín ou viruta, aínda que pode ser tamén palla), que se traballa despois removéndoa a diario mesturada cos excrementos do gando para que seque e enfríe na parte superficial, a que está en contacto cos animais.

Na cama fría de compost a densidade é un factor limitante en canto a resultados: con 14 metros cadrados por vaca é unha marabilla pero con 8 metros cadrados por vaca convértese nun pesadelo

“A densidade é un factor limitante en canto a resultados. Con 14 metros cadrados por vaca é unha marabilla pero con 8 metros cadrados por vaca convértese nun pesadelo”, asegura. En canto ao manexo, “hai que airear dúas veces ao día e canto máis fondo en canto a profundidade mellor”, di.

Vacas secas en cama fría de compost en Gandaría Varela de Castro de Rei

Vacas secas en cama fría de compost en Gandaría Varela de Castro de Rei

A clave para que o sistema de cama fría de compost funcione consiste en controlar a temperatura da cama. “Debe estar por debaixo de 35-40ºC medida a 15-20 centímetros do chan. A superficie debe estar fría e se hai humidade hai que engadir máis material”, recomenda. “A cantidade dependerá da densidade de animais que teñamos, da ventilación das instalacións ou da humidade ambiental que haxa”, explicou, pero, en función deses factores, “hai que aportar material novo”, asegurou.

A clave está en airear dúas veces ao día e controlar a temperatura e humidade na superficie engadindo novo material cando sexa preciso

Do mesmo xeito, Oriol non recomendou substituir por completo o material compostado. “É moito mellor sacar só unha parte, por exemplo, retirar a metade do material unha vez ao ano”, indicou.

Uso de compost en cubículo

Oriol Franquesa Oller

Oriol Franquesa Oller

Nos últimos anos foron tamén varias as explotacións en Galicia que substituíron a area dos cubículos por compost logrado a partir da facción sólida do purín. Existen varios métodos para obtelo, desde o compostado natural (que en Galicia non funciona polo alto grado de humidade, que impide secar o material deste xeito) á utilización de inxectores de aire e separadores.

Para poder usar o compost según sae do separador (sistema denominado green bedding) o material debe ter un 35% de materia seca, indicou o técnico catalán. “Se o separador non é bo e en vez de ao 35% sae ao 28% de materia seca vainos dar problemas para usalo directo do separador”, dixo.

O compost é fantástico de inicio en canto a bacterias como Klebsiela ou E-coli porque está hixienizado, pero hai que airealo para que non se incremente o nivel bacteriano ás 48 horas de botalo nos cubículos

Nese caso habería que utilizar un proceso intermedio de secado entre o separador e o cubículo, ben a través de inxectores de aire ben a través de tambores de secado, que supoñen un custo máis elevado de investimento e tamén de consumo enerxético.

En relación ao comportamento do compost na saúde do ubre, Oriol considerou que “o material compostado ou secado é fantástico de inicio en canto a bacterias como Klebsiela ou E-coli porque está hixienizado, pero hai que airealo para que non se incremente o nivel bacteriano ás 48 horas de botalo nos cubículos”, advertiu. O uso de compost obriga tamén a poñer maior énfase nunha boa limpeza do pezón antes do muxido.

O uso de compost obriga a poñer maior énfase nunha boa limpeza do pezón antes do muxido

“O sistema hai que axustalo e traballalo en cada granxa até atopar o seu punto óptimo de utilización”, opinou. Con todo, unha vez encamado co compost o manexo pasa despois por remover diariamente o material depositado nos cubículos. “Hai que pasar as gradillas cunha altura de púas suficiente para que entren dabondo no compost para airealo”, afirmou.

Alternativa para dar unha solución ao purín

O uso de compost en vacas de produción de leite, ben sexa en sistema de cama fría ou en cubículo, é desigual nos distintos países. En Inglaterra, por exemplo, é un material que non triunfa porque Arla Foods non quere ese leite, dado que o Reino Unido ten un problema endémico de tuberculose, que resiste a esas temperaturas de hixienización do compost (que é sometido a un proceso de pasteurización a 60-70ºC). Nos Países Baixos, sen embargo, é un sistema frecuente, tanto en cama fría nas granxas máis novas, como en cubículos, con plantas móbiles de tratamento do purín que se desprazan de gandaría en gandaría elaborando o compost necesario para 2 ou 3 semanas, que é depositado en almacéns con forma de silo cuberto para a súa posterior utilización no encamado. Con todo, algunhas empresas como Friesland Campina, que conta cun importante mercado de exportación nos países árabes, prefire camas de palla antes que de compost.

Pedro Ezcurra Osácar

Pedro Ezcurra Osácar

En España, o compost está a abrirse camiño como unha alternativa ante o endurecemento da normativa en relación ao tratamento de puríns. Pedro Ezcurra Osácar é socio da gandaría Aldapa SCL, unha explotación situada na zona norte de Navarra, dentro da Rede Natura 2000 e, polo tanto, sometida a unhas limitacións en materia medioambiental moi estritas. “Ao estar en Rede Natura mírasenos con lupa”, dixo.

A granxa, froito da unión de catro explotacións familiares, conta con 355 vacas en produción, 30 secas e unha cabana gandeira total de 715 animais. Dispoñen dunha superficie de 170 hectáreas de terreo, das que 90 son terras de cultivo en rotación de millo con raigrás forraxeiro e as outras 80 pradeiras para pasto e sega para ensilado.

Usan compost nas camas desde fai catro anos, antes botaban palla nos cubículos e mandaban o purín a tratar a unha planta de biogás

A produción media da explotación é de 39,5 litros por vaca e día e contan con 370 cubículos para as vacas en muxidura nos que desde fai catro anos botan compost. Antes empregaban palla e desde o ano 2000 ao 2016 trataban o purín nunha planta de biogás mancomunada pertencente ao Val de Ulzama que pechou pola suba do custo da electricidade.

Pedro recoñece que “a primeira reacción como gandeiros ante o compost é sempre na miña granxa non”, pero que ante a falta de alternativas para o purín tralo peche da planta de biogás decidiron colocar un separador na propia explotación. Descartaron o uso directo do compost que saía del nas camas e tamén instalar ventilación forzada para secalo na pila de compostaxe por falta de espazo.

A gran vantaxe do compost é que ao ter material de sobra enchemos os cubículos a mansalva e o que reborda ou tiran as vacas volve ao pozo do purín e non pasa nada

“Finalmente decidímonos polo tratamento térmico mediante unha biocélula vertical, que precisa menos espazo”, contou. Teñen o hixienizador programado para que traballe a 71ºC, por enriba dos 60ºC que recomenda o fabricante. “Sae un produto hixienizado en máis dun 95% pero no momento en que o botamos no cubículo comeza a contaminarse con bacterias”, explica.

Os dous primeiros anos, até o 2018, enchían as camas cada 5 días, rastrillaban a diario e retiraban a bosta 2 veces ao día. Pero o ano pasado cambiaron o manexo das camas e agora énchenas unha vez ao día (polas tardes) e rastríllanas igual unha vez ao día (polas mañás). “A gran vantaxe para min do compost é que ao ter material de sobra enchemos os cubículos a mansalva e o que reborda ou tiran as vacas volve ao pozo do purín e non pasa nada”, razoou.

O 60% do material que obteñen da facción sólida do purín emprégano para a cama das vacas en produción e o sobrante vai para os campos como abono, igual que a parte líquida do xurro, que usan nas terras a través dunha cisterna con tubos colgantes

O 60% do material que obteñen da facción sólida do purín emprégano para a cama das vacas en produción e o 40% restante úsano nas camas da recría ou ben vai para os campos como abono. A parte líquida do xurro unha vez separada bombéana a un quilómetro de distancia até a balsa da antiga planta de biogás, onde a almacenan para usar despois nas terras a través dunha cisterna con tubos colgantes.

Como se comporta con calor ou humidade extremas?

Un dos medos máis habituais dos gandeiros á hora de valorar a introdución do compost nas súas granxas son as dúbidas sobre o seu comportamento en condicións de humidade ou temperatura altas. “Non notamos ningún incremento de células ou mamite cando a humidade é alta”, asegurou Pedro.

Os niveis nesta explotación sitúanse hoxe en 218.000 células e un 17% de mamites subclínicas; antes de pasarse ao compost estaban en 235.000 células e un 36% de mamite. Ademais da mellora no reconto celular, tamén lograron reducir os casos clínicos de mamite, que están hoxe por debaixo do 1,5% (un caso de mamite clínica por cada 60 vacas).

Baixaron o nivel de células somáticas e as mamites clínicas e melloraron en produción, fertilidade e lonxevidade

Trala súa experiencia destes 4 anos, para este gandeiro “o tema da humidade é un pouco excusa, xa que onde nós estamos chove máis que en moitas zonas de Galicia”, dixo. As condicións climáticas desta explotación, situada a 550 metros de altitude e con clima atlántico, é de 1.300 mm de precipitación media anual (con 143 días de chuvia) e unha temperatura media anual de 10,8ºC (a media de mínimas sitúase en 5,1ºC e a de máximas en 16,6ºC). “Ademais, as condicións da nosa nave de produción son moi negativas, porque está nunha vagoada, é moi baixa e ten pouca ventilación”, dixo.

O tema da humidade é un pouco excusa, onde nós estamos chove máis que en moitas zonas de Galicia

Logran hoxe un compost con máis do 40% de materia seca e unha granulación menor, o que, xunto coa mellora no manexo das camas (frecuencia de receo e rastrillado) permitiulles mellorar no reconto de células somáticas e na saúde do ubre ao lograr un produto máis seco. “Baixamos tamén o grao do compost, polo que absorve mellor a humidade”, conta Pedro.

Melloras en fertilidade e redución de descartes

Outros beneficios do cambio de material nas camas déronse a nivel reprodutivo. “Notamos incrementos na fertilidade, aínda que seguimos tendo picos baixos, pero son debidos a un problema de estrés por calor no verán na nave de produción”, explica.

Lograron tamén incrementos na produción e mellorar o nivel de reemprazo da granxa, cuxa taxa de reposición se sitúa na actualidade por debaixo do 30%. “As vacas coxas que antes marchaban máis rápido ao matadoiro agora dúrannos máis na explotación porque conseguimos maior confort nas vacas e están deitadas máis tempo”, razoa Pedro.

Todas as melloras comezan a verse aos 7 ou 9 meses de facer o cambio ao compost, xa que arrástranse vacas con problemas crónicos que se tardan en superar

Aclara, se embargo, que o proceso para ver resultados é longo. “Todas as melloras comezan a verse aos 7 ou 9 meses de facer o cambio ao compost, xa que arrástranse vacas con problemas crónicos que se tardan en superar e en moitos casos non se aprecian cambios globais no rabaño até que eses animais abandonan a explotación”, dixo. Ademais, son necesarios uns meses iniciais de adaptación para axustar ben todos os parámetros do hixienizador e adaptar o manexo das camas da gandaría ao novo material.

Outro dos beneficios colaterais da separación do purín nesta explotación navarra foi a redución de cheiros na gandaría. “A nosa granxa está ubicada a 300 metros dun hotel de turismo rural, así que ao reducir os olores que provoca a nosa explotación tamén melloramos as condicións do entorno para eles”, concluíu Pedro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información