“Temos dereito a defender as nosas terras do xabaril, xa que estamos alimentando a unha praga”

Falamos con Vicenç Armengol, un agricultor de Girona que traballa nunha das comarcas da Península con maior densidade de porco bravo, con máis de 12 exemplares por quilómetro cadrado

Publicidade
“Temos dereito a defender as nosas terras do xabaril, xa que estamos alimentando a unha praga”

Vicenç Armengol, nun dos campos de colza que cultiva.

En Cataluña teñen co xabaril un problema mesmo maior do que existe en Galicia. A especie multiplicou alí a súa densidade por 7 nos últimos 20 anos e o número de capturas en caza dobrouse desde o 2015, pasando duns 35.000 na campaña 2014-2015 a 70.000. Son números que sobre o terreo sofren agricultores e gandeiros. “Estamos a tope de xabaril, é un desastre”, resume Vicenç Armengol, un agricultor de Girona que traballa nunha das comarcas máis castigadas, cunha densidade de 12 animais por quilómetro cadrado, segundo os datos da Generalitat.

O xabaril é un acompañante diario do traballo de Vicenç nos seus campos, nos que cultiva principalmente trigo, cebada, avena e colza nunha superficie dunhas 80 hectáreas. “Esta semana mesmo, ao pasar unha aplicación de fitosanitarios co tractor levantei varios e na colza debía haber unha vintena”, calcula.

Os danos nas terras son continuos, tanto para el como para outros agricultores da comarca. “Xa non son só as desfeitas que che fai no cultivo, senón que ao fozar no campo deixa moitos buracos e iso para a maquinaria é nefasto. As avarías en segadoras ou ensiladoras son continuas”, sinala Vicenç.

“Os cazadores, falemos claro, queren xabarín. Non nos van solucionar o problema ós agricultores” (Vicenç Armengol)

O agricultor traballa nunha das zonas negras do xabaril en España, declarada xa fai cinco anos zona de emerxencia cinexética, nun intento da Generalitat por facilitar a caza e reducir a poboación da especie.

“O problema é que a efectividade dos cazadores é escasa. Eles, falemos claro, queren xabaril. Non nos van a solucionar aos agricultores o problema”, cuestiona Vicenç. “Matan uns poucos, pero as femias de xabaril que quedan traen dúas camadas ao ano, igual con 5-6 crías cada unha, e o problema vai a peor” -analiza o agricultor-. “Outra dificultade é que hai moito cazador maior e pouco relevo xeracional”, valora.

Cultivo con danos.

Cultivo con danos.

Visto o panorama, a única solución que lle quedou a Vicenç foi chegar a un acordo con outro agricultor veciño, que é cazador, para patrullar en conxunto os campos de ambos cunha pick-up. “Ao ser zona de emerxencia cinexética, sempre que demostremos danos aos agricultores autorízannos os 365 días do ano accións de caza especiais, de noite e con focos e visores nocturnos. Custa moito conseguir unha autorización, pero non hai outra vía”.

Vicenç e un veciño fan patrullas nocturnas nos seus campos cunha pick-up, previa autorización administrativa, para cazar xabaríns

Da Administración é a única cesión que lograron, a pesar de contar co apoio de organizacións como a Unió de Pagesos. Non foi por non tentalo. Nunha protesta ante o Departamento de Agricultura, Vicenç mesmo levou un rallón vivo, que deixou solto no edificio administrativo. “Detivéronme e dixeron que eu era un alborotador. A verdade é que o único que quería é que sentisen a impotencia que sentimos nós ante un animal así a diario. Estamos a alimentar a unha praga e a única satisfacción que me queda é tomarme a xustiza pola man”, conclúe.

O agricultor é partidario de cambiar a lexislación de caza e xeneralizar o dereito de “autodefensa”: “Todo agricultor debería ter dereito a defender o seu. Estou de acordo en que os cotos de caza teñan dereitos sobre os xabarís, pero a realidade é que eses animais estámolos alimentando os agricultores sen que os cotos eviten que se produzan danos na agricultura, que é unha das funcións que deberían cumprir”, valora.

“Só o ano pasado nas 80 hectáreas dos meus campos, cazamos 300 xabaríns”

Así que Vincenç e un veciño, coa correspondente autorización administrativa, organizáronse para defender as súas terras. Nas accións de caza por control de danos, Vicenç ocúpase de conducir, xa que non é cazador, e un veciño agricultor, subido na caixa da pick up, é o que se encarga de abater aos xabarís. “Só o ano pasado nas 80 hectáreas dos meus campos matamos 300 xabarís. Cando o conto, a xente non me cre, pero teño os albaráns do matadoiro para demostralo”, explica.

Este ano, Vicenç presaxia que vai ser duro nos cultivos. “Veu unha primavera seca e os animais non teñen no bosque as landras ou castañas que podían atopar outros anos, así que baixarán máis aos cultivos”, opina.

As accións de caza que fixeron nas últimas semanas -acompañados de axentes rurais, dadas as medidas de confinamento-, así o demostran, pois na última acción cazaron 20 exemplares en menos dunha hora.

Desde os colectivos de cazadores de Cataluña, defenden desde hai anos que os agricultores teñen que xeneralizar o uso de medidas preventivas, como valos electrificados, pero Vicenç é da opinión de que ante tal dimensión do problema, iso non sería unha solución. “A mellor medida preventiva é unha bala no sitio adecuado. Non hai que darlle máis voltas”, conclúe.

Vídeo dunha protesta ante a Administración cun rallón

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información