Temen que o coronavirus provoque consecuencias “nefastas” no sector do viño

Nos dous primeiros meses de 2020 as importacións de viño en China, primeiro país en sufrir os efectos da pandemia sanitaria, reducíronse un 30%. O Observatorio Español do Mercado do Viño estende a nivel global a súa preocupación dada a evolución da enfermidade en todo o mundo

Publicidade

“A crise económica internacional xerada polo coronavirus pode ter efectos nefastos para o sector do viño”, advirte o Observatorio Español do Mercado do Viño no seu último informe publicado, no que analiza as exportacións a China nas últimas dúas décadas. As importacións chinesas de viño xa viñan caendo nos últimos 2 anos pero acentuáronse nos dous primeiros meses de 2020 por culpa da pandemia sanitaria, que fixo descender nun terzo as exportacións de viño a China con respecto a xaneiro e febreiro de 2019.

O coronavirus, que parece que xa está a remitir nese país, tivo con todo consecuencias económicas importantes. “Perdeuse o consumo en hostalería, en especial durante a celebración do Ano Novo chinés. E unha parte moi importante destas vendas non se recuperarán durante a segunda parte do ano”, advirte o informe presentado.

China é o principal comprador de viño en Asia pero o coronavirus reduciu nun terzo as súas importacións en xaneiro e febreiro

China importou 613 millóns de litros en 2019, dos que España véndelle o 6%. A perda dunha quinta parte deste mercado en 2020 e dependendo moito de como vaia o resto do ano suporía unha caída total do mercado chinés de preto de 110 millóns de litros, rexistrando o menor volume dos últimos 5 anos.

grafico-importaciones-vino-China-2020

Pero a preocupación no sector vitivinícola esténdese a nivel global. Insiste o Observatorio Español do Mercado do Viño que “probablemente, o descenso das importacións chinesas de viño acentuarase nos meses vindeiros, xa que coinciden co inicio da pandemia noutros países exportadores de viño e que sufriron importantes restricións comerciais”. É o caso de España.

Unha parte importante das vendas a China non se recuperarán porque estaban relacionadas coa celebración do Ano Novo chinés

“Aínda que debemos ser cautos xa que de momento é pronto para coñecer en que medida pode afectar o coronavirus ao mercado do viño, consideramos que non hai dúbida de que afectará e os primeiros datos aos que tivemos acceso, correspondentes ás importacións de viño en China durante o inicio de 2020 son preocupantes: en xaneiro e febreiro, os dous primeiros meses completos tralo primeiro caso de COVID-19 en China (decembro 2019), as importacións no primeiro comprador asiático de viño caeron un 30% en termos de volume, pasando de máis de 110 a menos de 80 millóns de litros”, indica o estudo encargado pola Organización Interprofesional do Viño de España.

Outras ameazas

Parece claro que 2020 será un mal ano para o viño. A crise económica mundial e a caída nas exportacións únese a outras ameazas que xa facían presaxiar un ano difícil para este sector. O incremento nas taxas arancelarias impostas por Donald Trump en EEUU e a saída de Reino Unido da Unión Europea supoñían xa de por si un escenario complicado para os produtores españois.

A crise económica provocada polo coronavirus únese ao Brexit e ao incremento arancelario decretado por Trump en EEUU

No caso dos viticultores galegos, que desde o ano 2000 lograron multiplicar por tres o valor das súas vendas no exterior, veranse afectados por partida dobre, tanto pola caída do mercado interno, provocada polo peche da hostalería en España, que fixo que se perdeu xa a campaña de Semana Santa, como pola previsible baixada nas exportacións.

No mercado interno perdeuse xa a campaña de Semana Santa

As consecuencias da caída de vendas fóra de España poderían ser máis importantes no caso da Denominación de Orixe Rías Baixas, a que acumula un maior volume exportador das cinco denominacións galegas (ao redor dun 30% do viño da D.O. Rías Baixas expórtase), aínda que a súa menor produción na última vendima (de ao redor dun 16%) podería mitigar as dificultades das adegas á hora de dar saída á produción. A previsible falta de mercado en 2020 prodúcese no resto de denominacións galegas nun ano no que as adegas están cheas de viño trala excelente colleita de 2019 en canto a cantidade e calidade, aínda que o seu mercado exterior representa, con lixeiras variacións en función da denominación, tan só en torno ao 10% do total de vendas de Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.

Algúns dos principais destinos dos viños das Denominacións de Orixe galegas están a ser moi golpeados pola expansión do virus

Estados Unidos, que supón unha porcentaxe considerable das vendas de Rías Baixas fóra, está a ser moi afectado pola expansión do virus, que tamén está a golpear con forza en países europeos, como Reino Unido, Bélxica ou Alemaña, destinos principais para os viños do resto de denominacións, polo que as consecuencias negativas serían máis ou menos xeneralizadas para todos os viños galegos.

China reduciu notablemente as súas compras no 2019 por segundo ano consecutivo

Microsoft Word - Info 2020 04 OIVE Importaciones CHINA Año 2019

Segundo datos da aduana chinesa, analizados polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv), China volveu reducir notablemente o volume de viño importado en 2019 por segundo ano consecutivo: tralo récord de 2017, cando adquiriu 751 millóns de litros, as compras baixaron dos 690 millóns en 2018, e ata os 613 millóns en 2019. O valor tamén caeu, ata os 16.861 millóns de yuans, tras permanecer máis ou menos estable en 2018 polos prezos máis altos que se deron nese ano.

As importacións chinesas caeron algo máis do 10% respecto a 2018, a un prezo medio de 27,51 yuans/litro, o máis elevado da súa historia. Malia a este descenso dos dous últimos anos, o crecemento de China no que vai de século foi claramente moi superior ao do resto de principais mercados mundiais: con taxas de crecemento anual medias do 16,3% en volume e do 25,3% en valor, as súas compras pasaron de menos de 35 millóns de litros no ano 2000 aos 613 millóns actuais, e de 233 a 18.681 millóns de yuans.

China mingua as súas compras de viño francés (-19%) pero dispara as súas importacións de Arxentina (+143%)

Por países, Francia deixa de liderar o mercado chinés, o que era impensable ata fai ben pouco. O 2019 estivo marcado pola fortísima caída do viño de Francia no mercado chinés. Ao lado oposto, Australia rompeu coa caída global de 2019 en valor e superou por primeira vez a Francia como principal vendedor en valor, tras derrubarse de novo o valor do viño envasado francés, sobre todo Bordeus. Francia tamén perdeu o seu liderado en volume, pasando de primeiro a terceiro provedor tras ser superado por Chile e Australia, ambos rexistrando malia todo tamén unha evolución negativa. Respecto ao viño español, pechou o ano como cuarto importado (10,6% do volume total), caendo menos que a media, aínda que no ano anterior, 2018, derrubáranse as compras a España.

O viño australiano e chileno está a substituír en China ao viño francés

O espumoso foi o único viño que aumentou no principal importador asiático de viño, con fortes caídas do resto de categorías: envasados, graneis e bag-in-box (envases de entre 2 e 10 litros). Italia liderou un ano máis as importacións de viño espumoso en volume con preto do 50% do total, crecendo un 9,5%, mentres que España supera dous anos despois a Francia como segundo provedor ao crecer un 16,6%, por un descenso do espumoso galo de case o 10%. Con todo, un prezo medio enormemente superior ao resto sitúa a Francia como primeiro vendedor en valor de viño espumoso, de forma clara con preto do 60% do valor total.

Crecemento espectacular do consumo de viño en dúas décadas

O descenso dos 2 últimos anos non impide que o crecemento das importacións de viño en China fose espectacular no que vai de século, pasando de importar menos de 35 millóns de litros no ano 2000, a máis de 610 millóns en 2019 (751 millóns en 2017). Este enorme desenvolvemento, moi superior ao do resto de principais mercados mundiais, tivo sobre todo ao envasado como protagonista: actualmente supón o 75% do volume total de viño importado, lonxe do 5,7% que supuxo no ano 2000, cando o granel monopolizaba as compras.

Tres de cada catro litros de viño vendidos chegan ao xigante asiático embotellados

O mix de produto cambiou radicalmente nos últimos 20 anos nos que o envasado substituíu ao granel: no ano 2000, o viño a granel representou o 93,6% do volume total importado, fronte ao 23,3% actual; en cambio, o envasado pasou do 5,7% ao 74,5%. En cifras absolutas, as compras de granel pasaron de 32,3 a 142,8 millóns de litros; as de envasado, de 2 a 456,4 millóns.

España, de primeiro provedor en 2000 a cuarto na actualidade

No ano 2000, España era claramente o primeiro provedor de viño a China con 21,3 dun total de 35 millóns de litros (61% do total), case todo a granel, mentres que en 2019 representou o 10,6%, cando case o 80% das súas vendas a este mercado foron de viño envasado. Países como Chile e Australia cobraron bastante relevancia en China no que vai de século, do mesmo xeito que Francia. En cambio, Italia ten bastante menos peso actualmente.

España, cuarto vendedor na actualidade en volume e quinto en valor, freou a súa caída respecto á sufrida en 2018, un moi mal ano para os viños españois en China. En 2019 subiron os viños españois espumosos e a granel, e caeron os envasados e bag-in-box. En total, España vendeu o ano pasado a China 65,1 millóns de litros de viño (o que representa un 6,9% menos que no 2018) por un importe total de 1.003 millóns de yuans (un 10,1% menos que o ano anterior).

grafico-importaciones-vino-español China-2000-2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información