TasteLab, conectando produtos e consumidores

Unha spin-off xurdida da Universidade de Santiago, referente en Galicia na testaxe sensorial de alimentos e bebidas. Deseña un software para recabar valoracións dos consumidores

Publicidade
TasteLab, conectando produtos e consumidores

Equipo de traballo de TasteLab.

Que un produto alimentario sexa bo e de calidade non é garantía de éxito. “Non hai un produto ideal; o que existe é o consumidor ideal para ese produto”, explica Maruxa García, fundadora de TasteLab, unha empresa de consultoría sensorial de alimentos. En TasteLab ocúpanse de buscar o xeito de conectar os produtos cos consumidores axeitados. Fan cata de alimentos, tanto con consumidores coma con catadores adestrados, e abordan outros aspectos dos produtos, coma o packaging ou a mensaxe a comunicar.

TasteLab vén de nacer como unha spin off da Universidade de Santiago (USC), aínda que o equipo de traballo da empresa acumula xa dúas décadas de experiencia no campo da analise sensorial, traballando tanto en proxectos con empresas como en investigación pública.

Maruxa García, a promotora da iniciativa, rematou a súa formación na USC, na que fixo unha tese sobre a influencia dos sistemas de cultivo do kiwi nas características sensoriais e físico químicas da froita. De seguido traballou nun centro de investigación agroalimentaria do País Vasco, que foi o último paso antes da creación de TasteLab, un proxecto que xa está tendo moi boa acollida entre a industria agroalimentaria galega.

A singularidade de TasteLab, segundo explica Maruxa, radica na abordaxe integral das necesidades das empresas en todas as fases do ciclo de vida dos produtos. “Os nosos proxectos céntranse en buscar as mellores solucións en cada caso. Non vendemos servizos, senón solucións”, explica Maruxa. “Podemos traballar cun produto desde o concepto inicial ata a súa saída ó mercado ou coller un produto xa á venda pero que, por exemplo, non acaba de entrar no mercado, non se sabe moi ben por que, e analizar cal é o consumidor ideal (target) dese produto, a que segmento da poboación se pode destinas, a quen lle gusta ou quen podería mercalo”.

“O produto galego é bo en xeral, pero hai que traballar para que o consumidor o prefira fronte a outros”

A testaxe das innovacións alimentarias que se van sacar ó mercado é unha práctica habitual na industria agroalimentaria, aínda que non sempre co rigor axeitado, valora Maruxa. Os servizos de TasteLab, que ofrecen un traballo sistematizado, diríxense sobre todo á industria agroalimentaria de Galicia. “O produto galego en xeral é bo, pero hai que traballar para darlle valor engadido e para lograr que os consumidores o prefiran fronte a outros”, sinala Maruxa. A promotora de TasteLab incide na necesidade de coidar en especial o deseño e testaxe do produto en caso de exportacións ó exterior ou de alimentos que queiran introducirse no mercado español.

Software a medida para catas

Outro polo do traballo de TasteLab aséntase na implementación dun software, de momento en fase experimental, que permita facer testaxe sensorial de alimentos e bebidas en situacións reais de consumo, ben na casa, en restaurantes ou no supermercado. O desenvolvemento do software permitirá comercializar aplicacións a medida en función das necesidades do cliente.

O programa, moi ben acollido polas empresas do sector, parte da estandarización dos atributos sensoriais a analizar en cada produto, que serán os que valore o consumidor. Unha vez recibidos os datos das valoracións, o software analiza estatisticamente as respostas e ofrece unhas conclusións. “Son datos que mesmo se poden obter a tempo real. Imaxinemos unha presentación dun viño na que se fai unha cata. A adega podería saber o que están opinando en tempo real os asistentes”, apunta Maruxa.

Para a posta en marcha do software, TasteLab xa conta cun partner tecnolóxico, Imaxin Software, e agora está na fase de busca de inversores a través do Igape.

O proxecto TasteLab, que está asociado a membros do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía (USC) e ó departamento de Estatística e Investigación Operativa (USC), xa obtivo varios recoñecementos, como o Premio á Idea Innovadora Woman Emprende ou o Premio á Idea de Negocio Juana de Vega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información