Rexistro policial no Centro Tecnolóxico da Carne

A Policía Nacional está recopilando documentación no organismo ourensán. A Consellería do Medio Rural declárase a plena disposición das forzas de seguridade

Publicidade
Rexistro policial no Centro Tecnolóxico da Carne

Fachada do Centro Tecnolóxico da Carne.

A Policía Nacional accedeu esta mañá ás instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne, en San Cibrao das Viñas (Ourense) para proceder a un rexistro das instalacións co obxectivo de recopilar documentación que puidera ser de interese para unha investigación en curso.

A actuación prodúcese a raíz dunha denuncia da Fiscalía de Ourense, segundo trascendeu pasado o mediodía en diversos medios de comunicación. Foron os axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da comisaría provincial os que encabezaron o rexistro. A plantilla de traballadores do Centro tivo que permanecer fóra das instalacións en tanto se efectuou a inspección policial.

A Fiscalía investiga presuntos delitos contra a facenda pública por prevaricación, falsedade documental e malversación de fondos. Os axentes incautáronse, entre outros documentos, a contabilidade dos últimos anos. A actuación da Fiscalía iniciouse a raíz dunha denuncia. Agora, tras o rexistro no Centro Tecnolóxico, deberase determinar se hai elementos para continuar co proceso.

A Fundación Centro Tecnolóxico da Carne está dirixida por un Padroado liderado pola Consellería do Medio Rural. Desde a Consellería din descoñecer os motivos do rexistro, pero decláranse a plena disposición do que requiran as forzas de seguridade e sinalan a súa vontade de colaboración total. Segundo a Consellería, non houbo detencións nin se esperan.

O padroado do Centro Tecnolóxico da Carne aprobou hai cousa dun mes o balance do 2016, no que destacaban os 35 proxectos de I+D desenvoltos durante o último exercicio. As súas contas anuais para este ano rondaban os 3,5 millóns de euros.


Información actualizada a 22-7-2017.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información