Retómanse a vindeira semana os mercados de gando de Amio, Silleda e Castro Riberas de Lea

A Xunta autoriza a reapertura das feiras de gando, que poden volver celebrarse a partir deste sábado con restricións e cumprindo cunha serie de medidas de prevención de contaxios

Labores de reunión do gando esta mañá en Silleda (Foto: Bernabé)

Labores de reunión do gando en Silleda (Foto: Bernabé)

A vindeira semana volverán celebrarse os mercados de gando de Amio, Silleda e Castro Riberas de Lea despois de que a Xunta de Galicia autorizara a reapertura das feiras de gando, que poden volver celebrarse a partir deste sábado cunha serie de medidas de prevención de contaxios nos recintos que acollen ao gando coa finalidade de evitar concentracións excesivas de persoas. Entre outras restricións, a asistencia limítase tan só a gandeiros e profesionais e será obrigatorio o uso de máscara tanto dentro como fóra das instalacións.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución que levanta a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego, ao tempo que establece os requisitos e protocolos de seguridade que deberán cumprir durante o estado de alarma, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que correspondan aos concellos.

As feiras de Amio, Silleda e Castro Riberas de Lea confirmaron xa a Campo Galego que retomarán a súa actividade a vindeira semana nos horarios habituais do martes nos pavillóns da Semana Verde e o mércores no mercado gandeiro de Santiago de Compostela e no recinto municipal do Concello de Castro de Rei.

O Concello de Santiago, titular das instalacións de Amio, celebrou este venres unha Xunta de Goberno para acordar a reapertura da feira seguindo as normas establecidas pola Administración autonómica. En Silleda, ademais das condicións fixadas pola Xunta, adoptaranse outras medidas, como por exemplo a medición de temperatura na entrada e o establecemento de sentido único de circulación dentro das naves evitando así que as persoas se crucen.

En Silleda medirán a temperatura á entrada, haberá que preinscribir os animais e as poxas serán telemáticas

A maiores, para acudir a Silleda durante o tempo que dure o estado de alarma será necesario preinscribir os animais para ir con eles ao mercado. Esta anotación previa estará aberta até o venres anterior á celebración da feira ás 12 da mañá, aínda que de cara ao mercado deste martes 26 e dado o pouco tempo dispoñible, ampliarase o prazo.

Ademais, a Central Agropecuaria de Galicia habilitou un sistema telemático de subasta que permite que as transaccións poidan realizarse sen presenza de público, que abranque a realización das ofertas de compra así como a súa aceptación ou rexeitamento por parte da persoa vendedora. A difusión de resultados tamén se fará de xeito telemático. Prevese que este sistema se manteña máis alá da actual situación de emerxencia sanitaria motivada pola Covid-19.

Dous meses que cambiaron hábitos no sector

Os mercados de gando deixaron de celebrarse en Galicia a mediados do mes de marzo cando se decretaron as primeiras restricións tanto por parte da Xunta de Galicia como por parte do Goberno central. Neste tempo, foron os tratantes os que deron saída ao gando das explotacións concentrando aos animais nas súas propias instalacións, as chamadas explotacións de trato, moitas delas ubicadas no entorno dos recintos feirais, como pasa en Silleda e en Castro.

Por iso, logo de dous meses sen feiras, non será doado que os mercados gandeiros de referencia en Galicia recuperen os niveis previos, xa que os operadores adoptaron neste tempo diversas canles alternativas de compra-venda á marxe das feiras e crearon hábitos distintos de traballo, como a recollida de animais cada 15 días nas explotacións.

A maioría dos tratantes recolle agora os animais nas explotacións cada 15 días

Isto fixo, por exemplo, que os xatos mamóns saíran neste tempo máis grandes das gandeirías de leite, competindo en características cos que veñen de Francia e recuperándose desta maneira o envío de becerros desde Galicia aos cebadeiros de Cataluña que reduciran nos últimos anos a compra na nosa comunidade pola elevada mortandade dos xatos procedentes de Galicia, que chegaban aos mercados con poucos días de vida.

Pero a mellora no peso e condición física dos becerros non se reflectiu nestes meses no prezo dos animais, que caeron de media en case un 80% até o punto de saír sen prezo en ocasións das gandeirías. O descenso nas cotizacións foi xeralizada afectando a todo o mercado da carne, en maior medida nas vacas de desvelle debido á súa pouca saída, así como no gando selecto. Os organizadores das feiras de gando esperan que a súa reapertura poida axudar a recuperar un pouco as cotizacións porque “por si sós os mercados regulan e estabilizan os prezos”, afirman.

Requisitos de aforo e desinfección para os recintos

Feira gando Silleda2 5-5-20As entidades organizadoras que desexen celebrar mercados gandeiros durante o estado de alarma poden comunicalo desde este sábado aos servizos provinciais correspondentes, sinalando as datas de celebración co obxecto de poder organizar a prestación dos correspondentes servizos veterinarios.

A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, dependente da Consellaría do Medio Rural, poderá suspender a celebración das feiras se considera que non se garanten as medidas sanitarias axeitadas.

Entre outras condicións específicas que deberán cumprir os recintos feirais están medidas de carácter hixiénico para evitar os contaxios entre persoas, así como a modificación de distintos aspectos do funcionamento habitual dos mercados para reducir o aforo e as aglomeracións de persoas.

Para facer efectivas as transaccións comerciais habilitarase unha zona con mesas dotadas de mamparas ou outros elementos que aseguren o distanciamento entre os operadores

Sempre que sexa posible, para facer efectivas as transaccións comerciais habilitarase unha zona con mesas dotadas de mamparas ou outros elementos que aseguren o distanciamento entre os operadores. Tamén se instalarán na zona de atención aos usuarios da oficina veterinaria, para realizar a entrega e recollida de documentación do xeito máis aséptico posible.

De existir posibilidade estrutural nas dependencias, habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para os usuarios, de xeito que non exista cruzamento de persoas. Se no mercado houbera edificio administrativo, a entidade organizadora regulará o seu aforo e nas zonas de maior confluencia mesmo definirá sentidos de circulación, diferenciando ambos sentidos mediante elementos ben visibles.

Durante a celebración do mercado as portas do recinto permanecerán abertas para favorecer a ventilación e evitar o contacto reiterado das persoas cos pomos

Na medida do posible, e sempre que non afecte ao benestar dos animais, durante a celebración do mercado as portas do recinto permanecerán abertas, para favorecer a ventilación e evitar o contacto reiterado das persoas con manetas ou pomos.

Unha vez finalizado, a entidade organizadora procederá a limpar todas as instalacións, con especial atención ás superficies de contacto frecuente, como os pomos das portas, mobiliario, pasamáns, chans ou billas, así como os amarres, gaiolas e restantes instalacións para albergar o gando. Para a desinfección, utilizaranse dilucións de lixivia ou calquera outro composto virucida autorizado e rexistrado polo Ministerio de Sanidade. Tras a limpeza, eliminaranse de xeito seguro tanto os materiais e equipos de protección individual utilizados como os residuos xerados.

Acceso restrinxido a operadores, transportistas e gandeiros

A Consellería do Medio Rural establece as instrucións pertinentes despois de que o Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria en Galicia acordase o levantamento da suspensión de celebración deste tipo de feiras, tendo en conta a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional en aplicación da fase 1 do Plan de desescalada, que levou á reapertura en Galicia dos establecementos comerciais minoristas ou dos mercados ao aire libre.

Así, nos mercados gandeiros que se celebren durante o estado de alarma só poderán participar as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte. Para acreditarse, os operadores comerciais presentarán o correspondente carné, os transportistas a autorización administrativa pertinente, e os gandeiros o documento de cualificación sanitaria da súa explotación, o libro de explotación ou calquera outro documento que identifique a súa actividade. A estes efectos, a entidade organizadora da feira deberá realizar un control na entrada principal do recinto, no horario que se estableza, non permitíndose o acceso ás instalacións con posterioridade a ese horario.

Haberá controis de acceso e só se permitirá a entrada ao recinto de operadores, transportistas e gandeiros acreditados

Para evitar a confluencia de persoas, a resolución fixa que as operacións de carga e descarga de gando deberanse realizar de xeito gradual e que a entrada ás dependencias veterinarias levarase a cabo de forma individual. A inspección veterinaria do gando realizarase nas condicións que establezan os Servizos Veterinarios Oficiais, a ser posible sen a presenza de usuarios.

Será obrigatorio levar máscara e evitarase o contacto entre persoas nas tarefas de carga e inspección sanitaria do gando

A maiores, todos os usuarios do recinto deberán portar máscara e manter unha distancia interpersoal de aproximadamente dous metros. Nas zonas de acceso e naquelas con maior presenza de persoas, a entidade organizadora colocará ademais dispensadores de solución hidroalcólica a disposición dos participantes no mercado, así como xabón e toallas desbotables nos aseos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información