A rescisión dos convenios dos montes veciñais, á espera do futuro contrato de xestión

A Xunta cancela de mutuo acordo coas comunidades arredor de 150 convenios, que representan máis de 16.000 hectáreas, pero o groso dos montes conveniados esperan con incertidume propostas para resolver a súa xestión

A rescisión dos convenios dos montes veciñais, á espera do futuro contrato de xestión

Piñeiral nun monte veciñal. / Arquivo.

Os montes veciñais xestionados por medio dun convenio coa Xunta, que hai uns anos sumaban unhas 315.000 hectáreas -a metade do monte veciñal-, móvense na actualidade no entorno das 250.000 hectáreas, logo das últimas cancelacións feitas pola Administración. Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a conclusión dos acordos cuns 150 montes veciñais, que representaban máis de 16.000 hectáreas baixo xestión pública.

A progresiva saída da Xunta dos montes veciñais, polo de agora nun proceso de mutuo acordo coas comunidades, está previsto que continúe ó longo dos próximos anos, se ben a Administración ten previsto manter a xestión pública en montes descapitalizados ou naqueles con alto valor xenético ou que desenvolvan unha función máis ambiental que produtiva, como as masas de frondosas caducifolias.

A Xunta está disposta a manter a xestión pública en montes descapitalizados ou con alto valor ambiental ou xenético

Para estes montes, Medio Rural ten previsto ofrecerlle ás comunidades un contrato de xestión pública do monte, aínda por definir. Dado que tódolos convenios caducan, a máis tardar, o 31 de decembro do 2021, a definición do novo contrato de xestión pública é unha cuestión que no sector se percibe como urxente.

A Xunta tiña previsto no seu día aprobar o modelo de contrato antes do fin da lexislatura, pero xa non será posible. Outro tema que quedará pendente é o do Plan Forestal de Galicia, un macrodocumento de intencións para o que tampouco se chegou a acadar un consenso suficiente.

En canto ó contrato de xestión pública, as previsións actuais apuntan á creación dun grupo de traballo no seo do Consello Forestal para definilo. Desde o sector, a Asociación Forestal de Galicia apunta que unha das súas propostas centrarase en definir un modelo de contrato universal, que sexa válido tanto para a xestión pública como para posibles acordos privados das comunidades de montes con emprendedores ou con outras entidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información