Que requisitos han de cumprir os chamados viños de pago?

Con menos dunha vintena deles rexistrados en España, os viños de pago son unha alternativa na produción vitivinícola que opta pola diferenciación. Coñecemos os requirimentos para obter esta denominación, asociada á calidade

Publicidade
Que requisitos han de cumprir os chamados viños de pago?

Mentres en España contabilízanse case 70 Denominacións de Orixe na produción de viño, apenas se contan unha vintena de viños de pago, unha diferenciación que estivo ligada á calidade, pero que implica tamén outros requirimentos.

O experto Luís Leza Campos, enxeñeiro agrónomo e diplomado en Viticultura e Enoloxía, detalla algúns dos aspectos que diferencian aos viños de pago e que, do mesmo xeito que outras diferenciacións, poden ser unha oportunidade para a comercialización dos viños galegos.

“As figuras de calidade diferenciada eríxense como un elemento clave nas políticas de desenvolvemento e sustentabilidade dos tecidos rurais”

Os viños de pago inclúense dentro das diferenciacións acollidas a unha Denominación de Orixe Protexida, do mesmo xeito que outras distincións como poden ser Viño de Calidade, Denominación de Orixe Cualificada ou Denominación de Orixe. “As figuras de calidade diferenciada eríxense como un elemento crave nas políticas de desenvolvemento e sustentabilidade dos tecidos rurais”, apunta Leza, que participou a finais do pasado ano nunhas xornadas na Ribeira Sacra sobre as oportunidades que ofrecen os viños de pago.

Leza incide en que a comercialización de produtos que deben a súa especificidade ao medio xeográfico no que se producen, como é o caso dos viños de pago, pode resultar moi beneficiosa para o mundo rural, especialmente para as zonas menos favorecidas e máis apartadas, ao poder contribuír á mellora da renda dos agricultores e ao asentamento da poboación rural, favorecendo a sustentabilidade social e ambiental nesas zonas.

Así mesmo, tanto os viños de pago como outras diferenciacións vinculadas á orixe da produción como as Denominacións de Orixe son unha ferramenta de utilidade nas exportacións e permiten unha maior diversificación da produción.

Requirimentos para os viños de pago

A normativa española que regula os viños de pago é a disposición adicional 3ª de lei 6/2015. Nela recóllense os requisitos que deben cumprir os viños que queiran comercializarse baixo esta denominación. A vinculación xeográfica é un dos seus principais requisitos, xa que estes viños deben contar con características edáficas e de microclima propias que o diferencien e que permita distinguilos doutros da súa contorna.

A uva deberá proceder dos viñedos situados no pago e o viño tamén ten que elaborarse, almacenarse e, no seu caso, criarse de forma separada doutros viños. Ademais, a elaboración do viño debe realizarse en adegas situadas no mesmo pago. Só se a Administración competente o autoriza, poderá elaborarse en adegas situadas nas proximidades do pago, pero dentro do municipio que se sitúe.

Os viños de pago asócianse xeralmente a viños de parcela en parte tamén porque hai unha limitación para os viñedos que se atopen baixo esa denominación. De feito, a extensión máxima dos viñedos dun viño de pago debe ser inferior á do termo municipal en que se sitúe.

Foron viños asociados á calidade desde un principio e a normativa tamén recolle que deben implantar un sistema de calidade integral que ha de ser, como mínimo, cos criterios básicos que se manexan para as Denominacións de Orixe.

A normativa europea estipula que os viños de pago deben cumprir os requisitos que se lle esixen aos viños catalogados baixo unha denominación de orixe protexida. Así, é preciso que teñan un nome relacionado coa rexión xeográfica na que se producen. Esta é tamén una das especificacións que establece a normativa estatal, posto que o nome do pago debe ser coñecido e vinculado de forma tradicional ao cultivo deses viñedos que permiten obter un viño con trazos e calidades singulares. Debe existir un vínculo entre o viño e a orixe, que ademais estea presente de forma notable no nome.

As esixencias europeas para os viños de pago estipulan que as uvas procedan da zona e que a elaboración do viño se faga no pago así como que se empreguen variedades de vide procedentes da especie Vitis vinífera.

Os viños de pago en España

En España, os viños de pago localízanse en 4 comunidades autónomas e Galicia, a pesar da súa traxectoria vitivinícola, aínda non conta con ningún viño nesta categoría. Castela – A Mancha, Navarra, Valencia e Aragón son as únicas que contabilizan viños con esta distinción.

Castela A Mancha, con 12 viños de pago é a comunidade con maior número de viños desta categoría

Ademais, boa parte dos viños de pago españois aprobáronse antes do 2011, cando esta tramitación era unha competencia nacional. Así, 14 dos viños de pago que hai actualmente en España aprobáronse desta forma. Castela A Mancha é a comunidade con maior número de viños de pago, un total de 12, dos cales 8 foron aprobados antes do 2011.

Figuran nomes como Calzadilla, Campo de la Guardia, Casa del Blanco, Dehesa del Carrizal, Dominio de Valdepusa, Finca Elez, Guijoso e Pago Florentino. A eles sumáronse entre 2012 e 2019 outros 4 viños tramitados xa ante a Comisión Europea e aprobados por ela: El Vicario, La Jaraba, Los Cerrillos e Villagarcía.

Navarra é a segunda comunidade con maior número de viños de pago. Nomes como Arínzano, Otazu e Prado de Irache atópanse dentro desta distinción. En Valencia, contabilízanse 3 viños de pago: El Terrerazo, Los Balagueses e Vera de Estenas. Mentres en Aragón só o viño Aylés se inclúe nesta categoría. Todos eles foron tramitados antes do 2011, excepto Vera de Estenas, tramitado ante a Comisión Europea.

Viños de Pago aprobados pola Comisión Europea ata marzo de 2020 en España.

Viños de Pago aprobados pola Comisión Europea ata marzo de 2020 en España.

Que freou aos Viños de Pago?

Segundo explica Leza, hai distintos factores que motivaron que o número de Viños de pago non sexa máis elevado en España, a pesar da produción vitivinícola estatal. Un dos principais motivos son as reticencias da Comisión Europea fronte a esta figura, o que “provoca un significativo atraso na súa aprobación”, apunta o experto.

Tamén hai que lembrar que os viños de pago son iniciativas de particulares, que consideran que cumpren cos requisitos establecidos, a diferenza doutras distincións como as Denominacións de Orixe, que son colectivas. Aínda que, os viños de pago poden xurdir tamén ao amparo da Denominación de Orixe. “Hai casos que se aprobaron en zonas con Denominación de Orixe das que os solicitantes quixeron desmarcarse e diferenciarse”, explica o enxeñeiro agrónomo. Noutras ocasións, os viños de pago tramitáronse en zonas non adscritas a unha Denominación de Orixe, como é o caso do viño de pago Dominio de Valdepusa, Finca Elez ou Villagarcía, entre outros.

O feito de que a Asociación Grandes Pagos de España integre adegas que carecen do recoñecemento legal crea confusión sobre esta figura

Ademais, existe certa confusión sobre a propia figura dos viños de pago. Neste sentido, tamén hai diferentes elementos que ao longo dos anos motivaron reticencias fronte a estes viños. Un destes factores é a existencia da Asociación Grandes Pagos de España, que integra a adegas que, na súa maioría, carecen do recoñecemento legal de viños de pago.

Tamén existen no mercado viños con marcas rexistradas antes do ano 2003 que levan o nome de “pago de” sen contar co recoñecemento legal desta categoría. “A protección do termo viño de pago a partir da súa regulación en 2003 non permitiu un rexistro posterior deste tipo de marcas”, detalla Leza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información