Pros e contras do robot de muxido e requisitos antes de instalalo

A presión comercial está levando a que o robot de muxido estea cada vez máis presente nas ganderías. Pero, ¿cales son as súas vantaxes e inconvenientes? ¿Que se debe facer antes de instalalo? Queserías Entrepinares organizou o pasado xoves en Vilalba unha xornada no que dous especialistas responderon a esta pregunta

Pros e contras do robot de muxido e requisitos antes de instalalo

Robot de muxido

A dificultade para atopar man de obra xunto coa importante presión comercial está levando a que cada vez máis ganderías, especialmente en Galicia, Asturias e Cantabria, instalen robots de muxido. Non obstante, o que moitas veces se presenta como a garantía de comodidade para o agricultor tamén presenta os seus inconvenientes e require ter en conta unha serie de consideracións antes de compralo.

Neste sentido, a empresa Queserías Entrepinares organizou o pasado xoves en Vilalba (Lugo) unha xornada técnica para os seus gandeiros na cal dous expertos na área, Xabier Bermúdez Salgueiro, veterinario de FarmVet, e Arnau Álvarez, asesor de rabaños leiteiros, explicaron os pros e contras do robot de muxido.

Xabier Bermúdez comezou realizando un repaso por este dispositivo, que se ideou en Holanda nos anos 90 como unha ferramenta para gandarías con pouca dispoñibilidade de man de obra, e que no ano 2001 chegou a España e no 2004 a Galicia. Nesta comunidade xa existen algo máis de 300 robots e o seu número non para de aumentar, do mesmo xeito que na Cornixa Cantábrica, onde se axusta a un tipo de gandaría familiar, de tamaño medio e con pouca dispoñibilidade de man de obra. “A expectativa de gañar comodidade e calidade de vida, xunto á enorme presión comercial xogan tamén un papel moi importante que explican o aumento das vendas destes aparellos”, recoñece Xabier Bermúdez.

Que hai que ter en conta antes de comprar un robot de muxido?

Segundo o veterinario de Farm-Vet antes de pensar en comprar un robot de muxido o gandeiro debería facerse as seguintes preguntas:

-¿Imos partir de instalacións novas? Nese caso deberían adecuarse ao robot de muxido.

-Se partimos dunhas instalacións antigas, é necesario prever como vai ser o tráfico das vacas cara ao robot, se van ter confort suficiente e se se vai xerar unha boa hixiene entre muxidos, xa que cada aparello mungue unhas 60 vacas.

-Tamén é necesario ter en conta se prevemos medrar, xa que o robot pode ser un factor limitante para o crecemento das gandarías. De feito, as grandes granxas de vacún de leite non contan con robot, ao serlles máis rendible neste momento contratar man de obra.

-O gandeiro tamén se debe preguntar cal é o obxectivo que persegue coa compra do robot: maior calidade de vida, maior produción de leite por vaca, máis calidade de leite, máis datos sobre os nosos animais e se esta información vai ser realmente utilizada….

Requisitos morfolóxicos e de bioseguridade no rabaño antes de instalar o robot de muxido

O robot require que as vacas teñan unha boa morfoloxía de ubre e de patas para poder realizar correctamente o muxido. Isto pódenos obrigar a realizar un importante descarte no noso rabaño, o que debe ser tido en conta. En concreto:

-As vacas deben ter unha boa inserción de ubre e colocación dos tetos. Así, tetos moi xuntos ou moi separados adoitan provocar problemas ao brazo do robot para determinar a súa posición e levar a que queden sen munguir.

-Vacas con malos aplomos, como patas demasiado xuntas tamén van causar problemas de muxido ao robot.

-Muxibilidade: “A miña experiencia é que o robot non soporta ben vacas duras de muxir nin ás que se administrou oxitocina en sala”, asegura Xabier Bermúdez.

Un dos gandeiros presentes na xornada de Entrepinares, e que conta con robot de muxido, explicou que para evitar descartar vacas produtivas por estes motivos segue munguindo en sala as vacas con mala morfoloxía de ubre, evitando así o seu descarte.

Por outra banda, e dado que cada robot moxe de media unhas 60 vacas, pode ser un foco de propagación de enfermidades do ubre. Para evitalo sería recomendable realizar un descarte dos seguintes animais:

-Vacas infectadas e diagnosticadas con microorganismos potencialmente contaxiosos, como Streptococcus Agalactiae, Streptococcus Aureus, Protothecas e Mycoplasma, que deben ser determinados mediante unha proba PCR en tanque.

 “Co robot de muxido aumentan os descartes e as esixencias de bioseguridade”

-É necesario extremar a bioseguridade na granxa, sobre todo na entrada de animais. É aconsellable que caso de comprar animais se verifique que están libres destes patóxenos contaxiosos, esixindo unha proba PCR a nivel de ubre.

-É necesario tamén preguntarse se se descartan as vacas crónicas, pois mentres nunha sala de muxido pódense deixar para o final, nun robot non, co que pode ser unha foto de propagación destes patóxenos do ubre.

-No caso de dous ou máis gandeiros que se unen para construír unhas novas instalacións en común, xuntar os rabaños e instalar un ou varios robots de muxido é necesario que todos os socios traballan antes, en orixe, cun técnico de calidade do leite para que non se propaguen enfermidades do ubre ao unir os rabaños.

Manexo das vacas con robot de muxido:

O manexo das vacas despois de instalar o robot de ordeño cambia substancialmente para o gandeiro, sobre todo durante os primeiros meses, no que os animais se teñen que adaptar e é preciso calibrar o aparello.

Neste sentido é necesario ter en conta que:

-O gandeiro vai deixar de ver as vacas 2 ou 3 veces ao día, como se fai na sala de muxido, onde máis problemas se detectan. É certo que o robot proporciona multitude de información que é analizada polo gandeiro na pantalla do computador. Pero isto non substitúe o contacto visual, polo que o gandeiro debería seguir pasando tempo observando as súas vacas.

-Co robot as vacas gañan en benestar, con menor sobremuxido, pero tamén é certo que aumenta o risco de infeccións do ubre. Porén, é preciso destacar que ao realizar 3 ou máis muxidos por vaca ao día, o robot provoca un efecto lavado dos xermes que colonizan as glándulas mamarias.

-Ás veces co robot prodúcese unha sobreestimulación dos tetos, co que a vaca non é munguida correctamente. Neste sentido, é necesario lembrar que só o 20% do leite atópase na cisterna do ubre, mentres que o 80% restante é leite alveolar, que precisa dunha estimulación correcta para ser muxido.

-É imprescindible configurar os parámetros de muxido do robot, adaptándoos a cada gandaría en particular. En concreto, é necesario adecuar a cada granxa tanto o baleiro, como a frecuencia e a relación de pulsación.

A este respecto, pódese avaliar se un robot está muxindo ben ou non mediante unha avaliación da condición dos esfínteres dos tetos.

Un dos gandeiros presentes na xornada, e que conta con robot, compartía a necesidade de realizar un axuste frecuente do aparello: “Hai que calibrar a máquina todas as semanas, pois unha vaca pódelle dar unha patada e desequilibrar o brazo, e non revisalo só cando vén o técnico a facer a revisión”, destaca.

-É certo que o robot dispón de varias ferramentas para avaliar a saúde do ubre, como a condutividade, o RCS por extrapolación ou o RCS por cálculo de células. Sen embargo, os datos que facilita o Control Leiteiro seguen sendo máis precisos que os do robot, existindo unha diferenza de entre un 5 e un 25% entre un e outro. “O Control Leiteiro con robot segue sendo necesario porque é máis fiable. E se o gandeiro fai ou quere realizar secado selectivo, aínda é máis aconsellable seguir en Control Leiteiro”, subliña Xabier Bermúdez.

Aspectos económicos a ter en conta á hora de comprar un robot de muxido

Pola súa banda, Arnau Álvarez, asesor de gandarías leiteiras, explicou na xornada organizada por Queserías Entrepinares as vantaxes e os inconvenientes do robot de muxido desde o punto de vista económico.

É necesario matizar que Arnau procede dunha comunidade, Cataluña, onde practicamente non hai robots de muxido de momento debido a que o tamaño medio das gandarías é maior e resúltalles máis rendible realizar o muxido en sala.

Como punto de partida, este asesor recomendou que o gandeiro reflexione sobre as seguintes preguntas:

-Cal é o custo do persoal na súa gandaría?

-Cuantos traballadores monguen e que tempo lle dedican?

-Canto pode aforrar un robot de muxido?

-Que vantaxes supón ter menos traballadores?

Inconvenientes do robot de muxido:

-A vida útil é de entre 7 e 15 anos.

-O valor económico residual se queremos vendelo usado é de entre un 10 e un 30% do seu custo.

-Maior necesidade de cash flow na gandaría para poder pagar o investimento e/ou a débeda. O prezo dun robot novo rolda os 150.000 euros, aínda que existen variacións segundo a marca.

-Maior custo de financiamento: intereses.

-Payback ou tempo de amortización de entre 6 e 15 anos, maior que nunha sala de muxido, que adoita ser de 1 a 5 anos.

-Os gastos de mantemento e de reparación adoitan situarse entre 5.000 e 10.000 euros ao ano por robot.

-O penso que se debe utilizar no robot, de tipo pelletizado, é máis caro.

 “É máis complicado medrar con robot de muxido pero mellórase en calidade de vida e en produción”

-Seguros asociados á maquinaria e ás instalacións.

-Medrar con robot de muxido é máis difícil porque sería necesario aumentar o número de robots e tamén as instalacións.

Vantaxes:

-Mellora da calidade de vida dos gandeiros.

-Incremento variable da produción de leite.

-Aforro de persoal e maior eficiencia do que temos contratado.

-Imaxe social de gandaría equipada con alta tecnoloxía. É necesario preguntarse se é tamén o que queren os consumidores e se se pode tirar proveito desa imaxe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información