Prevén unha crise no sector lácteo, cun prezo medio de 28 céntimos para os próximos meses

Así o avanzou este luns Torsten Hemme, fundador e director do centro de investigación internacional IFCN, durante a Alltech ONE Virtual Experience que se celebra ao longo desta semana

IFCN ALLTECH 2020 1A crise mundial provocada polo coronavirus #Covid 19 provocará este ano unha crise de prezos no sector lácteo, que será tan longa como o sector tarde en reaccionar, fundamentalmente pola vía de controlar ou reducir a produción. Esta é unha das conclusións presentadas este luns por Torsten Hemme, fundador e director do centro de investigación internacional sobre mercados lácteos IFCN, durante a Alltech ONE Virtual Experience que se celebra ao longo desta semana.

O desplome do PIB mundial -estimado nun 3%, o dobre que na crise do 2009-, a caída do prezo do petróleo e do prezo dos alimentos forman o cóctel perfecto para un descenso da demanda mundial de lácteos e tamén dos prezos.

“Os mercados de futuros dos produtos lácteos prevén para os próximos meses unha caída do prezo do leite -estandarizado ao 4% de graxa e ao 3,3% de proteína- nos principais mercados, chegando a un prezo medio de 0,278 euros o quilo na Unión Europea, 0,271 en Estados Unidos e 0,307 euros o quilo de leite en Nova Zelandia”, avanza Hemme.

Canto durará esta crise de prezos? Depende da reacción do sector, fundamentalmente da regulación da produción para incidir na demanda.

“Neste momento o mercado prevé unha reacción en forma de V: o sector reacciona rápido pola vía de reducir a oferta para responder o descenso da demanda, de forma que para finais de 2020 os prezos empezarían a recuperarse”, asegura.

“Pero tamén existe a posibilidade -advirte- de que a recuperación sexa en forma de U: no caso de que se manteña a produción, medrando a un ritmo forte en 2020, o impacto da crise de prezos será maior e máis duradeiro”.

As previsións do IFCN decántanse máis por este este segundo escenario: “É moi probable que se produza unha montaña rusa nos prezos do leite durante os próximos 3 anos. Iso significa un escenario en forma de U, con prezos baixos durante máis meses, para pasar a unha recuperación en 2021 e prezos máis altos en 2022”.

A caida de prezos do leite, segundo afirma Torsten Hemme, afectará a todos os países: “Os prezos do leite a nivel rexional veranse impactados pola evolución dos prezos a nivel internacional, cun retardo que pode oscilar entre os 1 e 4 meses”. “De momento, na maioría dos países aínda non estamos nunha crise de prezos do leite, pero todos os indicadores sinalan que nos diriximos cara ela”, subliña.

Estratexias para afrontar a crise de prezos do leite

Que poden facer os gobernos para paliar esta crise que se aveciña no sector? Segundo o responsable do IFCN as alternativas son ou ben non intervir e deixar que o mercado decida libremente, ata que se equilibre oferta e demanda, ou intervir. Neste segundo caso, lembra que as medidas son coñecidas doutras crises de prezos no sector lácteo:

-Almacenar stocks de leite en po, queixo, manteiga….a través de axudas á intervención, para retirar oferta do mercado.

-Reducir a produción de leite a través de distintos esquemas: Prezo A e Prezo B; cotas; axudas ao sacrificio de animais; medidas adoptadas polos produtores (redución da cantidade de penso; aumento do pastoreo e da herba verde na ración; destinar leite aos tenreiros; secar antes; ir a un só muxido…etc).

-Estimular a demanda de lácteos: programas de axuda alimentaria para colectivos vulnerables; axudas á exportación; axudas ao sector da repostaría ou á industria de lactoremplazantes para que empregan máis leite ou manteiga; programas de compra pública de lácteos para os colexios; residencias…etc.

-Programas de axudas aos produtores: Axudas directas; préstamos en condicións vantaxosas; carencias das cotas de préstamos; subsidios aos seguros; asesoramento técnico independente….etc.

“A recomendación do IFCN para gandeiros e industrias láctas é ser capaces de xestionar o camiño cara á crise, que se estenderá como mínimo até o terceiro trimestre e talvez a finais de ano empecemos a saír dela. A clave sempre é a planificación para preparse para afrontar a crise e tamén para saír dela con máis forza para medrar”, destaca.

Comportamentos do mercado lácteo durante a crise do Covid 19:

Torsten Hemme tamén describiu unha serie de 7 comportamentos do mercado de produtos lácteos que están a repercutir de forma negativa ou positiva na evolución dos prezos do leite:

1 Compras de produtos lácteos motivadas polo pánico ao desabastecemento e almacenamento de stocks no fogar: Rexístrase sobre todo durante as primeiras semanas e estimula a demanda e os prezos do leite.

2 Peche ou caída da demanda de hostalaría e restauración. Ten un impacto moi significativo en Estados Unidos, tirando á baixa do prezo dos produtos lácteos. Compénsase só en parte polo incremento das vendas na distribución (supermercados, hipermercados, tendas…etc).

3 Acumulación de stock de produtos lácteos por parte da industria alimentaria (fábricas de chocolate, de produtos de alimentación infantil, repostaría …etc). Estimula positivamente os prezos do leite.

4 Problemas coas cadeas de transporte e subministracións: ten un impacto desigual nos prezos do leite, aínda que se sobreestimou nun principio. “No caso de Estados Unidos o que máis me preocupa é o peche dos matadoiros, xa que iso significa que moitas vacas van seguir en muxido, co incremento da produción que iso supón”, advirte Hemme.

5 Recesión da economía, aumento do paro, caída dos prezos do petróleo, menores ingresos nos fogares…etc. “A recesión da economía é o principal factor que inflúe na caída da demanda de produtos lácteos e esa recesión aínda non chegou”, advirte. O IFCN estima, por exemplo, que no caso de Rusia a recesión económica provocada polo coronavirus provocará unha caída na demanda de lácteos -fundamentalmente queixo e manteiga- do 10% neste 2020.

6 Políticas de intervención pública: axudas ao almacenamento de produtos lácteos, fomento do consumo, axudas aos gandeiros para que reduzan a produción….. Estimula o mantemento dos prezos do leite.

7 Descenso da produción debido aos baixos prezos do leite. É a principal medida que axuda a unha recuperación do prezo, xa que reduce a oferta e estimula a demanda. “Cando se reduzen as entregas debidos aos baixos prezos é cando de verdade racha o ciclo baixista dos prezos do leite” destaca Torsten Hemme.

As crises de prezos do leite son periódicas cada 10 anos

IFCN ALLTECH 2020 2

Torsten Hemme lembrou que “as crises de prezos do leite nun mercado sen cotas son periódicas, de forma que temos entre 2 e 3 cada dez anos”. Como exemplo puxo a evolución do prezo internacional do leite entre 2006 e abril de 2020 en Estados Unidos:

-De 2000 a 2006: prezo medio de 25 dólares por cada 100 quilogramos.

-Do 2006 ao 2015: prezo medio de case 40 dólares.

-Do 2017 ao 2020: un prezo medio de 35 dólares.

“Neste período tivemos 4 crise de prezos do leite, dúas delas con recuperación en forma de U e outras dúas en forma de V, moito máis rápida”, asegurou o responsable do IFCN.

Onde está a produción e a demanda de leite no planeta?

IFCN ALLTECH 2020 3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información