‘Prende! Bota raíces’, plan para crear emprego xuvenil no rural de Lugo

O programa, impulsado pola Deputación de Lugo, está destinado a menores de 30 anos. Céntrase en ofrecer formación e experiencia laboral en sectores como agricultura, gandería, xestión forestal, enerxías renovables e turismo

‘Prende! Bota raíces’, plan para crear emprego xuvenil no rural de Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o deputado de Promoción Económica, Pablo Rivera, na presentación do plan.

A Deputación de Lugo está a impulsar o programa Prende! Bota raíces para crear emprego xuvenil e fixar poboación no rural lucense. O plan está dirixido a menores de 30 anos e oriéntase a algúns dos sectores con maior presenza ou proxección de crecemento na provincia.

O plan consta de dúas fases: unha de formación teórica e outra de experiencia laboral en empresas da zona. Na primeira parte, 60 participantes recibirán formación en catro actividades cun importante peso no tecido produtivo da provincia e que contan con potencial de crecemento. As sesións formativas realizaranse nas zonas onde estes sectores teñan maior presenza.

A formación durará 4 semanas e as prácticas en empresas 8 meses

Deste xeito, agricultura e gandería impartiranse na zona centro, pola importante concentración de explotacións agrícolas e gandeiras. Xestión forestal desenvolverase na montaña, mentres que a formación relacionada coas enerxías renovables levarase a cabo na Mariña, polas oportunidades que ofrece este sector nesa comarca. As sesións centradas na hostalaría e turismo terán lugar na Ribeira Sacra, ante o crecemento que está a vivir o sector nesa zona.

O plan tamén contempla unha acción formativa específica en autoemprego. A formación terá unha duración de 4 semanas, período durante o que os participantes percibirán unha remuneración cercana ós 14 euros por día.

Experiencia laboral

Na segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas con estes sectores para que contraten durante 8 meses ós participantes do plan e adquiran experiencia profesional. As empresas recibirán unha axuda de 4.410 euros por cada persoa contratada, mentres que os traballadores percibirán, como mínimo, 900 euros ó mes. Os participantes na sección de emprendemento recibirán unha axuda de 5.510 euros para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. O plan conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que o 92% proceden de fondos europeos.

O plan está dirixido a menores de 30 anos desempregados, que non estean a estudar. Deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 habitantes que presenten un saldo demográfico negativo na última década.

Poden beneficiarse o 82% dos municipios da provincia, en concreto, son os seguintes: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información