Prazos e trámites da axuda europea para reducir a produción láctea

Este xoves o Ministerio de Agricultura explicou aos representantes do sector gandeiro os detalles do último paquete de axudas ao sector lácteo aprobado pola Comisión Europea, e en concreto o de 150 millóns a nivel de toda a UE para redución voluntaria da produción

Prazos e trámites da axuda europea para reducir a produción láctea

Responsables do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (Magrama) mantiveron este xoves en Madrid unha reunión con representantes do sector gandeiro para explicar os detalles do paquete de axudas para o sector lácteo aprobado pola Comisión Europea a pasada semana.

En total, a Comisión Europea destinou un paquete de axudas de 500 millóns: 150 millóns para unha axuda europea para a redución voluntaria e temporal da produción e 350 millóns de euros para axudas aos produtores lácteos e para restaurar o equilibrio do mercado. Dese total a España correspóndenlle na repartición 14,6 millóns, unha cantidade que cada Estado membro pode dobrar con achegas de fondos propios. Con todo, segundo fontes participantes na reunión, os representantes do Ministerio xa advertiron de que “será moi difícil que o Goberno poida cofinanciar estas axudas debido á súa situación de interinidade e á imposibilidade de publicar decretos con axudas económicas”.

Como funcionará a axuda de 150 millóns para reducir a produción?

Respecto da axuda de 150 millóns de euros para reducir a produción de leite, os representantes do Magrama lembraron que se trata dunha medida voluntaria e de carácter europeo, sen apenas marxe de actuación para os Estado membros.

O seu obxectivo é que se deixen de producir 1,07 millóns de toneladas de leite do mercado para contribuír á recuperación dos prezos. Un obxectivo ambicioso se se ten en conta que a produción láctea da UE rolda os 150 millóns de toneladas anuais e que soamente de xaneiro a xuño deste ano incrementouse nun 4,5%.

O prezo de partida que se lle pagará ao gandeiro é de 0,14 euros por litro que deixe de producir. Se a oferta de toneladas a reducir supera os 1,07 millóns aplicarase un coeficiente corrector, o que faría baixar a axuda por litro.

Trátase dunha medida de abandono temporal que o gandeiro pode solicitar para só tres meses. Fíxase unha data de solicitude e hai compromiso de reducir a produción os tres meses seguintes comparados con eses mesmo período do ano anterior.

Prazos para solicitar a axuda

Os prazos estímanse os seguintes:

-Tras a publicación do Regulamento Europeo, que se espera para o 29 de agosto, o FEGA publicará un anuncio coas instrucións.

-O gandeiro solicitará a redución e achegará a proba escrita da cantidade de leite que estima reducir (facturas, certificados de entregas….). Poderanse entregar solicitudes ata o 19 de setembro ás 12:00 horas. Está por ver se a poden solicitar tamén Organizacións de Produtores e Cooperativas en nome de produtores individuais.

-Poderanse solicitar en 4 períodos, cada un cun compromiso de redución nos tres meses posteriores.
19 de setembro, 17 de outubro, 14 de novembro e 12 de decembro.

-O día 20 de setembro España comunicará á Comisión Europea as cantidades que os seus gandeiros pretenden reducir.

-A Comisión realizar os cálculos da oferta de toneladas de todos os gandeiros solicitantes e comunica se hai coeficiente de redución (en caso de excederse os 1.070.000 tn).

-Coa información recibida da Comisión Europea, o FEGA disporá de cinco días para notificar aos gandeiros as cantidades exactas a reducir.

-Unha vez concluído o período de redución, o gandeiro terá ata 45 días para presentar a documentación pago da axuda.

Para evitar que o pago asociado ao vacún de leite entre en contradición coa medida de redución da produción o Estado membro pode revisar o pago axustado ao sector lácteo para a campaña 2017. Isto é opcional para os Estados membros e España deberá posicionarse a respecto diso.

Por último, en relación á axuda de 350 millóns para achegar liquidez ás explotacións lácteas, da que a España correspóndenlle 14,6 millóns, o Goberno ten de prazo ata o 20 de novembro para comunicar a Bruxelas como a vai a executar. Está prevista unha nova reunión en setembro entre o Ministerio e as organizacións agrarias para definir a forma exacta en que España levarao a cabo.

Desde as organizacións agrarias Unións Agrarias-UPA, Sindicato Labrego Galego-COAG e Asaja xa manifestaron as súas críticas á medida de redución voluntaria aprobada pola Comisión europea. Demandan no seu lugar unha redución obrigatoria para os países máis excedentarios, como Holanda, Alemaña ou Irlanda, xa que pola contra pode fomentar o abandono da produción nas rexións lácteas máis débiles, caso de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información