Porco Celta de Couboeira, aposta pola cría en extensivo en Mondoñedo

Aos seus 35 anos e canso doutras actividades, Nando López está a montar unha explotación de gando porcino autóctono que alimenta de xeito natural con cereais, herba fresca e produtos de tempada como mazás ou castañas. Asegura que lle ve futuro e logrou implicar aos veciños

Nando xunto aos seus porcos na finca de 3 hectáreas onde os ten

Nando xunto aos seus porcos na finca de 3 hectáreas onde os ten

Os seus avós tiveran vacas e tiña aínda a maquinaria, pero as fincas estaban abandonadas. Pero lonxe de resignarse a velas así, o ano pasado Nando López decidiuse a montar unha explotación de porco celta na parroquia de Couboeira, no concello de Mondoñedo. O que naceu como unha afección é xa un proxecto sólido e Nando fai xa plans para poder vivir da gandería.

“Eu vía o porco celta na tele e sempre o asociaba á montaña de Lugo, á zona do Courel ou dos Ancares. Pero un ano en Silleda achegueime ao stand de Asoporcel e a partir daí botei dous anos coa idea rondándome na cabeza até que no 2018 me decidín a pechar e acondicionar unha finca de case tres hectáreas que tiña unha parte de prado e outra de monte, con piñeiro de Oregón, eucalipto e carballo”, explica Nando.

“O peche exterior compensa facelo ben porque dá tranquilidade. Eu metín aramio cinexético reforzado de dous metros de alto e pastor eléctrico por dentro e por fóra”

Mercou os materiais para pechar a parcela ao arredor e para facer un pequeno cobertizo de madeira onde garda o cereal e alimenta aos animais e puxo el todo o traballo, axudado por outros veciños, para abaratar. O gasto foi duns 6.500 euros, a meirande parte no peche perimetral, que lle valeu uns 5.000 euros. Foron 350 columnas de formigón a 9 euros cada unha, un palé de cemento e 1.000 euros só na malla, lembra.

Peche exterior da finca

Peche exterior da finca

“O peche exterior botei contas e compensa facelo ben. Eu decidín facer un bo peche por tranquilidade”, di. O cercado mide dous metros e está feito con aramio cinexético reforzado tensado mediante columnas de formigón. Ademais da malla, ten tamén peche eléctrico con fio de pastor por dentro, para que os porcos non se boten, e por fóra, para evitar que o lobo e o xabarín entren.

Agora vai poñer tamén cámaras de videovixiancia na finca para tela controlada desde o móbil. “O investimento é ridículo para a seguridade que dá poder ter a parcela vixiada desde o teléfono e é moi útil para os partos para non ter que estar aquí facendo garda”, di.

Tamén construíu un pequeno cobertizo onde foi máis austero cos materiais. Fíxoo de madeira e gastou uns 1.500 euros. Coa infraestrutura básica construída, tocoulle o turno aos inquilinos. Comezou metendo 19 animais de cebo. “Merqueinos con 2 meses, xa destetados”, conta. Vendeunos todos con facilidade e iso animouno a dar o salto a criar. “Ante a demanda que hai de cebo de leitón e tamén de porcos para vida voume meter a criar e cebar”, explica.

Ten a finca dividida en catro subparcelas para para evitar o sobrepastoreo e deixar descansar o terreo para que recupere a vexetación

Entre os 19 animais que mercou para cebar os técnicos da Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) seleccionaron 5 femias que vai deixar como nais. Nunha explotación reducida como a que Nando vai montar permítense 4 reprodutoras, máis unha de reposición e máis o macho, que fai as funcións de semental e que xa mercou. Chámase Breogán.

“Inicialmente a miña idea era facer só silvopastoreo cuns cantos animais para limpar a finca e ter carne para autoconsumo, pero agora encamiñeino cara unha explotación mixta para poder compaxinar a ceba e a cría”, indica.

Máis investimento

O cambio de idea obrigouno tamén a facer novos investimentos. Está construíndo unha sala para o macho e catro parideiras, máis unha dependencia para ter o cereal. Esta nova instraestrutura xa non é de madeira. “Empecei rústico e agora xa estou facendo obra para que sexa máis duradeira, pensando en vivir disto. Queda moito camiño por andar, pero si que me gustaría e calculo que en 5 anos podería vivir só disto. Tería que ter 8 nais e con iso podería sacar un soldo digno”, razoa.

“Calculo que en 5 anos poderei vivir só disto e o investimento é ridículo comparado cunha explotación de vacas de leite, por exemplo. E non é tan esclavo”

“O investimento é ridículo comparado cunha explotación de vacas de leite, por exemplo, e non é tan esclavo, porque os horarios aquí permiten ter tempo libre”, di. “Ter os porcos non me resta calidade de vida. Gústanme moito as motos e isto non me quita de ir ás concentracións por toda Galicia”, explica.

A maiores de nave de cría, Nando vai montar tamén tolvas de alimentación metálicas e bebedeiros. “Até agora dáballes de comer todos os días manualmente pero vou poñer tolvas para alimentación e tamén quero mellorar e facilitar a limpeza. Quero telo cómodo e hixiénico, sobre todo para os partos”, indica. En total, calcula que gastará outros 10.000 euros.

Rotación polas distintas parcelas

Traelles herba fresca cada dous días

Tráelles herba fresca cada dous días

Nando subdividiu a superficie de 3 hectáreas en 4 parcelas para evitar o sobrepastoreo. “No verán roto cada mes e medio, no inverno a vexetación aguanta un pouco máis e tardo uns tres meses en cambialos”, explica. “Non volven á mesma parcela en todo o ano e iso permite recuperar o pasto. Hai xente que os ten en terra ou en lama pero a min interésame ter sempre vexetación. Son 19 animais xuntos pero se a finca é grande non deterioran tanto o monte e eu en 3 hectáreas de superficie con este sistema podería ter 40 animais”, explica.

O monte no que Nando ten a explotación estaba sen rozar pero diso xa se encargaron os seus porcos. “O que é toxo e silva cómeno todo e despois moven a terra o que fai que saia herba”, conta. A maiores dun preparado de cereais específico para porco celta deseñado por Asoporcel a base de millo, cebada e trigo, supleméntalles con herba e cultivos de tempada que lles aporta na propia parcela.

Nando suplementa a alimentación a base de cereais cos excedentes da horta e produtos de tempada como mazás

“Na miña casa había explotación de vacas e teño maquinaria. A finca onde teño os porcos non me xera todo pero traio doutras parcelas. Así aproveito para limpar tamén as outras fincas. Doulles herba e vallico. Cada dous días vou buscar un tractor de herba recén cortada e dúrame para dous días. Se a herba ven fresca cómena, pero se pasa un par de días ao sol xa non a queren e úsana de cama. Tamén teño horta e doulles os excedentes: coles, repolo, nabos, verzas e na primavera e no verán tomates e leitugas que se pasan. Na época das mazás doulles tamén mazás, comen até 70 quilos diarios no tempo delas. Ao meterlles horta e herba tamén destrozan menos o monte onde están e a vexetación é capaz de rexenerarse”, argumenta.

Ceba con castaña os últimos 4 meses

Breogán será o semental da explotación. Mercouno este ano e é de da variedade carballiña.

Breogán será o semental da explotación. Mercouno este ano e é da variedade carballiña.

Merca tamén castaña de descarte para os catro meses finais de ceba. “Co millo non abusamos, gústalles moito pero dalles moita graxa. Eu tírollelo a granel polo monte, iso motívaos a buscar e fozar”, explica. “Estes porcos están todo o día movéndose pola finca, no cobertizo non están case nunca. Moita xente di que esta raza de porco ten moita graxa pero iso é porque non se poden criar nun cortello coma un porco branco. Hai xente que os cebaba na casa dentro dunha corte e non é un animal para iso”, asegura.

“A diferenza dos porcos brancos que se crían na casa, nos que o importante é a ceba, nestes o importante é o arranque tralo destete, que é un momento no que non se pode escatimar cereal, e a finalización os últimos catro meses antes do sacrificio, que é onde se logra a graxa infiltrada”, di.

“O importante é o arranque tralo destete, aí non se pode escatimar cereal, e os catro meses de finalización antes do sacrificio, que é onde se logra a graxa infiltrada”

A cría que fai este produtor é totalmente en extensivo. E destaca o benestar animal deste modo de gandería. “Están ceibos, entran e saen cando queren do refuxio no que comen e no que gardo o cereal”, explica. “Tamén teñen a auga á súa disposición. Teño tres mananciais propios, o que me permite terlles auga correndo todo o día, tanto de día como de noite, as 24 horas. Hai tomas repartidas pola finca e a auga sobrante xúntoa na parte baixa da parcela nunha poza para que se bañen”, conta.

Control sanitario

Ten un mastín do Pireneo sempre cos porcos ao que non lle deixa sair da finca para evitar que traia enfermidades

Cos porcos ten un mastín do Pireneo ao que non deixa saír da finca para evitar que traia enfermidades

Malia estar ceibos, Nando destaca que “o porco celta é un animal dócil”. Defende o contacto diario cos animais. “É algo que me interesa sobre todo nas femias para que sexan máis doadas de manexar e está claro que a maneira na que os tratas resulta despois á hora do manexo”, defende. A nivel sanitario, di, “esta raza de porco é moi difícil que enferme”. “Só os pincho para Aujeszky e desparasito dúas veces ao ano. Desparasitar é moi importante para garantir que coman e vacinar para Aujeszky é moi importante tamén por se che entra o xabarín”, explica.

“Eu teño un mastín do Pireneo sempre con eles na finca. Ao can non lle deixo saír nunca do cercado para evitar que poida traer algunha enfermidade. O mastín non os molesta e se entrara un lobo ao ser un can de montaña atacaríao”, di.

Na parcela conta cunha manga para facilitar os tratamentos e destaca que os crotais con microchip que se usan no porco celta “facilitan o control”. “Os cerca de 150 produtores de toda Galicia que estamos en Asoporcel estamos seguindo as mesmas pautas e iso fai que o produto final sexa tamén uniforme en calidade”, afirma.

Destaca o labor da Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta e pensa que o mérito é compartido. “Nós sen a Asociación non faríamos nada e a Asociación sen nós tampouco, así que o mérito é 50% de Asoporcel e 50% noso”, di. Logo de dúas décadas de actividade, unha das cousas que valora, ademais do asesoramento e axuda técnica, é a promoción que Asoporcel fai en feiras, restaurantes e puntos de venda porque “iso ábrenos camiño aos produtores e facilítanos mercado”. “É fundamental que a xente probe primeiro para logo nós poder vender”, razoa.

Contacto co consumidor final

Nando asegura que á hora de buscar saída a un produto de calidade como é a carne de porco celta é importante o contacto e o trato directo co cliente final. É algo ao que el está acostumado, pois ten unha empresa de venda e distribución de peixe.

Ten unha empresa de venda e distribución de peixe e aproveita esa loxística para servir a carne directamente ao cliente na súa casa

“A día de hoxe o consumidor quere saber a procedencia dese porco e a alimentación que tivo”, asegura. Por iso coida as redes sociais e na páxina de facebook de Porco Celta de Couboeira sobe periodicamente vídeos da alimentación que lles dá aos seus animais, fotos do seu crecemento e mesmo receitas e artigos sobre as características desta raza autóctona. “Hoxe as redes sociais son unha canle moi boa para chegar á clientela”, di.

Ese contacto co cliente final permítelle vender directamente ao consumidor. “Ao vender a particulares sácaslles máis, ao mellor un par de euros máis en quilo”, asegura. Nando aproveita a loxística da súa empresa de venda e distribución de peixe tamén para a comercialización do porco celta, por exemplo a furgoneta isotermo. “Os porcos van ao matadoiro, recollo a carne xa despedazada e entrégoa na casa”, explica.

“Teño vendidos catro animais para xente de cidade que me pide media canal. É máis lioso pero vouno facer porque facilita a venda, hoxe a xente nos pisos ten pouco sitio nos conxeladores”, argumenta. Para aproveitar mellor tamén os momentos de máis demanda, di que “o ideal sería programar os partos para vender dúas veces no ano”.

A implicación dos veciños

Os veciños aparécenlle con carretillas de verzas e con caixas de mazás para os porcos

Os veciños aparécenlle con carretillas de verzas e caixas de mazás para os porcos

Nando destaca que a cría de porco celta xera actividade local. Aserradeiros, albaneis, fontaneiros, ferreterías e empresas de material de contrución son precisas durante a posta en marcha das instalacións. Logo son as fábricas de penso, os matadoiros e as carnicerías as que se ven beneficiadas.

Couboeira ten 25 veciños e só 3 nenos. A iniciativa de Nando acabounos implicando a todos eles. “Os veciños tráenme comida para os porcos, aparécenme aquí con carretillas de verzas, con caixas de mazás…”, describe. “Tamén me facilitan fincas de balde se quixera aumentar, pero non me meto a iso de momento polo custo que ten pechalas”, conta. Dispón de outra finca familiar de 8 hectáreas na que hai frutais e na que vai plantar tamén castiñeiros de froita “para ir preparándoa para se isto vai ben dar o salto para esa outra finca”, avanza.

A ilusión que Nando lle pon á súa gandería en extensivo é contaxiosa. Un veciño seu, Eduardo Ibáñez, que está en Barcelona pero vén tres veces no ano a Couboeira, foille ver os porcos e está pensando seguir os seus pasos. “Marchou para Barcelona con 100 quilos de carne en neveiras no coche. Está cansado da cidade e está pensando en virse e dedicarse a isto. Ve relax e unha vía de negocio”, conta. Tamén el fai esa mesma lectura: “estou vendo que teño máis calidade de vida nisto que no peixe, no que tiña que madrugar moito e andaba sempre estresado”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información