Polémica polos contratos de Reny Picot

O Sindicato Labrego critica os contratos de 3 meses que a industria asturiana asinou con parte das granxas, pois entende que é posible que a eses contratos lles siga unha baixada de prezos, unha tendencia que en principio se descarta no sector

Polémica polos contratos de Reny Picot

Factoría de Reny Picot en Navia.

A renovación de contratos anuais que acometeron estes días a maioría das industrias lácteas estase saldando con algunhas situacións polémicas. O Sindicato Labrego emitiu unha nota de prensa para criticar os contratos de tres meses que Reny Picot está asinando cunha parte das granxas. A organización agraria teme que a eses contratos lles siga unha baixada posterior de prezos.

Para o Sindicato Labrego, unha posible baixada de prezos sería “intolerable” na actual situación, na que as industrias lácteas “non dan abasto”.

“Determinadas empresas viron incrementada a demanda de leite , aumentando a frecuencia do transporte e dobrando quendas, ou buscando novas granxas para garantir a produción. Así o constatamos no Sindicato Labrego a través da testemuña de varios transportistas que recollen e carrexan leite das granxas para industrias do sector lácteo, aos que se lles ampliou tamén o horario de traballo en quendas inhumanas, con casos nos que só están a durmir tres horas pola noite. As industrias están aproveitándose así do baleiro que xerou o estado de alarma no sector do transporte”, cuestiona a organización agraria.

O contrato trimestral de Reny Picot analízase con cautela no sector, pois tódalas granxas tiveron a opción de asinar contratos anuais, segundo fontes de sector, pero parte das granxas optaron por contratos trimestrais á espera dunha renegociación á alza dos prezos. En calquera caso, dada a situación de demanda de leite por parte das industrias, no sector non se espera unha baixada de prezos para os próximos contratos de Reny Picot, que se porán en marcha a comezos do verán para as granxas que asinaron os contratos trimestrais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información