Montes xestionados pola Xunta logran a certificación FSC, incorporando o secuestro e almacenamento de carbono

Publicidade
Montes xestionados pola Xunta logran a certificación FSC, incorporando o secuestro e almacenamento de carbono

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou esta mañá a comunidade de montes veciñais en man común de Saldanxe, no concello lucense da Pastoriza

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou esta mañá a comunidade de montes veciñais en man común de Saldanxe, no concello lucense da Pastoriza, despois de que acadase o selo de xestión forestal sostible polo sistema de certificación forestal FSC. Trátase do primeiro monte xestionado pola Consellería en obter este certificado, conxuntamente con outros dous montes da provincia da Coruña.

Despois de que no pasado mes de decembro se fixese unha auditoría do sistema de xestión forestal dos montes en convenio ou consorcio coa Xunta, o 14 de xaneiro obtívose finalmente o certificado FSC, incluíndose os tres primeiros montes, o número e a superficie forestal total que será ampliada progresivamente nos vindeiros meses. Esa certificación FSC complementouse cunha auditoría para obter o certificado ecosistémico de secuestro e almacenamento de carbono dos bosques certificados.

Así, o conselleiro puxo en valor que “Galicia, unha vez máis, vai por diante, neste caso nun sector coma o forestal no que a nosa comunidade xa é líder a nivel nacional”. Destacou, así mesmo, que esta adecuada xestión ambiental ten tamén unha repercusión positiva nos eidos social e económico e lembrou que estas políticas “van na liña das recomendacións da Comisión forestal do Parlamento galego”. Na mesma liña, José González salientou que a Xunta avoga por un monte “ordenado e certificado” e por iso “en todas as ordes de axudas forestais que estamos a publicar estamos promovendo que a madeira estea certificada”, subliñou.

O FSC elaborou no ano 2019 unha serie de ferramentas para promover os pagos por servizos do ecosistema. Trátase dunha nova medida para os titulares de certificados FSC que ten a finalidade de demostrar ante terceiros que se están a preservar estes beneficios naturais.

A certificación forestal serve como medida de concienciación medioambiental, posto que informa ao consumidor de que produtos proveñen de montes xestionados de forma sostible, como a madeira, a carne, a castaña ou os cogomelos. “Polo tanto, trátase dunha ferramenta de mercado que favorece a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que beneficia a súa demanda”, destacou o titular de Medio Rural.

O conselleiro lembrou que Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con preto do 60% do volume de cortas en España. Así, no 2018 solicitáronse case 10 millóns de metros cúbicos de cortas de madeira para o aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada.

A certificación forestal PEFC acada as 77.000 hectáreas en Galicia

O titular de Medio Rural salientou tamén que a superficie dos montes xestionados pola Xunta baixo o outro selo de certificación forestal (PEFC) medrou un 35%. Deste xeito, dixo, pasouse de case 58.000 hectáreas no ano 2018 a preto de 77.000 hectáreas na actualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información