Os gandeiros paran o intento de Dia de sacar 33 camións do seu centro loxístico

O bloqueo da instalación proseguirá alomenos ata mañá, segundo acordaron os gandeiros. Tras a reunión de Madrid, deixarase que saian sen carga os camioneiros autónomos, uns 14

Os gandeiros paran o intento de Dia de sacar 33 camións do seu centro loxístico

Asemblea dos gandeiros para acordar que mañá á tarde permitirán a saída sen carga dos transportistas autónomos.

O bloqueo de Dia viviu esta tarde intres de tensión, cando a cadea francesa fixo un amago de sacar os 33 camións que ten estacionados no seu centro loxístico, paralizado polos gandeiros. Ante esa situación, os produtores cortaron cos tractores as estradas de acceso á instalación, ó que impediu tamén temporalmente a entrada e saída de carga do Mercagalicia.

A policia iniciou entón negociacións a tres bandas cos gandeiros e con Dia, que pretendía sacar os camións con protección policial. Os produtores negáronse en banda a permitir a saída de ningún camión e a última hora da tarde chegouse a un acordo. Non sairá ningún camión ata mañá, pero unha vez que conclúa a reunión do sector lácteo en Madrid, que comezará no Ministerio de Agricultura pasadas as dez da mañá, si poderán saír os transportistas autónomos, uns 14, sempre que non leven carga.

Voceira de Dia intervindo ante a prensa.

Voceira de Dia intervindo ante a prensa.

Os gandeiros concentrados ante o centro loxístico de Dia quixeron recoñecer a solidariedade dos camioneiros cun aplauso, xa que os transportistas transmitíronlles que non querían saír do centro.

Unha vez coñecido o resultado da reunión de Madrid, os gandeiros decidirán tamén se manteñen o bloqueo do centro ou non. Para mañá, os produtores do bloqueo teñen previsto tamén finalmente facer entrega de máis de 2.000 litros de leite ‘incautado’ do Dia ó Banco de Alimentos. Esta mañá non puideran facelo pola negativa policial, pero agardan non volver a ter problemas en tal sentido.

Reparto de leite en Compostela.

Reparto de leite en Compostela.

Intervención de Dia
Ante a situación de bloqueo que vive o seu centro loxístico, unha responsable de Dia compareceu ante os medios para criticar a acción dos gandeiros, que considera que lles está causando serias perdas. Dia, por boca da súa voceira, transmitiu que está disposta a asinar calquera acordo legal que contribúa a mellorar a situación dos produtores.

Reparto de leite
Paralelamente ás protestas ante as cadeas de distribución, os gandeiros continuaron hoxe coas accións para sensibilizar á cidadanía sobre a crise do leite. Se onte distribuían máis de 1.200 botellas de leite fronte ó Carrefour, hoxe fíxose un reparto similar na Alameda de Compostela, onde despois os produtores fixeron unha asemblea.

Reparto de leite na Alameda de Compostela.

Reparto de leite na Alameda de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información