“Os estudos europeos din que a poboación de xabaríns pode duplicarse para 2025”

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, xustifica no Parlamento a declaración de emerxencia cinexética en 33 concellos, en tanto a oposición acusa ó Goberno de ausencia de xestión da especie

Publicidade
“Os estudos europeos din que a poboación de xabaríns pode duplicarse para 2025”

Danos do xabarín no millo. / Arquivo.

Tódolos grupos políticos do Parlamento coinciden na necesidade dun control da poboación de xabaríns, pero hai discrepancias sobre como afrontar ese control. Para Medio Ambiente, a solución pasa pola medida adoptada este outono, a declaración de emerxencia cinexética en 33 concellos das comarcas de Betanzos – Eume (A Coruña), Terra Cha (Lugo), Viana (Ourense) e Deza (Lugo). A medida permite a caza diaria durante a tempada cinexética en todos eses concellos, así coma novas modalidades de caza.

Desde os grupos da oposición cuestiónase a eficacia da medida, que apela ó voluntarismo das sociedades de caza. “En Galicia hai Tecores que a esta altura de campaña xa levan cazados máis dun cento de xabaríns e outros que están a cero” -valora Xosé Luis Rivas ‘Mini’, do Bloque-. “A declaración de emerxencia cinexética é unha medida que adoptan ademais sen ningunha base, pois nin teñen plan de xestión do xabarín nin censo da especie”, cuestiona.

Por parte do grupo socialista incidiuse en que “o problema non está en que o xabarín se poida cazar”. “Están esixíndolle ós cazadores unha gran responsabilidade e están poñendo en perigo a outras persoas que fan actividades ó aire libre nos concellos nos que declararon a emerxencia cinexética” -critica o deputado socialista José Manuel Pérez Seco-. “Queren solucionar un problema, pero sen pagar e sen gastar un euro”, concluíu.

Caza voluntaria
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, recoñeceu no Parlamento que “a caza é voluntaria, polo que pedimos a colaboración dos Tecores”, pero nega que non exista xestión no seu departamento. “Percibimos un aumento de avisos de danos no teléfono 012, en especial nestas comarcas, e hai un proxecto europeo de investigación que advirte claramente de que as poboacións de xabarín poden duplicarse para o ano 2025. Era preciso, por tanto, adoptar medidas”, concluíu.

Desde a oposición cuestionouse a validez do teléfono 012, pois en anos pasados non había axudas e eran poucos os produtores que chamaban para comunicar danos. Tamén se criticou que este ano a orde de axudas non cubra producións de horta como as que hai nas Mariñas coruñesas, con empresas hortícolas que están a sufrir serias perdas polo porco bravo.

Para o 2020, Medio Ambiente anunciou unha nova orde axudas para cubrir danos por importe de 2,2 millóns de euros, unha liña que desde a oposición se ve como “electoralista”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información