“Os danos do xabarín van a máis e os cazadores non dan feito”

Un cento de gandeiros de toda Galicia concéntrase ante o Parlamento na xornada en que se debate a iniciativa popular impulsada por Unións Agrarias para modificar a Lei de Caza

Publicidade
“Os danos do xabarín van a máis e os cazadores non dan feito”

Concentración de gandeiros hoxe ante o Parlamento.

“No último ano, o xabarín deixounos unhas tres hectáreas e media de pradeira afectadas, fresadas mellor dito. Millo xa o deixamos de botar hai anos porque traballar para o porco bravo non compensa. As granxas veciñas están igual ca nós, temos tamén accidentes co animal e de todo. Chegamos a unha situación en que son eles ou somos nós, non hai outra”. Quen describe este escenario é Arsenio Presas, gandeiro de vacún de leite e carne en Dozón (Pontevedra), nunha comarca, a do Deza, afectada nos últimos anos por unha escalada de danos da fauna salvaxe.

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Esta tarde Arsenio participou nunha concentración ante o Parlamento de Galicia xunto cun cento de gandeiros chegados de toda Galicia. A convocatoria, a cargo de Unións Agrarias, buscou chamar a atención mediática sobre os danos da fauna salvaxe no agro. Mentres, no Parlamento debatíase a iniciativa popular presentada pola organización agraria para cambiar a Lei de Caza de Galicia, cuxa votación se espera para mañá mércores en principio.

“Temos 12 millóns de perdas no agro cada ano polo porco bravo, 53 accidentes de tráfico á semana e o xabarín meténdose nas cidades” (Roberto García)

Unións entende que a expansión da especie obriga a un control da súa poboación máis alá do que poden acometer os cazadores na súa práctica cotiá. “Temos 12 millóns de euros perdidos cada ano no agro, 53 accidentes de tráfico semanais e xabaríns meténdose nas cidades. Hai que regular o número de exemplares para convivir con eles”, conclúe o secretario xeral de Unións, Roberto García, que no seu día propuxo medidas como a profesionalización de cuadrillas de cazadores ou a contratación de empresas de control para atallar a expansión da especie.

Os gandeiros concentrados ante o Parlamento coincidiron na necesidade dun maior control. “En Dozón temos sociedade de caza pero non dá abasto” -confirma Arsenio-. “Hai demasiados animais e os cazadores non dan feito. A solución é matar máis animais, outra solución non a vexo. A Xunta ten que tomar cartas no asunto”.

“Os danos van a máis. Este ano perdemos tranquilamento unha hectárea e media de millo” (Agustín López, Castro de Rei)

“Que haxa animais no monte está ben, pero tanto xabarín desfainos a colleita toda. Hai unha falta de control porque vemos que os danos a cada paso van a máis” -conta outro produtor, Agustín López, chegado de Castro de Rei (Lugo), onde xestiona unha granxa de leite-. “Este ano perdemos tranquilamente unha hectárea e media de millo, que son moitos cartos”, lamenta.

“Hai pragas que hai que controlar, xa non digo acabar con elas”

José Ángel Regueiro xestiona unha gandería en extensivo de 25 vacas cachenas no concello de Lugo, onde sofre danos continuos nos pastizais. “A situación é que o gando queda sen herba porque onde vai o xabarín non medra nada. Iso obríganos a repoñer os pastizais de forma continua, o que ten un custo moi alto. Só cada hectárea de laboreo son 400 euros, sen contar a semente”.

O escenario é parecido en toda a súa contorna. “Hai moita xente que desiste de botar pradería ou millo polo xabarín, sobre todo xente que se está xubilando. Os do millo teñen o problema engadido de que o millo é máis custoso. Afecta tamén a hortas e xa temos ó porco bravo chegando ós parques da cidade. É un problema que cada vez vai a máis. Pensa que cada femia de xabarín pode traer dúas camadas ó ano e menos de seis xabatos por camada non terá. Están ben alimentados, monte sobra e os cazadores non dan feito”, conclúe.

A maiores do xabarín, José Ángel lembra tamén os problemas que están tendo cos lobos en Lugo, pois hai varias ganderías de leite e carne con importantes perdas nos últimos anos. “Estase metendo na porta das casas e acaba coas crías do gando”, advirte. Tamén os corvos están dando problemas nos sembrados e nos silos, unha situación que o gandeiro considera que obriga a actuar. “Hai pragas que hai que controlar, xa non digo acabar con elas”, remata.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información