O sector lácteo retoma accións en demanda de melloras de prezo

A OPL realizou hoxe un reparto gratuito de 1.000 litros na Alameda de Santiago. Prevé a adopción de medidas contra industrias francesas como Lactalis, a principal operadora en Galicia

Pasados dous meses das tractoradas, o prezo do leite segue igual para a maior parte dos gandeiros, sen perspectivas inmediatas de recuperación. As principais industrias que operan en Galicia, caso da francesa Lactalis, ou de Rio, están trasladando novos contratos no entorno dos 27 céntimos, sen a penas cambios, un escenario que preocupa entre as explotacións. A Organización de Productores de Leche (OPL) realizou hoxe un primeiro acto de protesta simbólico en Santiago para retomar as mobilizacións e anuncia conversas co resto de colectivos do agro para organizar novas accións.

Reparto gratuito de leite hoxe en Santiago, na Alameda.

A nova xeira de mobilizacións que se está a xestar orientarase a buscar a complicidade da cidadanía. O coordinador da OPL, Anxo Escariz, apunta directamente a dúas industrias lácteas francesas, Lactalis e Danone, contra as que prevé mobilizacións próximas e mesmo unha campaña de sensibilización entre os consumidores. “A xente ten que saber quen son estas industrias e que tipo de prácticas están levando a cabo neste país”, sinalou Escariz en declaracións ós medios durante o acto celebrado hoxe en Santiago.

Igual que xa fixera o sector durante as tractoradas de setembro, a OPL organizou un novo reparto gratuito de leite esta mañá na Alameda de Santiago. Desde as 12 horas, un tanque de 1.000 litros foi destilando botellas para toda a xente que ía pasando polo parque. O acto, que se enmarca dentro dunha xornada de protesta a nivel europeo organizada pola European Milk Board (EMB), completouse coa queima simbólica de tres pacas de palla. Chegou a baixar un camión motobomba dos bombeiros uns 15 minutos despois de iniciada a queima, aínda que non semellaba preciso tanto despliegue.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información