Nova liña de axudas da Xunta de 3 millóns para as explotacións lácteas máis endebedadas

Trátase dunha axuda de mínimis cun máximo de 15.000 euros por explotación. Vai dirixida a aquelas ganderías en dificultades económicas, pero que no seu momento apostaron por mellorar e modernizar as súas granxas. Nos próximos días publicarase no DOG

Nova liña de axudas da Xunta de 3 millóns para as explotacións lácteas máis endebedadas

Consello da Xunta de hoxe

O Consello da Xunta avaliou este xoves unha nova orde de axudas que a Consellería do Medio Rural ofrecerá a titulares de explotacións leiteiras que estean en dificultades financeiras derivadas da súa actividade. O orzamento desta nova liña é de 3 millóns de euros, que se materializará como axuda de mínimis, polo que o importe máximo que perciba cada beneficiario estará limitado a 15.000 euros.

Esta axuda poderá subvencionar os seguintes conceptos: as cotas de amortización de capital vencidas e impagas dun préstamo concibido para mellorar a explotación; os intereses impagos devindicados por un préstamo concedido para mellorar a explotación; a amortización dun préstamo refinanciado concedido para mellorar a explotación; e gastos impagos de xestión da explotación con máis de tres meses desde o seu vencemento, como alimentación, sementes, abonos ou fitosanitarios.
O importe máximo por beneficiario é de 15.000 euros. Ao ser unha axuda en concorrencia non competitiva non se aplican criterios de valoración, pero terán preferencia cotas vencidas ou embargos por impago de préstamos.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, que está prevista para os próximos días. Con esta nova liña de axudas, a Xunta de Galicia pretende dotar de liquidez aqueles titulares de explotacións que se atopan en dificultades económicas, pero que no seu momento apostaron por mellorar e modernizar as súas granxas. Para iso, moitos tiveron que solicitar algún tipo de crédito que os introduciu nun estado de endebedamento.

84 explotacións lácteas solicitaron ata agora axudas da Consellería de Economía para facilitar o acceso ao financiamento bancario

Estas axudas súmanse ademais ao programa posto en marcha en conxunto polas Consellería de Economía, Emprego e Industria e de Medio Rural para reforzar o acceso ao financiamento das explotacións leiteiras. Estes apoios teñen un orzamento de 1,9 millóns de euros en fondos públicos para xerar 10 millóns en investimentos. Con estes apoios búscase facilitar ás explotacións leiteiras galegas o acceso a financiamento bancario, rebaixando os xuros daqueles préstamos concedidos para o refinanciamento de pasivos, e diminuíndo tamén estes custos financeiros nos créditos para o acceso a circulante.

Ata o de agora, tras algo máis de seis meses en activo deste programa, alcanzáronse máis de 300.000 euros investidos para apoiar o funcionamento de 84 explotacións leiteiras, e a mobilización de 4 millóns de euros. Cómpre lembrar que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 31 de outubro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información