Medio Rural proxecta un plan piloto para recuperar terras agrarias abandonadas

A iniciativa centrarase en superficies resultantes de concentracións parcelarias e que nalgúns casos vense afectadas por incendios forestais. A Consellería baralla emprazamentos na provincia de Ourense

Medio Rural proxecta un plan piloto para recuperar terras agrarias abandonadas

O gran incendio de Cualedro (Ourense) arrasou centos de hectáreas agrarias abandonadas no 2015.

Galicia leva décadas perdendo terras agrarias. Parte da superficie que viñan utilizando as explotacións que cesan na actividade queda no abandono, sobre todo nas comarcas nas que continúan poucos agricultores e gandeiros en activo, como sucede en boa parte da provincia de Ourense. A Consellería do Medio Rural proxecta un plan piloto co que emprender a recuperación de terras para a produción agraria.

A iniciativa centrarase en poñer en produción superficies agrarias abandonadas procedentes de concentracións parcelarias. O investimento público en concentracións parcelarias, orientadas a dimensionar as fincas agrarias, queda en moitas comarcas sepultado polo mato e mesmo por lumes. Foi o que sucedeu en Cualedro (Ourense) no 2015, onde un gran incendio arrasou centos de hectáreas agrarias abandonadas.

Medio Rural márcase o reto de recuperar as terras abandonadas de concentracións, para o que estuda posibles fórmulas que impliquen ós propietarios na recuperación. O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, destaca que as alternativas para poñer en valor esas terras abandonadas son moitas. Desde o cultivo de cereais, pastos ou forraxes ata a plantación de castiñeiros para froito ou oliveiras, especies autorizadas para terras agrarias.

A cuestión é aproveitar as terras, de xeito que xeren valor para os seus propietarios e para agricultores e gandeiros en activo. A Consellería baralla desenvolver unha iniciativa piloto na provincia de Ourense cun obxectivo de demostración, que sirva de exemplo para as comarcas nas que existe o problema do abandono.

O abandono de parcelas concentradas, prohibido por Lei

A Lei de Mobilidade de Terras de Galicia recolle expresamente a prohibición de que os terreos resultantes de concentración parcelaria queden abandonados. “Se se dese esa situación, existe un procedemento para a declaración de abandono das parcelas concentradas, concedéndolle un prazo ó propietario para poñela en produción ou para alugala, ben a través do Banco de Terras ou a un terceiro”, sinalou o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, durante unhas xornadas organizadas recentemente en Melide pola Asociación Agraria de Galicia (sucesora de Asaja Galicia).

“O propietario dunha parcela concentrada que se declare en estado de abandono ten dúas opcións, poñela en produción ou ofrecela en aluguer”

O proceso para a declaración do estado de abandono dunha parcela pode iniciarse ben por denuncia dun particular, ben por iniciativa da Administración. “Calquera parcela que constitúa un risco por posibles lumes forestais que se acheguen ás casas, por ser un refuxio de fauna problemática para o agro ou por criar enfermidades e pragas, como pode suceder ás veces nos viñedos, pode ser denunciada”, salienta Fernández Couto.

A Administración autonómica, polo de agora, é partidaria dunha actitude informativa, non directamente sancionadora, se ben para o caso de lumes forestais que se acheguen ás vivendas, si iniciou no 2016 a investigación post-incendio. O obxectivo é sancionar ós propietarios de parcelas abandonadas que incumpran a obriga de mantelas despexadas de mato no entorno dos núcleos de poboación.

Forestación ilegal
Outro problema que se rexistra coas parcelas agrarias abandonadas é a súa forestación ilegal con especies como o eucalipto ou o piñeiro, prohibidos expresamente desde o 2012 en terras agrarias pola Lei de Montes de Galicia. Fernández Couto asegura que a Administración está a denunciar de oficio as parcelas forestadas de xeito ilegal, acumulando xa 1.600 propietarios denunciados, segundo publicaba recentemente o Faro de Vigo.

O sector agrario considera insuficiente esa actuación, que achaca en boa parte dos casos a denuncias de terceiros, e destaca que en Galicia hai máis de 30.000 hectáreas agrarias forestadas de xeito ilegal. A dimensión do problema -valórase desde Unións Agrarias- non sería tal se a Administración tivese actuado con eficacia.

Preguntado sobre esta cuestión, Fernández Couto relativiza o tamaño do problema e valora que hai comarcas nas que existen terras catalogadas como forestais que poden semellar agrarias a simple vista. Insiste ademais en que a Xunta está a denunciar de oficio a forestación ilegal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información