Materias pendentes no rural

A conselleira do Medio Rural e as organizacións agrarias manteñen un encontro para debatir as liñas de traballo nos próximos anos. O Sindicato Labrego advirte da saída ó mercado en decembro de 20.000 toneladas de leite en po procedente da intervención pública

Publicidade
Materias pendentes no rural

Organizacións agrarias e conselleira antes da reunión.

Aproveitando o comezo da nova lexislatura, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión coas tres organizacións agrarias tradicionais, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaja Galicia para expoñerlles o seu plan de traballo e para escoitar as súas propostas. Foi unha xuntanza institucional, que non entrou a fondo en ningunha cuestión, pero da que se extrae unha idea dos que poden ser os grandes temas nos próximos catro anos.

Por parte da Consellería, trasladóuselle ás organizacións agrarias a importancia de impulsar estruturas de comercialización para os principais sectores do agro, como o lácteo ou o vacún de carne. A cuestión terra é outro dos pilares sobre os que se quere avanzar. A titular de Medio Rural comprometeu medios e persoal para que o Banco de Terras estea operativo nas zonas con maior demanda de superficie. Sobre esas zonas, quérense tamén impulsar mecanismos de ordenación e xestión do territorio, de cara a lograr un maior aproveitamento.

Por último, a conselleira trasladou tamén a súa idea de axilizar o funcionamento administrativo para resolver os expedientes no menor prazo posible. Nesa liña, para antes de fin de ano comprometeu a publicación das axudas concedidas para plans de mellora e incorporación ó agro. Medio Rural sostén tamén que reforzará a atención nas oficinas agrarias comarcais.

Propostas das organizacións agrarias

Desde as organizacións agrarias, as preocupacións xiraron tanto en torno a cuestións puntuais, que precisan dunha pronta resposta, como sobre problemas endémicos para os que se fai necesaria unha abordaxe lexislativa e de estratexia política.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, avogou por un recoñecemento do papel de servizo que xogan no agro as organizacións agrarias, “agora que se perdeu o papel de Extensión Agraria”, e planteou unha serie de propostas de traballo.

En primeiro lugar, García entende que hai que resolver todos os problemas que xurdiron no novo ciclo de axudas da PAC, tales como as incompatibilidades entre o cultivo do millo e o cobro do ‘greening’, os problemas cos pastos arbustivos ou os fallos do programa informático de tramitación das subvencións.

En segundo lugar, desde Unións incídese sobre a formación de prezos na cadea de valor agraria. “Estamos ante un conflicto político. A lexislación na práctica obriga á sinatura de contratos en sectores como o vitícola ou o lácteo, pero o que está sucedendo é que temos contratos de adhesión, pero non negociación. Faise precisa a creación dunha arbitraxe e unha maior transparencia sobre a formación de prezos”, valora Roberto García.

O sindicalista tamén tivo palabras para a calificada pola Xunta como “lexislatura do rural”. “Teremos un ollo posto nos presupostos para comprobar que as palabras se transforman en feitos. Se é a lexislatura do rural, haberá que resolver cuestións como as escolas de proximidade para os rapaces, a aposta polo transporte público comarcal, o mantemento de servizos de saúde ou o impulso a unha rede de centros de día no rural. En definitiva, que se faga máis fácil vivir no rural”, concluíu.

Por parte de Asaja Galicia, o seu responsable, Francisco Bello, trasladoulle á Xunta a súa oferta de colaboración e compartiu coa conselleira a idea de que hai que facer posible non só vivir no rural senón tamén “vivir do rural”.

Impacto no mercado lácteo do leite en po intervido

O Sindicato Labrego amosou a súa preocupación polo impacto que pode ter a saída ó mercado de leite en po intervido durante a crise láctea. A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, que vén de participar nunha reunión do Observatorio Lácteo Europeo, informou de que a Comisión Europea prevé a liberación no mercado en decembro de máis de 20.000 toneladas de leite en po procedente dos volumes retirados pola intervención pública.

Desde o Sindicato Labrego enténdese que o mercado non está en condicións de recibir ese continxente de excedentes, pois témese que remate cos primeiros síntomas de recuperación e que volva afundir os prezos do leite. O SLG avoga porque eses excedentes non cheguen ó mercado e suxire alternativas como o seu destino para alimentación animal.

Vilalba puxo o problema enriba da mesa na xuntanza mantida coa conselleira e pediu a súa implicación na cuestión. A medida anunciada pola Comisión Europea debaterase no próximo Consello de Ministros de Agricultura, así que o Sindicato Labrego pediulle á conselleira que lle traslade o problema ó Ministerio de Agricultura, co obxectivo de que a ministra, Isabel García Tejerina, se opoña a esa venda de leite en po.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información