Luces e sombras das novas medidas do Goberno para apoiar a gandeiros e agricultores

O Consello de Ministros aprobou hoxe un Real Decreto Lei para frear o descontento no campo e que será de aplicación desde este mércores. Recollemos a valoración dos representantes dos produtores

Publicidade
Luces e sombras das novas medidas do Goberno para apoiar a gandeiros e agricultores

Mobilización de agricultores e gandeiros en Aragón

O Consello de Ministros aprobou hoxe un Real Decreto Lei que contempla medidas urxentes para garantir o nivel de vida, mellorar a posición negociadora e lograr a xusta repartición dos custos xerais do sector primario ao longo da cadea alimentaria.

O executivo central tenta acougar así os ánimos no campo, onde os gandeiros e agricultores protagonizaron nas últimas semanas numerosas mobilizaciones que expresan un malestar de fondo provocado por múltiples causas: baixos prezos pola súa falta de forza negociadora fronte a industria e distribución, competencia global de produtos doutros países con menores custos de produción, incerteza sobre as axudas da PAC, campañas de desprestixio contra a actividade gandeira…etc.

As medidas aprobadas polo Goberno, cuxo contido detallado coñecerase mañá cando se publiquen no Boletín Oficial do Estado, céntranse en tres áreas: maior protección dos produtores fronte a industria e distribución; apoio aos mozos e mellora da situación dos traballadores asalariados.

1) Modificacións na Lei da Cadea Alimentaria

-Será obrigatorio que se cubran os custos de produción nos contratos: A nova norma introduce o custo de produción como elemento obrigatorio nas relacións contractuais, que se incluirá como un factor obrigatorio a ter en conta para establecer o prezo nos contratos agrarios.

É dicir, que se incorpora, como cláusula obrigatoria, incluír nos contratos a indicación expresa de que o prezo pactado -entre o produtor primario agrario, gandeiro, pesqueiro ou forestal ou unha agrupación dos mesmos e o seu primeiro comprador- cobre os custos de produción.

-Regulación das promocións de alimentos: Para evitar a banalización dos produtos, esíxese que o lanzamento e desenvolvemento de promocións, que se realicen no ámbito de aplicación da lei da cadea alimentaria, se baseen nun marco de acordo e liberdade de pactos, interese mutuo e flexibilidade para adaptarse ás circunstancias particulares dos distintos operadores.

Unhas actividades promocionais que non poderán inducir ao erro sobre o prezo ou imaxe dos produtos, nin prexudicar a percepción na cadea sobre a calidade ou o valor dos produtos.

-Prohibición da venda a perda ou destrución de valor na cadea: Outra das novidades é a prohibición de destruír valor ao longo da cadea. Para iso cada operador deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción.

-Publicidade das sancións graves e moi graves: No novo Real Decreto-Lei considéranse graves, infraccións que antes eran leves, como non formalizar por escrito os contratos alimentarios, non incluír o prezo ou realizar modificacións no prezo. Considéranse como infraccións graves a destrución de valor na cadea alimentaria, así como realizar actividades promocionais que induzan a erro sobre o prezo e imaxe dos produtos.

Adiantándose á esixencia da actual normativa europea na materia, prevese a publicidade das infraccións graves e moi graves que sexan firmes, en vía administrativa ou, en caso de interporse recurso contencioso-administrativo, en vía xudicial.

2) Melloras na tributación de novos agricultores

En materia de fiscalidade, a norma aprobada hoxe introduce modificacións na Lei do IRPF para mellorar a tributación neste imposto dos novos agricultores que reciben as axudas á primeira instalación nos programas de desenvolvemento rural das comunidades autónomas.

Con esta modificación garántese unha mellora do tratamento fiscal, xa que se permitirá imputar en catro anos os importes recibidos nas axudas á primeira incorporación, de forma que o impacto fiscal non se concentre no ano en que se reciben, o que incentiva a aposta polo relevo xeracional.

3) Protección dos traballadores eventuais:

Tamén se introducen medidas en materia de emprego para facer fronte ás especiais circunstancias do mercado laboral no ámbito agrario e fíxanse medidas de protección dos traballadores eventuais do campo.

Establécese unha medida de carácter social, que ten como destinatarios aos traballadores eventuais agrarios residentes en Andalucía e Estremadura, afectados o descenso de actividade, mediante a redución a 20 do número de xornadas cotizadas (peonadas) necesarias para acceder ao subsidio por desemprego, así como á renda agraria. Desta forma refórzase a protección social dun colectivo vulnerable de persoas traballadoras.

A norma recolle bonificacións para a conversión de contratos temporais de traballadores eventuais agrarios en contratos indefinidos ou en contratos fixos descontinuos, pertencentes ao Sistema Especial de Traballadores por Conta Allea Agrarios do Réxime Xeral da Seguridade Social. Facilitarase a bonificación da cota empresarial por continxencias comúns, distinguíndose a súa contía en función do encadramento do traballador e da modalidade de cotización, mensual ou por xornadas reais traballadas.

Para introducir medidas positivas para reducir a fenda de xénero, establécense contías incrementadas no caso da conversión de contratos de mulleres traballadoras.

Igualmente contémplase unha modificación da Lei Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social, incluíndo, dentro do seu ámbito de actuación os locais, vivendas, ou outros lugares habilitados para as persoas traballadoras, nos que residan, alóxense ou poidan permanecer os traballadores e fosen postos a disposición dos mesmos polo empresario, aínda cando non se atopen nas empresas, centros e lugares de traballo en que se execute a prestación laboral.

Valoración dos produtores:

Roberto García (Unións Agrarias): “Deberíase aplicar nos contratos do leite en marzo, para que contemplen os custos de produción”

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, asegura que no caso do sector lácteo “ao ser o decreto do Goberno de aplicación inmediata, en marzo veremos como se aplica nas negociacións de contratos entre gandeiros e industria”.

“É dicir, as ofertas de contratos lácteos a 0,295 euros o litro serían ilegais, pois ao ter que contemplar os custos de produción, polo menos deberían ofrecer os 0,325 euros litro que establece o índice RENGRATI do Ministerio de Agricultura, polo que en caso de incumprimento pola industria debería haber sancións”, asegura.

Aínda valorando positivamente o paquete de medidas aprobado por Consello de Ministros, e á espera de ver como se concreta o Real Decreto, o secretario xeral de Unións Agrarias tamén bota en falta “que para casos de desacordos, establézase por parte do Goberno un laudo arbitral inmediato, pois estamos a falar de produtos perecedoiros como o leite, e o gandeiro non pode esperar a que haxa unha sentenza firme”.

En canto ás axudas de incorporación, e ao tratarse en gran medida de axudas da Unión Europea, Roberto García defende que “deberían estar completamente exentas de tributación fiscal”.

Por último, o representante de Unións Agrarias tamén lle pon deberes á Xunta de Galicia: “Os custos de produción dependen en gran parte de competencias autonómicas, como medidas para reducir e compensar os danos da fauna salvaxe nos cultivos ou ofrecer base territorial aos ganderos e agricultores para que poidan reducir os custos de alimentación”. “A Xunta debería establecer mesas de negociación co sector para solucionar estes temas, e tamén é imprescindible que condicione as axudas ás industrias lácteas a que cumpran coa Lei da Cadea Alimentaria”, conclúe.

Isabel Vilalba (Sindicato Labrego Galego): “Somos bastante excépticos e veremos como se concreta e se aplica a lei”

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), móstrase excéptica sobre as medidas aprobadas en Consello de Ministros ata que vexa a súa aplicación. “Non nos soa moi ben cando se volve falar por parte do Goberno de voluntariedade na aplicación, pois xa contamos con códigos de boas prácticas asinados por industria e distribución, e que sen embargo non significaron melloras nos prezos que perciben os produtores”, afirma.

Neste sentido, pregúntase “se é coherente que o Goberno español firme ao mesmo tempo acordos comerciais como con Mercosur, que contribúen aos baixos prezos no campo”.

En canto á fiscalidade das axudas aos novos agricultores, a secretaria do Sindicato Labrego Galego considérao un cambio na boa dirección, pero defende que se debería acompañar “dunha posición máis firme do Goberno para que as axudas da PAC beneficien aos mozos que se incorporan e que carecen de dereitos históricos, e non aos latifundistas que perciben millóns de euros”.

Unión de Uniones: “As medidas quedan a medio camiño”

Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos cre positivo o Real Decreto-Lei do Goberno para modificar a Lei da Cadea Alimentaria no que aprecia avances, pero considera que é mellorable en aspectos importantes.

“Lamentamos que non se tivera feito moito antes”, explican desde a organización. “É inevitable lembrar as ocasións nas que o Ministerio respondeu estes anos de atrás que era imposible cada vez que o pedimos”, lamentan.

Neste sentido, e polo que respecta á función da AICA na procura de transparencia e as súas competencias, Unión de Uniones pide que este organismo dispoña de todos os medios necesarios para que poida facer fronte á persecución de incumprimento e lograr que as multas que impoñan sexan realmente disuasorias.

Así mesmo, Unión de Uniones cre que se pode mellorar a tipificación de venda a perdas e, para ser completa esta modificación, faltaría tamén unha definición da posición de dominio que protexa das transgresións da competencia derivados da concentración da distribución e a industria.

Igualmente, consideran que a Lei da Mellora do Funcionamento da Cadea Alimentaria debería definir mellor o seu texto para transponer integramente a Directiva Europea Directiva (UE) 2019/633 e que queden claramente incluídas determinadas prácticas desleais como prazos de posible cancelación de contratos, ameazas e represalias comerciais e esixencia de pagos non pactados.

Por último, en canto ao cambio na fiscalidade das axudas de incorporación de mozas, Unión de Uniones considera que “deberíase, ademais, aplicalo con carácter retroactivo, para non prexudicar aos mozos que se incorporaron estes anos atrás”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información