Leccións para Galicia nas conferencias Land & Poverty do Banco Mundial

Leccións para Galicia nas conferencias Land & Poverty do Banco Mundial

A edición XIX das conferencias anuais “Land & Poverty” reuniron na sede do Banco Mundial en Washington DC, EUA, máis de 1 800 participantes entre representantes de gobernos, ONGs, académicos e profesionais de todo o mundo.

A coruñesa Iria Buxán, consultora do Banco Mundial en cuestións de catastro e rexistro da propiedade, participou nestas prestixiosas conferencias internacionais. Este encontro, o máis importante do mundo en cuestións de gobernanza da terra, amosou as novas tendencias polas que están a apostar os diferentes gobernos e o sector privado, tanto a nivel tanto técnico como político-legal, de todo o mundo.

Moitas das cuestións abordadas, a longo dos seminarios, teñen en común que son desafíos que comparten moitos países. Neste sentido, Galicia que conta cunhas características específicas de minifundismo, dispersión xeográfica e abandono acelerado do rural, pode aprender e compartir a súa experiencia neste tipo de encontros para valorar outras formas de abordar as políticas de xestión de territorio co fin de que sexan máis inclusivas, participativas, transparentes e sustentables.

Unha das premisas comunmente aceptadas nas conferencias é que as políticas de regularización das terras son necesarias para o desenvolvemento económico e social dun territorio porque aumentan a seguridade sobre a tenza da propiedade e, polo tanto, incrementan o investimento privado e a produtividade e reducen potencialmente a degradación do solo.

A recadación de impostos permite que a administración do territorio sexa fiscalmente sustentable para poder desenvolver ferramentas de planificación urbana e rural.

Como en anos anteriores, tamén se debateu sobre como garantir o acceso da poboación local á terra a través do recoñecemento do dereito consuetudinario, como por exemplo na Lei de Terras do 1997 en Mozambique.

Un sistema catastral público, accesible e gratuíto é a chave para o desenvolvemento territorial

Paul Collier, Universidade de Oxford, salientou o importante rol do goberno como solución para o desenvolvemento territorial, polo cal, os departamentos de urbanismo dos municipios deben ter o poder suficiente para protexer os intereses colectivos por riba dos particulares. De maneira que, os dereitos de tenza sobre as propiedades deben ser utilizados para defenderse doutros propietarios e non para ir contra as autoridades públicas, cuxa función principal, debe ser a de velar pola protección dos intereses colectivos.

Por iso, o mantemento e actualización dun sistema catastral público, accesible e gratuíto é a chave para o desenvolvemento territorial. Nos últimos anos, aprobáronse leis (en España) que facilitan, por primeira vez, a coordinación catastro- rexistro mediante o uso do ficheiro GML INSPIRE de parcela catastral que permite, entre outras vantaxes, identificar sobre o plano a situación, forma e superficie da finca.

Ademais, a única base cartográfica que se usa é a cartografía catastral, tanto para a Dirección Xeral de Rexistros e Notarios (dependente do Ministerio de Xustiza) como para a Dirección Xeral do Catastro (dependente do Ministerio de Facenda). Estas mudanzas constitúen unha boa base para o desenvolvemento de plans de usos de solo e modelos de crecemento máis inclusivos, transparentes e participativos.

A última edición do encontro incidiu de xeito especial na necesidade de produción e análise de datos para cuantificar o impacto das intervencións derivadas da aplicación de políticas territoriais.

Novas ferramentas tecnolóxicas para a xestión do territorio

Do mesmo xeito, abordouse o establecemento de estándares para a captura, produción e mantemento dos datos para facer as economías comparables e medibles. Os maiores expertos do mundo chamaron a aproveitar as vantaxes das tecnoloxías gratuítas, como o Google Earth Engine, e o emprego de imaxes satelitais que permiten usos innovadores, tamén para a xestión do territorio.

Con ferramentas como o satélite Sentinel 2, que cobre a terra enteira en tan só 5 días, é posible facer un seguimento case en tempo real das modificacións que se están a producir no territorio e dispoñer de información actualizada de infraestruturas (acceso público a auga, saneamento, electricidade, etc.), asentamentos humanos, cultivos ou catástrofes naturais como incendios.

Iria Raposo, consultora do Banco Mundial en cuestións de catastro e rexistro da propiedade

Iria Raposo, consultora do Banco Mundial en cuestións de catastro e rexistro da propiedade

O emprego de vehículos aéreos non tripulados ou drons para a recollida de información tamén se presenta como unha oportunidade de especial interese para o noso país. Outra nova tecnoloxía que se está a amosar moi eficaz debido a seus niveis de seguranza é o Blockchain. Esta tecnoloxía, empregada para o desenvolvemento de moedas virtuais como o Bitcoin, ten moitas máis aplicacións e é perfecta para o rexistro das propiedades, xa que, permite integrar todos os datos dun inmoble, e as sucesivas modificacións e transmisións, de forma encriptada deixando sempre un rastro de todas as alteracións rexistradas e das persoas que realizaron o rexistro, sen que sexa posible borrar nada. Esta tecnoloxía está xa a se aplicar no Kadaster dos Países Baixos ou no Servizo de Xerografía, Cartografía e Catastro de Ucraína, entre outros países, e nos diferentes niveis de administración, tamén administración local. A Comisión Europea xa creou o Observatorio Blockchain para facer seguimento da evolución do seu uso.

Exemplos como estes amosan a importancia deste tipo de encontros mundiais para o intercambio de boas prácticas, o aproveitamento de sinerxías e a construción dunha rede de contactos para mellorar a acción nun asunto tan complexo e que require consenso como é a política da xestión do territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información