“Hermi exerce un monopolio e é quen fixa os prezos do coello en España”

Entrevista a María Antonia Ramos, presidenta de Progacun, a primeira organización galega de produtores de carne de coello. Asegura que detrás da grave crise de prezos que vive o sector hai múltiples factores, pero apunta ao matadoiro Hermi como un dos responsables de que os prezos sigan anormalmente baixos.

“Hermi exerce un monopolio e é quen fixa os prezos do coello en España”

María Antonia Ramos, presidenta de Progacun

Os produtores galegos de coello están a organizarse para facer fronte a unha das peores crises que lembra o sector. Cuns prezos de 1,40 euros o quilo, cando os custos de produción estímanse en 1,85 euros, o sector leva case dous anos contra as cordas.

Esta crise levou a 50 cunicultores galegos, aproximadamente o 25% dos existentes en Galicia, a unirse en Progacun, unha organización de produtores que busca sumar esforzos para negociar en mellores condicións coa industria, a administración e os provedores. A súa presidenta é Maria Antonia Ramos, cotitular dunha explotación de coellos en Rodeiro (Pontevedra), con 1.236 nais. Este venres realizará o primeiro acto público de Progacun en Santiago de Compostela.

Por que naceu Progacun?
Había unha necesidade de que os cunicultores galegos nos asociáramos e estivéramos xuntos. Creo que os grandes matadoiros aproveitáronse da desunión e do illamento de cada produtor, aos que chega pouca información, a través de veterinarios ou técnicos, ou de forma distorsionada. Iso explica que durante anos estivese a pagarse aos cunicultores pola Lonxa de Silleda, que estaba supeditada aos prezos da de Madrid, pero con 11 céntimos menos por quilo.

A crise que está a padecer o sector desde hai case dous anos levou aos cunicultores galegos a que nos deamos conta de que temos que unirnos e traballar conxuntamente para tratar de defendernos.

A día de hoxe Progacun ten uns 50 cunicultores asociados, procedentes das catro provincias galegas e entre todos agrupamos a unhas 50.000 nais.

Cales son os obxectivos da asociación?
Estamos a empezar e o primeiro acto que imos realizar, no que contamos co apoio de Unións Agrarias, vai ser este venres pola mañá na Praza de Abastos de Santiago de Compostela para poñer en valor a carne de coello e o seu carácter saudable.

“A administración non debe dar axudas para novas granxas de coellos”

O obxectivo non é outro que tratar de axudar ao sector en todo o que podamos: promocionando a carne de coello, falando coas administracións para que nos apoien…etc. Insisto en que a Xunta de Galicia tennos que apoiar para promover o consumo de carne de coello, sobre todo nos centros escolares. Hai que ter en conta que a día de hoxe as presentacións e os produtos elaborados a partir desta carne están pensados xa para unha cociña rápida, saborosa e saudable, con produtos como salchichas, hamburguesas ou xamón cocido.

Outro obxectivo que nos marcamos desde Progacun é que se inclúa a carne de coello na dieta mediterránea e que as administracións deixen de subvencionar con diñeiro público a construción de novas granxas, que empeoran a situación do mercado. O que pedimos é que axuden ás explotacións cunícolas xa activas con axudas para mellora xenética, para modernización das instalacións..etc.

Por que o matadoiro Hermi está nestes momentos na diana dos cunicultores españois?
Hermi é un matadoiro que controla o mercado ibérico, sacrificando máis do 25% da carne coello, e o seu comportamento é de monopolio, cunha actitude de prepotencia cara aos demais produtores. Xa afundiu a varios matadoiros ou os comprou para pechalos. Pero o que é máis grave, Hermi é quen fixa os prezos da Lonxa de Madrid, a referencia para o resto de España.

En definitiva, Hermi acumulou moito poder e está a exercer un monopolio.

Pero os matadoiros din que sobra carne de coello e que o seu consumo baixou notablemente nos últimos anos….
A Administración debería realizar un estudo sobre como está o mercado cunícola en España e se realmente sobre carne de coello. É certo que sobra coello nunhas Comunidades, onde se consome pouco, pero falta noutras. Por exemplo, en Cataluña hai neste momento un déficit importante desta carne, á vez que están a pechar moitas granxas nesa comunidade. Como se explica este paradoxo? Porque Hermi está a promover un cambio no modelo de cunicultura en España, apostando por grandes granxas de coello en Castela e León, preto do seu matadoiro, e para iso a Comunidade veciña estivo concedendo nos últimos anos importantes axudas para a construción de novas granxas.

Con todo, desde o meu punto de vista este modelo de grandes granxas intensivas non é viable a medio e a longo prazo, porque ao cabo de poucos anos convértense nun foco de infección, con importantes problemas sanitarios, por non falar dos problemas ambientais debidos á xestión de grandes cantidades de esterco de coello.

Que lle solicitades á Xunta de Galicia desde Progacun?
As axudas que aprobou a Consellería do Medio Rural, de 250.000 euros para todo o sector, son totalmente insuficientes. O planteamento é bo pero a dotación orzamentaria é moi escasa para os máis de 200 cunicultores que quedamos en toda Galicia, unha cifra que siga baixando cada mes. O que me poidan dar non me serviría nin para pagar os gastos de inseminación dun lote.

En canto ao Ministerio, o SAECA publicou unha liña de créditos para as explotacións cunícolas e baixáronse algo os módulos. Pero necesitariamos tamén un estudo real sobre como está a cunicultura en Galicia e en España.

“A Lonxa de Madrid non é transparente”

A situación dos produtores é moi crítica, con moitas explotacións que deben diñeiro aos provedores de penso, aos bancos, a familiares…etc.

Desde Progacun tamén demandamos que as nosas explotacións se inclúan nas axudas directas da PAC ou dar axudas para os produtores que están próximos á xubilación ou a pechar para reestruturar o sector.

¿Por que aseguran os produtores que a Lonxa de Madrid está manipulada e propoñen tomar como referencia a Lonxa de Moncún, en Bellpuig?
A Lonxa de Moncún está a traballar con datos reais da produción dos cunicultores que participan nesa lonxa. Pola contra, polo que sabemos, na Lonxa de Madrid só se reúnen o matadoiro Hermi, a asociación Cuniber, que está supeditada a Hermi, e un representante dos cunicultores de Portugal. E o que é peor, pactan os prezos a varias semanas e mesmo meses, sen ter en conta realmente aos produtores e a situación real do mercado. Ademais, é a referencia de prezos da carne de coello en España, co que tamén tira á baixa coas cotizacións na lonxa de Moncún.

Como valoras o papel da interprofesional, de Intercun?
Creo que non cumpre o papel para o que se creou, que era fomentar e promover o consumo de carne de coello en España. É necesario cambiar a forma de traballar de Intercun, con novas ideas e nova xente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información