A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Herbicidas en millo: claves para a súa aplicación e efectividade

O equipo técnico e comercial de Syngenta Noroeste explica os aspectos clave para unha boa aplicación de herbicidas no cultivo do millo e garantir así que sexan efectivos

Herbicidas en millo: claves para a súa aplicación e efectividade

Aplicación de herbicida en millo en postemerxencia

Estamos no inicio da campaña de sementeira do millo. Como debe ser a preparación do terreo para axudar a un mellor control das malas herbas?
No caso de laboreo tradicional debemos procurar enterrar os restos de cultivo anterior co obxectivo de evitar rebrotes de pradaría e desenvolvemento de adventicias. Neste caso realizaremos un labor primario de arado de vertedeira ou grade de discos.

Uns días previos a sementeira e realizada a aplicación de fertilizante, faremos un labor de preparación da cama de sementeira. Neste caso podemos utilizar fresadoras, grades rotativas ou grades rápidas, sendo condición necesaria que vaian acompañadas dun rodete parker ou similar con obxecto de que o terreo quede nivelado e lixeiramente compactado.

No caso de sementeira directa unicamente realizaremos un control químico das adventicias presentes no momento de sementar.

Que herbicidas son máis eficaces: os de preemerxencia ou os de postemerxencia?
Ambos os tratamentos son eficaces se son utilizados correctamente e no seu momento óptimo. Antes de decidirnos por un método ou outro debemos coñecer as malas herbas predominantes en cada parcela e en función da especie determinaremos en que momento do cultivo debemos aplicar o herbicida.

Á hora de aplicar un herbicida atopámonos con tres opcións: preemerxencia, postemerxencia precoz e postemerxencia.

No caso da preemerxencia os herbicidas deben aplicarse xusto despois da sementeira. Con este método buscamos un control de malas herbas desde o primeiro momento e unha acción residual durante o ciclo do cultivo.

Postemerxencia: co cultivo xa establecido, este método conta coa vantaxe de que unha vez que vimos o tipo de mala herba e a zona poder actuar e seleccionar o herbicida en concreto para o seu control. Debemos prestar atención tanto ao desenvolvemento do cultivo como o da adventicia para o seu control e momento de aplicación.

Postemerxencia precoz: neste caso aplicaremos o herbicida nos primeiros estadíos do cultivo, cando as malas herbas empezan a emerxer. Utilizaremos herbicidas de preemerxencia que conten con protectores de cultivo e ás veces en combinación con herbicidas de post para reforzar o control de malas herbas resistentes.

Cal sería o momento óptimo e as recomendacións xerais para aplicar un herbicida de preemerxencia en millo?
No caso da preemerxencia atopámonos dous momentos de aplicación:

-Antes da sementeira: incorporamos o herbicida no terreo mediante incorporación mecánica cun labor moi lixeiro (10 cm). Recorremos a este método cando non se prevean choivas posteriores á sementeira.

-Despois de sementar: aplicamos o herbicida sobre o terreo sementado a condición de que teñamos unha previsón de choiva superior a 10 L/m2 nos días sucesivos á aplicación.

E no caso dos de post emerxencia?
Principalmente debemos ter en conta o desenvolvemento vexetativo da mala herba para a elección do herbicida e a compatibilidade de materias activas a mesturar na cuba no caso de que teñamos que utilizar herbicidas de folla ancha e folla estreita.

No caso de mestura en tanque de distintas materias activas debemos prestar atención á súa posible combinación debido a que existen antagonismos entre sustancias que reducen a súa eficacia unha vez mesturadas.

Con todo, nos últimos anos estamos a asistir á aparición de resistencias, en especies como a xuncia. Que aconsellades para reducir este risco?
Realmente non consideramos a aparición de resistencias en especies como a xuncia. Atopámonos ante unha adventicia de difícil control debido a súa nascencia graduada e o seu gran desenvolvemento vexetativo.

Ante esta situación naquelas leiras con presión de xuncia debemos recorrer a herbicidas de preemerxencia e postemerxencia precoz como son Lumax e Camix. Estes herbicidas contan na súa composición con dúas materias activas ( S-metolacloro e Mesotriona) e a súa combinación permiten realizar desde o inicio unha elevada acción de contención, a fin de permitir un control máis eficiente en postemerxencia naquelas leiras de alta presión de xuncia.

Tamén seguen orbservándose problemas de fitotoxicidade no millo debido á aplicación de herbicidas. Que aspectos deberiamos ter en conta para evitar este problema?
Principalmente cando nos atopamos ante esta situación o motivo é debido a un exceso de dose ou aplicación do herbicida, fóra do rango de desenvolvemento do cultivo recomendado.

Outras situacións que nos podemos atopar é que o herbicida non conte na súa composición cun protector de cultivo ou que a mestura de diferentes produtos leve a un antagonismo de materias activas.

En xeral, e dada vosa ampla experiencia, ¿Cales son os erros máis comúns que detectades na aplicación de herbicidas en cultivo de millo?
Un piar importante no control das malas herbas é a aplicación. Debemos ter en conta en que momento imos aplicar o produto (pre ou postmerxencia) e en función diso adaptar os volumes de caldo, tamaño de pingueira, boquillas e zonas de solape do herbicida.

Hoxe en día os produtos son totalmente seguros e detrás de cada un existe un esforzo de I+D e un plan de ensaios por zonas para adaptar o produto á súa dose e momento de aplicación para o control das malas herbas obxectivo.

Que vantaxes destacariades dos dous principais herbicidas de millo cos que conta Syngenta: Lumax e Elumis?
Lumax é un herbicida selectivo de millo resultante da combinación de tres materias activas (S-Metalocloro, Mesotriona e Terbutilazina). Destacariamos as seguintes vantaxes:

-Amplo espectro de control: controla practicamente todas as malas herbas do cultivo, tanto gramíneas como folla ancha.

-Flexibilidade na aplicación: conta na súa composición cun protector de cultivo evitando danos por fitotoxicidade nos primeiros estadíos do millo.

-Efecto residual: ten eficacia sobre malas herbas emerxidas e as que quedan por emerxer, así como un efecto residual prolongado durante o cultivo. A humidade despois da aplicación é clave para un exitoso control das malas herbas

-Formulación líquida e sen necesidade de mesturas.

-Facilidade/compatibilidade para a mestura con outros herbicidas.

Elumis é unha solución completa a base de Nicosulfuron e Mesotrina dando un amplo control de malas herbas en postmerxencia tanto de folla ancha como estreita.

Elumis conta na súa formulación coa tecnoloxía OD proporcionando unha solución líquida cunha aplicación segura e eficiente. Minimiza as perdas por deriva e perda de produto aumentando a capacidade de mollado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información