Gandería Álvarez y Velasco SC, catro séculos de trashumancia e tradición vaqueira en Asturias

Cada primavera os animais desta gandería percorren os 100 quilómetros que separan Las Regueras dos pastos de montaña do Parque Natural de Somiedo. Coas vacas trasládase tamén toda a familia, como outrora, un modo de vida ancestral que desaparece

Lucia con Gitana1

Como cada primavera, a principios de maio Lucía Velasco e Jorge Álvarez trasladaron a todo o seu rabaño de vacas a pacer aos portos da montaña asturiana. No outono, coas primeiras neves, farán o camiño de volta. Son vaqueiros de alzada, últimos representantes dunha tradición secular practicamente perdida que segue viva grazas a ganderías como a súa.

Os vaqueiros de alzada constitúen un grupo étnico cultural de Asturias, cuxas orixes ancestrais vincúlanse á gandería seguindo un modelo de explotación moi particular mediante unha transhumancia estacional. No mes de maio a familia vaqueira deixa o pobo de inverno e desprázase, xunto ao seu gando, ás brañas e aos pobos de verán, nas zonas de pasto dos portos de montaña, onde permanecen ata o mes de outubro. Coa chegada dos fríos do inverno, regresan co seu gando e aveños aos pobos dos vales baixos.

Lucía recibiu o pasado verán en Aristébano o galardón de vaqueira de honra por manter viva esta tradición que dá nome a unha importante comarca gandeira do occidente asturiano. A familia de Jorge estivo practicando a transhumancia de foma ininterrompida desde fai catro séculos entre Las Regueras e Somiedo. A de Lucía facía o mesmo entre Relloso e Bustellán, en Tineo, aínda que xa hai 20 anos asentáronse definitivamente en Bustellán. “Os meus pais, os meus avós e os meus bisavós foron tamén vaqueiros. Eu teño dous fillos e gustaríame que non acabase en min a tradición vaqueira, teño a esperanza de que algún deles siga coa gandería”, di.

Antes as familias ían camiñando co gando, ía un diante para abrir a casa e logo ían todos os demais cos animais. Os vaqueiros levaban todo, incluído ata o gato. Pero hoxe somos moi poucos os que facemos iso xa. É unha cultura que desaparece

“Antes as familias ían camiñando co gando, ía un membro da familia diante para abrir a casa e logo ían todos os demais cos animais. Os vaqueiros levaban todo, incluído ata o gato. Eran 4 días de camiñada desde Quexo, en Las Regueras, ata as Brañas de Cerreo en Somiedo. Son 100 quilómetros. Pero os tempos evolucionaron e os gandeiros con eles. Agora trasladamos ao gando en camións, só facemos a pé os últimos nove quilómetros desde Pola de Somiedo ata o porto de montaña. Facendo transhumancia completa, é dicir, levando as cousas e quedándose a vivir alí no verán quedamos poucos. Nós mantemos a casa no porto e no verán, cando os crios acaban o colexio, quedamos alí. Este ano como xa non tiñan clases polo coronavirus fómonos xa en maio. Vaqueiros trashumantes de orixe e que o manteñan hoxe somos moi poucos xa. É unha cultura que desaparece”, lamenta.

De facer o camiño a pé ao traslado en camións na actualidade

transporte gando trashumancia Asturias

Imaxe do traslado do gando á montaña en camións a principios de maio

Os camións substituiron a día de hoxe ás recuas de ganado camiño dos portos de montaña. A explotación de Jorge e Lucía, Álvarez y Velasco SC, agrupa ao seu gando en Las Regueras antes de partir ao seu destino de verán. Son 80 vacas de raza Asturiana dos Vales máis a recría e os tenreiros, en total unhas 120 cabezas. “Catro persoas amañámonos para facer o traslado”, indican.

Programan os partos para o inverno, de forma que non hai nacementos cando o gando está nos prados da montaña. “Botamos os touros a todas as vacas na primavera de maneira que decembro e xaneiro son os meses de máis partos e cando facemos a transhumancia os tenreiros xa teñen 4 ou 5 meses. As vacas pasan todo o verán no porto de Somiedo e baixámolas a finais de outubro ou principios de novembro de novo a Las Regueras a parir”, explica Lucía.

Levo 10 anos á fronte da explotación pero procedo dunha familia de gandeiros e sempre estiven vinculada a este sector

Esta explotación asturiana dispón de dous touros, que van variando para evitar a consanguinidade. “Cada tres anos cambiamos aos sementais”, indican. Os tenreiros están os primeiros 6 ou 7 meses de vida coas nais antes de destetarse. “Despois cébámolos ata os 12 ou 13 meses que os vendemos, normalmente directamente a matadoiro”, aclara Lucía, que está dentro da IXP Ternera Asturiana e en Xata Roxa, a marca creada no 2001 para a comercialización da carne da asociación de criadores Aseava.

A función do sal

Lucía dando sal a las vacas en Somiedo

Lucía dando sal ás vacas en Somiedo

As vacas pasan todo o verán pacendo en liberdade nas brañas do porto a 1.800 metros de altitude nun monte comunal que está sen pechar. Alí os animais son autosuficientes. O único que Jorge e Lucía lles aportan é sal, que cumpre diversas funcións: ademais de ser un complemento mineral esencial para o correcto desenvolvemento nutricional que favorece a dixestión e asimilación dos alimentos, a fertilidade e a saúde xeral das vacas, aos gandeiros sérvelles para reunir ao rabaño supervisar o seu estado, xa que os animais acoden rapidamente á súa cita semanal co sal. O demais achégao a natureza: pasto fresco e auga dispoñible en abundancia. “O gando agradece a liberdade, cando chega maio está desexando marcharse”, aseguran.

As vacas pacen libremente de maio a novembro a 1.800 metros de altitude. Cando chega a primavera están desexando marchar para Somiedo

Mentres as vacas están en Somiedo Jorge e Lucía aproveitan para recuperar as praderías de Las Regueras nas que estiveron durante o inverno separadas por lotes. “Ao estar baleiras as fincas todo o verán facemos silo e herba seca para o inverno. Recollemos entre 400 e 500 rolos cada ano. A maiores compramos palla e alfalfa en Castela”, explica Lucía. Tras estes cortes de forraxe deixan que a pradaría se recupere para que cando as vacas baixen da montaña no outono haxa pasto para elas.

Las Regueras2

Pastizais de primavera e outono en Las Regueras

Todos os animais do seu rabaño están inscritos no Libro Xenealóxico da Raza Asturiana dos Vales e forma parte do Control de Rendemento Cárnico da Asociación de Criadores Aseava, pesando aos seus tenreiros ao nacemento, destete e sacrificio. O seu sistema de manexo recibe o nome de val-porto, baseado no pastoreo estival dos portos de montaña acompañado dun breve pastoreo primaveral e outonal dos prados do val, que se usan tamén para obter a forraxe necesaria para alimentar ao gando durante a estabulación invernal.

“Sen a PAC isto non sería viable”

“Hai que ter gando segundo a capacidade do terreo”, defende Lucía, que explica que “a transhumancia encarece os custos da gandería debido ao transporte pero aforras en alimentación”, asegura. Con todo, recoñece, “sen a PAC non sería viable”.

El ganado en las Brañas de Cerreo, en Somiedo

O gando nas Brañas de Cerreo, en Somiedo

O coronavirus e o peche da hostalería e o turismo agravou o baixo prezo da carne que se arrastraba en 2019. “Os tenreiros pequenos baixaron moito o ano pasado porque houbo parón nas exportacións a países árabes e os cebaderos tiñan atasco e agora pillounos isto e baixaron moito os prezos”, lamenta.

A caída de prezos colleraos de cheo este ano, xa que ao programar os partos vendían a maior parte dos seus tenreiros nesta época

A caída nas cotizacións da IGP Ternera Asturiana foron similares ás que sofren os produtores de Ternera Galega Suprema e a venda de carne de vaca está totalmente parada tamén en Asturias. “As vacas de carne non teñen venda co peche de toda a hostalería e os McDonald’s, non hai demanda para elas”, indica Lucía.

Agrupan los partos en los meses de diciembre y enero y los terneros son destetados a los 7 meses

Agrupan os partos nos meses de decembro e xaneiro e os xatos non son destetados até os 6 ou 7 meses

No seu caso a caída dos prezos colleraa de cheo este ano, xa que ao agrupar os partos no inverno as vendas dos tenreiros tamén se concentran. “Agora para xuño é cando teño o groso das vendas que é cando tamén máis valía a carne normalmente”, explica.

Vacas lonxevas

somiedo7

“En Las Regueras nos últimos anos deixouse moito a produción de leite. Uns pásanse á carne e outros directamente pechan. A carne é menos escrava pero tamén dá menos diñeiro, porque carne vendes unha vez ao ano mentres os ingresos da produción de leite son mensuais”, compara. Pero a pesar da pouca rendibilidade actual Lucía non cambia a súa profesión. “Eu prefiro ser a miña propia xefa coidando aos meus animais que ser camareira nun bar”, di.

Eu prefiro ser a miña propia xefa coidando aos meus animais que ser camareira nun bar

A liberdade coa que ela traballa é a mesma coa que se move o seu gando boa parte do ano, algo que sen embargo non impide que Lucía siga mimando ás súas vacas. Ela é deses gandeiros que coñecen a todos os seus animais polo seu nome e teñen as varas só para apoiarse nelas. “Meu pai ensinoume que cada pau que lle das a unha vaca é un pau que te estas dando a ti mesmo”, di.

Lirona, Asturiana, Valenciana, Cereza ou Gitana junior son algúns dos nomes das súas vacas. Gitana junior é filla de Gitana, un emblema da súa explotación. “Empezou comigo cando comecei na gandería e estivo comigo desde entón ata este ano, que morreu de vella con 19 anos. Era a nena mimada, a que recibía todos os coidados. O ano pasado xa non a levei a Somiedo e trouxo un tenreiro enorme”, emociónase.

“Detrás dunha muller rural hai unha familia e iso é vida para o campo”

somiedo4

Lucía séntese orgullosa de ser gandeira, o seu modo de vida desde hai 10 anos, os mesmos que agora ten o seu fillo Samuel, ao que ela se esforza por trasladarlle o seu amor polo oficio. Do mesmo xeito que á súa filla Ainhara, de 2 anos, porque para Lucía o futuro do rural está nas mulleres. “As gandeiras asentamos poboación porque detrás dunha muller rural escóndese unha familia e iso é vida para o campo. Debería terse iso en conta na PAC”, defende.

Á fronte da súa explotación esfórzase por facer chegar á sociedade a través das redes sociais o día a día do seu traballo e os beneficios da gandería extensiva sobre o territorio e reclama máis apoio e máis servizos básicos cubertos como pediatras, colexios ou lugares de lecer para que haxa incorporación e relevo no sector.

As redes sociais son unha excelente ferramenta para dar visibilidade ao noso traballo e poñer en valor as vantaxes que ten o mundo rural, como son unha mellor calidade de vida para os nosos fillos ou a tan demandada conciliación laboral

“Hai que apoiar á xente nova para que se animen e darlles formación para que saiban diversificar as súas explotacións para que teñan rendibilidade e sexan viables. Creo que debería haber unha materia xa no colexio para inculcar aos nenos desde pequenos as posibilidades do rural”, di.

A importancia das cooperativas

Lucía, vestida con la indumentaria tradicional vaqueira

Lucía, vestida coa indumentaria tradicional vaqueira

Lucía forma parte do grupo Ganaderas Asturianas e destaca o papel das cooperativas e a súa importancia no sector agrogandeiro. A súa explotación é socia de Agrovaldés, que lle fornece penso, forraxes e formación e asesoramento técnico e forma parte tamén de Cooperativas Agroalimentarias del Principado de Asturias. O seu irmán, Manuel, que seguiu coa gandería familiar de leite en Tineo, Casa Marcelo, de Bustellán, é vicepresidente de Campoastur.

Hai que potenciar que nas cooperativas haxa xente nova e máis mulleres nos consellos reitores

Ela reclama que “hai que potenciar que nas cooperativas haxa xente nova e máis mulleres nos consellos reitores, xa que somos unha peza importante para fixar poboación e aí é onde podemos loitar polos nosos dereitos”. Destaca que é un camiño no que se está avanzando aos poucos e proba diso, di, é que en Asturias xa hai 17 mulleres en consellos de cooperativas, como Maricruz Fernández, presidenta de Campoastur; Ana María Menéndez, vicepresidenta de Cooperativas Agroalimentarias del Principado de Asturias; ou María Caridad Molleda, que forma parte da Xunta Reitora de Central Lechera Asturiana.

Premios á Innovación e á Muller Rural

Lucía foi embaixadora de Ternera Asturiana e unha das protagonistas do primeiro capítulo da serie documental Fans del Vacuno, elaborada pola Interprofesional do Vacún (Provacuno) e galardoada coa medalla de Ouro nos premios Best Awards que outorga Alimentaria, unha das grandes feiras do sector da alimentación a nivel mundial, que se celebra cada dous anos en Barcelona e que este ano quedou posposta.

Álvarez y Velasco SC protagoniza un dos capítulos de Fans del Vacuno, a serie documental realizada por Provacuno e que foi galardoada coa medalla de Ouro nos premios Best Awards que outorga a feira Alimentaria de Barcelona

A pesar da súa mocidade, esta gandeira recibiu xa o Premio de Excelencia á Innovación na Actividade Agraria do Principado de Asturias e o Premio Innovación Muller Rural do Ministerio de Agricultura 2018 e é habitual vela representando ao sector gandeiro asturiano, á muller rural e á tradición vaqueira en distintos foros e congresos por toda España, como no pasado COP-25, o último Cumio do Clima celebrado en Madrid. O seu maior desexo, que a gandería extensiva e a transhumancia que levan séculos exercendo os vaqueiros non desapareza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información