Galicia, na media europea de prezos do leite

Unha análise de Terra e Leite sobre o periodo 2005-2013 sitúa a Galicia na media europea de cotizacións en orixe. O diferencial de prezo coa media española, foco de debate

Galicia, na media europea de prezos do leite

Gráfica de Terra e Leite que compara os prezos a nivel europeo no periodo 2005-2013. Galicia ocupa o terceiro posto.

¿Son os prezos do leite en Galicia dos máis baixos entre as grandes zonas produtoras de Europa? Unha análise da asociación Terra e Leite sobre o periodo 2005-2013 conclúe que a imaxe de baixos prezos do leite que se adoita asociar á gandeiría galega está errada. As cotizacións en Galicia aparecen nese periodo por riba das de países como Francia, Alemania, Irlanda ou Reino Unido. “A imaxe de baixos prezos en Galicia perxudícanos a todos, xa que non nos deixa marxe de negociación coa distribución”, valoraba hai pouco o coordinador da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Pedro Ramos.

A idea de que en Galicia se pagan baixos prezos orixínase nas estatísticas que se manexan de xeito habitual a nivel español e europeo. Os datos do Ministerio sitúan os prezos do leite en orixe que cobra o gandeiro galego na cola dos pagados en España. Do mesmo xeito, as organizacións agrarias adoitan acudir tamén ó Observatorio Europeo de Prezos do Leite para poñer as cotizacións en Galicia nunha perspectiva europea, tamén con Galicia normalmente varios céntimos por baixo da media da UE-15.

“A imaxe de baixos prezos do leite perxudícanos a todos” (Asociación de Empresas Lácteas de Galicia)

Esas estatísticas, sobre todo a comparación a nivel europeo, dan lugar a enganos, segundo se valora desde Terra e Leite, unha entidade que trata de prestixiar a produción de leite e de produtos lácteos na comunidade. O erro das comparativas cos datos do Observatorio Europeo débense, segundo a asociación, a que se trata de prezos de mercado, sen referenciar a un leite estándar, cun nivel homoxéneo de graxa e proteína. Se se calculan os prezos pagados en Europa para un leite ó 3,70 de graxa e ó 3,10 de proteína –o estándar español-, a posición galega e do conxunto de España sitúase entre os postos de cabeza.

Con esa corrección, no periodo 2005-2013, o prezo español sería o máis alto da UE, en tanto o galego situaríase no terceiro posto, por detrás dos Países Baixos, pero por riba de Reino Unido, Irlanda, Francia e Alemania, segundo a análise que fai Terra e Leite en base a un estudo do Institut d’Elevage francés e ós datos galegos elaborados pola propia asociación a partir da información das Administracións públicas.

Comparativa en España
Máis polémica é a comparativa co resto de España. Cos datos do Ministerio de Agricultura, en xaneiro do 2015, o prezo medio en Galicia situábase 2,3 céntimos por baixo da media española (30,5 fronte a 32,8 céntimos). ¿Que motiva ese diferencial?

Nun recente foro de debate sobre o sector lácteo, interpelouse sobre a cuestión ó coordinador da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Pedro Ramos, quen sinalaba dous factores fundamentais: “Hai que ter en conta o custo de transporte do leite galego ata os grandes centros de consumo e tamén a prima por volume. Galicia ten unhas gandeirías cunha cota media inferior á española e entre as explotacións que máis cobran –por entregar máis cantidade de leite- e as que menos hai ata 4 céntimos de diferencia por litro”, valoraba Ramos.

O sector produtor cuestiona que Competencia non investigara as prácticas da gran distribución co leite

Intermediación
Un terceiro factor situábao o coordinador da Asociación de Empresas na intermediación do leite en Galicia, que supón case un terzo das compras. Segundo Ramos, os primeiros compradores que intermedian no mercado entre gandeiros e industrias adoitan marcar uns prezos en orixe inferiores ós das empresas transformadoras.

O sector dá por bos parte dos argumentos, pero cuestiona o diferencial con outras zonas produtoras que presentan desvantaxes similares a Galicia, como Asturias, que en xaneiro foise ós 35,5 céntimos por litro fronte ós 30,5 en Galicia. “Non se entende que a un lado do Eo haxa un prezo e a outro lado outro”, valoraba no mesmo foro de debate Antonio Oca, quen fora no bipartito director xeral de Produción Agroalimentaria da Xunta. Desde as cooperativas apuntábase entón un cuarto factor: o peso das cooperativas transformadoras de leite en Asturias fronte ó caso galego.

“Non se entende que a un lado do Eo haxa un prezo e a outro lado, outro” (Antonio Oca)

Custos de produción e negociación
Así as cousas, as conclusións da análise comparativa a nivel europeo de Terra e Leite apuntan a que Galicia está no allo dos prezos que se pagan en Europa e a que non queda outra que competir por marxes, ou sexa, por custos de produción.

A ausencia dunha negociación real polo prezo do leite entre gandeiros e industrias lácteas, que suscita periódicas tensións e mobilizacións, é outro dos retos a superar no novo periodo sen cotas que se abre o 1 de abril. “Cando nos sentamos coas industrias lácteas a negociar, encontrámonos ás veces con que nos teñen que baixar o prezo porque xa fixeron previamente negociacións á baixa coa distribución”, critica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

“Cando nos sentamos coas industrias a negociar, están atadas de mans polos acordos coa distribución” (Unións Agrarias)

O sector produtor cuestiona que a recente sanción de Competencia ás industrias por pacto de prezos non chegara ós grupos da gran distribución comercial, ós que se considera responsables da banalización do leite e do seu abaratamento en toda a cadea, desde as explotacións lácteas ata o consumidor final.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información