Francia paga por reducir a produción de leite, mentres España mantén a demanda forte

A Interprofesional francesa acorda un plan para abonarlle 32 céntimos / Kg. ás granxas que baixen a súa produción en abril entre un 2 e un 5%. O país veciño está afectado pola baixada de exportacións e polo peche da restauración. Unións advirte da entrada de leite galo importado

Francia paga por reducir a produción de leite, mentres España mantén a demanda forte

O pico estacional da produción de leite na primavera está levando ó sector en Francia a impulsar medidas para reducir as entregas.

O mercado internacional de produtos lácteos vive unha situación de incertidume pola pandemia do coronavirus. En Francia, as maiores dificultades loxísticas para a exportación, unidas a unha caída do mercado hosteleiro doméstico, están xerando problemas de excedentes. Ante esa situación, a Interprofesional francesa acordou hoxe un plan de 10 millóns de euros para reducir a produción en abril en 31 millóns de litros. Pagaralle ás granxas 32 céntimos por litro que deixen de producir se a súa baixada de entregas está entre un 2 e un 5%.

A situación gala contrasta coa española, onde o tirón das compras en supermercados continúa compensando as vendas perdidas na hostelería. O sector agarda que en España se manteña unha demanda forte e de feito, a diferenza da situación de Francia, non hai industrias que estean pedíndolle ás granxas unha baixada de produción.

Importacións
As altas compras nos supermercados españois levaron incluso a que alomenos un par de grandes industrias importara nas últimas semanas numerosas cisternas de Francia e Portugal, segundo advirte Unións Agrarias, que pide un control sobre ese leite para garantir que non se envasa como produto español.

A organización agraria advirte de que chegaron a entrar 1.000 toneladas diarias en camións cisternas procedentes dos países veciños. “Pedímoslle ó Ministerio que haxa unha trazabilidade dese leite, para impedir que ningunha industria o venda como produto español e que tamén se controlen os prezos. Se entra leite excedentario en España a 14 céntimos o litro, está claro que se está vendendo por debaixo de custes, o que vulnera a lexislación e é sancionable”, advirte o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Unións pide o compromiso do consumidor para apoiar a produción española e lamenta que haxa unha industria de base cooperativa que estea apostando polas importacións. “En cambio, temos que dicir que outras industrias como Lactalis, coa que como é sabido mantemos un litixio xudicial, están comportándose de xeito exemplar nesta situación, incluso a nivel da negociación de contratos con Ulega”, valora Roberto García.

Situación en Francia
Entre tanto en España a previsión do sector é que o mercado se manteña estable, Francia está afrontando unha situación complicada pola caída das exportacións e o peche da hostelería doméstica. As industrias están solicitándolle ás granxas que reduzan a produción con medidas como a baixada do concentrado na ración ou das forraxes complementarias ó pastoreo. De xeito paralelo, a Interprofesional francesa lanzou hoxe un plan para bonificar ás granxas que reduzan a súa produción en abril, coincidindo co pico estacional da primavera.

Para o verán, o sector francés espera que a situación se teña normalizado. “É un país excedentario que se move nos prezos altos de Europa e que para protexer prezos e mercado opta por esta medida de autorregulación” -valora Roberto García-. “É unha situación que non se pode comparar coa española, pois nós somos un país deficitario en produción e a exportacion carece desa importancia”.

Exportacións
O mercado internacional está atravesando por dificultades loxísticas derivadas do coronavirus, se ben un dos principais importadores, China, está levantando as restriccións que mantiña nos portos, o que previsiblemente permitirá que mellore a fluidez das vendas ó país asiático.

En calquera caso, a tendencia baixista dos mercados está levando a unha ralentización das compras, pois os países importadores esperan maiores baixadas de prezos nas próximas semanas. O leite en po desnatado acumula unha caída do 10% no último mes, se ben tamén é certo que a súa cotización mantense aínda un 20% por riba da que tiña o pasado ano por estas datas. En canto á manteiga baixou lixeiramente, pero continúa en cotizacións altas, equiparables ás melloras da súa serie histórica ata o 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información