Feiradeza recoñecerá este ano ao mellor criador de xovencas

Feiradeza recoñecerá este ano ao mellor criador de xovencas

Galardoados en Feiradeza 2016

O certame gandeiro Feiradeza celebrarase os días 8 e 9 de xullo. Esta semana reuniuse no concello de Lalín o comité organizador nunha xuntanza convocada polo concelleiro de Actividade Agraria, Xosé Manuel Hermida, que tivo como obxectivo ir pechando os últimos detalles de cara a celebración do certame.

No encontro participaron -ademais do propio edil- o presidente de Africor Pontevedra, Rafael Méndez, e o xerente da mesma organización, José Rodríguez. Así mesmo, asistiron á xuntanza numerosos gandeiros da zona que cada ano colaboran na organización deste evento, que nesta ocasión acollerá o XXIII Concurso e Poxa da Raza Frisona.

A xuntanza serviu para fixar o programa da feira, que seguirá en xeral as liñas de programación de edicións anteriores, con sorteos, poxas, exposicións de gando e concursos morfolóxicos e de manexadores dotados con máis de 7.500 euros en premios.

Feiradeza recoñecerá ao mellor criador de xovencas

Como novidade decidiuse eliminar a sección de vaca campiona provincial, xa que como explicou Hermida “a vencedora desta sección sempre acababa sendo a vaca gran campiona de Feiradeza, de modo que se anticipaba a resolución deste premio”. Así, acordouse substituír esta condecoración por unha sección de nova creación na que se recoñecerá ao mellor criador de xovencas, coa finalidade de pór en valor a importancia da recría de calidade nas explotacións.

Así mesmo, mantense o recoñecemento ás mellores explotacións segundo os datos obtidos no control leiteiro. Trátase da concesión duns premios (sen dotación económica), divididos en categorías dependendo do tamaño das producións, que tratan de visibilizar e pór en valor o bo traballo das ganderías con máis calidade e mellores datos de produción. Así mesmo aumentarase o valor da nai que sairá a poxa e que nesta edición alcanzará os 8.500 kg de produción e os 80 puntos de cualificación morfolóxica.

Por último, e co obxectivo de axilizar os sorteos, no canto de sacar números ata que estes coincidan coa rifa dalgún dos presentes, as persoas que desexen participar no sorteo deberán depositar o resgardo da papeleta nunha urna da que serán extraídos directamente os números gañadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información