Feijoo anuncia un “plan de impostos cero no rural”

O presidente da Xunta destaca que se eliminarán as taxas por transmisión de fincas rústicas ou explotacións agrarias. Pronostica que nun ano haberá creadas 25 sociedades de fomento forestal (Sofor)

Feijoo anuncia un “plan de impostos cero no rural”

Feijoo fixo un repaso por medidas previstas para o rural.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, aproveitou o Debate do Estado da Autonomía para anunciar unha serie de medidas en relación ó medio rural. A maior novidade radica no que Feijoo calificou como “plan de impostos cero no rural”, que vén a ser a eliminación dalgunhas das taxas que dependen da Administración autonómica, como a correspondente á transmisión de fincas en solo rústico, que xa non terán que pagar o imposto de transmisións patrimoniais. Tamén deixará de tributar a transmisión ou ampliación de explotacións agrarias. Doutro lado, a agrupación de fincas rústicas non terán que pagar o imposto de actos xurídicos documentados.

As rebaixas para o rural súmanse á diminución xeral dos impostos anunciada polo presidente da Xunta, que asegurou que se reducirá o imposto da renda para a gran maioría dos contribuíntes. Feijoo trasladou tamén no Parlamento a case eliminación do imposto de sucesións, xa que quedarán exentos de tributación os primeiros 400.000 euros para fillos, netos, pais e avós.

Sector lácteo
Entre as previsións inmediatas para o sector lácteo, o presidente da Xunta fixo un repaso polas medidas xa coñecidas. Destacou que a curto prazo se inxectarán 10 millóns de euros para facilitarlles préstamos aos donos das explotacións e que se anticiparán 70 millóns de euros de axudas da PAC antes de que remate o ano. En canto ó medio prazo, Feijoo incidiu na aposta da Xunta polo consumo de leite galego, que promocionará a través da marca Galega 100%, e no apoio á industrialización do sector lácteo, con 30 millóns en liñas dirixidas ás empresas de transformación.

Forestal
No relativo aos montes galegos, Núñez Feijoo fixo fincapé en que, no marco da revisión do Plan Forestal de Galicia que está en marcha, apoiarase a reforestación de terras e seguirase apostando polas agrupacións de propietarios para a xestión conxunta dos montes. A previsión da Xunta é que no prazo dun ano haxa constituidas 25 sociedades de fomento forestal (Sofor). Actualmente hai 5 creadas ou en trámites de creación.

Banda larga de internet
Outra das medidas anunciadas por Feijoo é a extensión da banda larga de internet a través do Plan de banda larga 2020. “Comprometémonos a que todos os galegos teñan dentro de cinco anos conexións de cando menos 30 megas”, asegurou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información