Europa consolida un cinturón lácteo do que Galicia queda fóra

Un informe da Comisión Europea prevé que o 80% dos aumentos da produción de leite na próxima década se rexistren nas illas británicas e nas rexións atlánticas comprendidas entre a Bretaña francesa e os países bálticos

Europa consolida un cinturón lácteo do que Galicia queda fóra

Mapa da Comisión que debuxa un cinturón lácteo na zona atlántica do norte de Europa.

Galicia sitúase entre as 10 principais rexións produtoras de leite da UE, pero irá perdendo comba durante a próxima década, segundo un informe de previsións do mercado lácteo que vén de publicar a Comisión Europea para o periodo 2016-2026. O informe debuxa un cinturón lácteo que copará o 80% dos aumentos de produción de toda a Unión Europea. Ese cinturón inclúe a Irlanda, Gran Bretaña e ás rexións atlánticas do norte europeo (Bretaña francesa, Bélxica, Holanda, norte de Alemania, Dinamarca e países bálticos).

En canto a Galicia, queda encadrada xunto ó resto de España, Portugal, Italia e o sur de Francia nunha zona, a do Suroeste, para a que se prevé un escaso crecemento das entregas de leite ata o 2026. Se o cinturón lácteo medrará na próxima década en 10,5 millóns de toneladas, para o Suroeste prevese un aumento de só 1,1 millóns de toneladas, do total de 13 millóns de toneladas en que aumentará a produción láctea europea, segundo as perspectivas da Comisión.

O documento cita as estratexias industriais de prezos dobres, extendidas en Galicia, como factor de redución das entregas

Cinturón lácteo
As tres cuartas partes do aumento da produción de leite na UE ata o 2026 corresponderán a cinco países: Alemania, Irlanda, Gran Bretaña, Holanda e Francia. Nos vindeiros dez anos, Irlanda espérase que aumente as súas entregas nun 41%, en tanto Alemania, Holanda e Gran Bretaña estarán por riba do 10%, segundo as previsións da Comisión. España, pola súa banda, aumentará a súa produción pero dun xeito limitado, segundo esas perspectivas.

Pronóstico de aumento de produción por países.

Pronóstico de aumento de produción por países.

As distintas políticas de cada Estado e as estratexias das industrias lácteas son algúns dos factores que, segundo o informe, incidirán nun menor crecemento ou na baixada da produción prevista en determinadas áreas. O documento cita as estratexias de prezos dobres (A e B) -extendidas en Galicia por medio de empresas como Clas (Larsa), Reny Picot ou Logística Alimentaria- como un factor que anima a reducir as entregas de leite.

Previsións de mercado
As previsións de mercado da Comisión a medio prazo son positivas, se ben recoñece incógnitas no curto prazo. Nos últimos meses estase producindo unha recuperación, tanto nos prezos dos produtos lácteos industriais como, con certo retraso, no prezo do leite no campo. Sen embargo, é unha incógnita cal será a magnitude da recuperación.

Os aumentos de produción en Estados Unidos e os altos stocks de leite en po deixan en incógnita cal será a magnitude da recuperación

Os aumentos da produción que está a haber en Estados Unidos (+2% esperado no 2016), e na UE, cun aumento agardado do 0,6% no global do ano, aportan incertidume. Outro factor desestabilizador son os altos stocks de leite en po almacenados.

En canto ás previsións ata o 2026, espérase un crecemento moderado da produción na UE e no resto do mundo sostido por un aumento da demanda mundial. O informe advirte tamén de que os desequilibrios entre a oferta e a demanda non se poden excluír e contribuirán á volatilidade de prezos que se observa na UE desde o 2007.

Europa, segundo as previsións da Comisión, será o primeiro exportador mundial de lácteos no 2026, pero aínda nese escenario, o 85% do consumo do leite producido será interno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información