Entregados os títulos da parcelaria a máis de 900 propietarios de Ordes

Entregados os títulos da parcelaria a máis de 900 propietarios de Ordes

A conselleira do Medio Rural no acto de entrega dos títulos de propiedade.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, fixo entrega este mércores dos títulos de propiedade dos novos predios xurdidos da reestruturación parcelaria da parroquia de Leira, no concello coruñés de Ordes.

Con este acto pónse fin á reorganización da propiedade en 1.469 hectáreas pertencentes a 908 propietarios. A concentracion parcelaria na parroquia de Leira comezou nada menos que no ano 1998 e conclúe 19 anos despois.

Coa entrega destes títulos culmínase o proceso de reestruturación parcelaria reducindo as 7.786 parcelas existentes inicialmente a tan só 2.058. Así, cada propietario pasou de ter, de media, 11,07 predios a 2,71, cunha dimensión de preto de 6.921 metros cadrados cada un.

O proceso de concentración parcelaria na parroquia de Leira comezou no ano 1998

Os traballos realizados na zona concentrada supuxeron un investimento de 2,46 millóns euros, dos cales a meirande parte (1,86) corresponden á execución das obras da rede de camiños e ao acondicionamento das fincas. De feito, interveuse sobre 32,64 quilómetos de viarios. Unha vez rematado este proceso de reorganización da terra, o concello de Ordes pasa a ter concentrado e en proceso un 78,22% da súa superficie.

A Consellería do Medio Rural ten orzamentados no 2017 un total de 26,9 millóns para avanzar en en todos os procesos de reestruturación parcelaria abertos no territorio e que afectan a máis de 116.000 hectáreas.

A titular de Medio Rural avanzou que “co de hoxe pechamos un máis dos procesos de reorganización que arestora están vivos e que se pretenden pechar administrativamente antes de 2020”. “E iniciaremos xa outros novos, priorizando sempre aqueles que verdadeiramente respondan ao interese xeral, que favorezan a creación de base territorial para explotacións e xeren actividade económica”, declarou Ángeles Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información